Saltar ao contido

Impresión xenética

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Impronta xenética»)

A impresión xenética[1] (genetic imprinting) ou impronta xenética, tamén chamada impresión xenómica, é un fenómeno xenético que consiste en que certos xenes se expresan dun modo que depende da procedencia materna ou paterna de dito xene. Os seres diploides con reprodución sexual teñen dúas copias de cada xene, unha procedente da nai e outra do pai, e na impresión xenética a expresión do xene depende desa procedencia. É un fenómeno independente da herdanza mendeliana clásica. Os alelos "impresos" son silenciados de modo que, segundo os casos, ou ben se expresen só os alelos non impresos de procedencia materna (por exemplo, o xene H19 ou o CDKN1C), ou só os non impresos de procedencia paterna (por exemplo, o xene IGF-2). Atópanse formas de impresión xenética en mamíferos (home incluído), insectos e plantas con flor.

A impresión xenética é un proceso epixenético que implica a metilación e modificación das histonas para conseguir a expresión monoalélica dun xene sen alterar a súa secuencia xenética. Estas marcas epixenéticas establécense na liña xerminal e son mantidas en todas as células do organismo. Como non se marca ou "imprime" igual o xene no espermatozoide que no óvulo, vai haber diferenza na expresión deses xenes.

Para un desenvolvemento correcto do organismo é importante que os xenes impresos se expresen correctamente, xa que en caso de haber certos trastornos xenéticos que afecten a esta expresión aparecen diversas enfermidades xenéticas asociadas como a síndrome de Beckwith-Wiedemann, sindrome de Silver-Russell, síndrome de Angelman ou síndrome de Prader-Willi.

Introdución

[editar | editar a fonte]

Nos organismos diploides, as células somáticas posúen dúas copias de todo o xenoma (agás os xenes ligados ao sexo nos individuos XY). Cada xene autosómico está presente en dúas copias ou alelos, unha das cales foi herdada da nai (a través do óvulo) e outra do pai (a través do espermatozoide) durante a fecundación. Para a gran maioría dos xenes autosómicos, ambos os alelos exprésanse simultaneamente. Nos mamíferos, unha pequena proporción (<1%) dos xenes están "impresos", o que significa que só se expresa un dos alelos.[2] O alelo que se expresará dependerá de cal sexa a súa orixe parental. Por exemplo, o xene que codifica o factor de crecemento 2 similar á insulina (IGF2/Igf2) só se expresa no alelo herdado do pai.[3]

O termo "imprinting" (impresión) foi usado con este significado primeiro para describir a expresión xenética no insecto Nipaecoccus nipae.[4] Nos insectos da familia Pseudococcidae (Homoptera, Coccoidea) tanto o macho coma a femia se desenvolven a partir de ovos fertilizados. Nas femias todos os cromosomas permanecen eucromáticos e funcionais. Nos embrións destinados a ser machos, un conxunto haploide de cromosomas faise heterocromático despois da sexta división do embrión e permanece así na maioría dos tecidos, polo que os machos son funcionalmente haploides.[5][6][7] Nos insectos, a impresión xenómica describe o silenciamento do xenoma parental nos machos, e está implicado na determinación sexual. Nos mamíferos, a impresión xenómica describe o proceso implicado na introdución de desigualdades funcionais entre os dous alelos parentais dun xene.[8]

Xenes impresos en mamíferos

[editar | editar a fonte]

Que a impresión xenética podería ser unha característica que se dá no desenvolvemento dos mamíferos foi deducido de experimentos de cruzamento de ratos que levaban translocacións cromosómicas recíprocas.[9] Experimentos de transplante de núcleos en cigotos de ratos realizados na década de 1980 confirmaron que o desenvolvemento normal require a contribución dos xenomas maternos e paternos. A gran maioría dos ratos partenoxenóns/xinoxenóns (con dous xenomas maternos ou do óvulo) e androxenóns (con dous xenomas paternos ou do espermatozoide) morrían antes ou na fase de blastocisto/implantación. Nos raros casos en que se desenvolvían ata as fases de postimplantación, os embrións xinoxenéticos tiñan un mellor desenvolvemento embrionario en relación co desenvolvemento da placenta, e cos androxenóns ocorría o contrario e só se puideron describir uns poucos.[10][11][12]

Os embrións partenoxenéticos/xinoxenéticos teñen o dobre do nivel de expresión normal de xenes procedentes da nai, e carecen da expresión dos xenes paternos, e ocorre o contrario cos embrións androxenéticos. Sábese agora que hai polo menos 80 xenes impresos nos humanos e ratos, moitos dos cales están implicados no crecemento embrionario e placentario e no desenvolvemento.[13][14][15][16] Utilizáronse varios métodos para identificar os xenes impresos. Nos porcos, Bischoff et al. 2009 compararon os perfís transcricionais utilizando chips de oligonucleótidos curtos (Affymetrix Porcine GeneChip) para examinar os xenes que se expresaban diferencialmente entre os partenotas (2 xenomas maternos) e os fetos de control (1 xenoma materno, 1 xenoma paterno) [17] Un intrigante estudo que examinou o transcritoma dos tecidos cerebrais murinos pola tecnoloxía de secuenciación de ARN Illumina (RNA-Seq), revelou que se orixinaban por cruzamento recíproco a partir de híbridos da xeración F1 uns 1300 loci de xenes impresos (aproximadamente 10 veces máis dos que se informara previamente).[18] Porén, este resultado foi posto en dúbida por outros que consideraban que isto era unha sobreestimación nunha orde de magnitude debida a análises estatísticos incorrectos.[19][20]

Nos mamíferos non existen casos naturais de partenoxénese a causa da existencia dos xenes impresos. A manipulación experimental da impresión da metiación paterna para controlar o xene Igf2 permitiu recentemente a creación de raros exemplares de rato con dous conxuntos maternos de cromosomas, aínda que isto non é un verdadeiro caso de partenoxenón. A descendencia híbrida de dúas especies pode mostrar un crecemento pouco común debido a unha combinación de xenes impresos, como é o caso dos ligres (híbridos de león e tigresa).[21]

Mapeado xenético de xenes impresos

[editar | editar a fonte]

Ao mesmo tempo que se xeraban os embrións xinoxenéticos e androxenéticos que se discutiron antes, xeráronse tamén embrións de ratos que contiñan só pequenas rexións que derivaban ou ben do xenoma materno ou ben do paterno.[22][23] A xeración dunha serie de tales organismos uniparentais, que entre todos abranguían todo o xenoma, permitiu a elaboración dun mapa dos xenes impresos.[24] Conteñen xenes impresos aquelas rexións que ao herdárense dun só proxenitor dan lugar a un fenotipo discernible. Posteriores investigacións mostraron que dentro destas rexións había frecuentemente numerosos xenes impresos.[25] Arredor do 80% dos xenes impresos atópanse en clústeres como os destas rexións, chamados dominios impresos, o que suxire un nivel de control coordinado.[26] Máis recentemente, os exames de todo o xenoma para identificar xenes impresos utilizaron a expresión diferencial de ARNms de fetos control e de fetos partenoxenéticos ou androxenéticos aplicando diversas técnicas.[27][28][29][30]

Mecanismos

[editar | editar a fonte]

A impresión de xenes é un mecanismo dinámico. É posible borrar e restablecer a impresión en cada xeración. A natureza da impresión debe, por tanto, ser epixenética (modificacións na estrutura da cromatina e non da secuencia do ADN). Nas células da liña xerminal a impresión bórrase e reestablécese de acordo co sexo do individuo; é dicir, nos espermatozoides en desenvolvemento (durante a espermatoxénese), establécese a impresión paterna, e durante o desenvolvemento dos óvulos (ovoxénese), establécese a impresión materna. Este proceso de borrado e reprogramación [31] é necesario para que os xenes teñan a impresión axeitada para o sexo do individuo. Tanto en plantas coma en mamíferos hai dous mecanismos principais que están implicados no establecemento da impresión, que son a metilación do ADN e a modificación das histonas.

Regulación

[editar | editar a fonte]

A agrupación de xenes impresos en clústeres permite que compartan elementos regulatorios comúns, como ARNs non codificantes e rexións metiladas diferencialmente. Cando estes elementos regulatorios controlan a impresión dun ou máis xenes, coñécense como rexións de control da impresión. A expresión de ARN non codificante, como Air no cromosoma 17 do rato e KCNQ1OT1 no cromosoma 11 humano (rexión 11p15.5), son esenciais para a impresión de xenes nas súas correspondentes rexións.[32]

As rexións metiladas diferencialmente son xeralmente segmentos de ADN ricos nos nucleótidos citosina e guanina, que teñen as citosinas metiladas nunha das copias pero non nas dúas. Ao contrario do que se agardaba, a metilación non significa necesariamente silenciamento, senón que o efecto da metilación depende do estado "por defecto" que teña a rexión.

Funcións dos xenes impresos

[editar | editar a fonte]

O control da expresión de xenes específicos por impresión xenómica é exclusiva dos mamíferos terios (mamíferos placentarios e marsupiais) e das plantas con flor. A impresión de cromosomas enteiros foi observada en insectos dos xéneros Pseudococcus [4][5][6][7] e Sciara.[33] Tamén está establecido que a inactivación do cromosoma X ocorre polo mecanismo da impresión nos tecidos extraembrionarios do rato e en todos os tecidos dos marsupiais, nos que é sempre o cromosoma X paterno o que é silenciado.[26][34]

A maioría dos xenes impresos dos mamíferos exercen funcións no control do crecemento embrionario e desenvolvemento, incluíndo o desenvolvemento da placenta.[13][35] Outros xenes impresos están implicados no desenvolvemento postnatal, e teñen funcións que afectan ao aleitamento das crías e ao metabolismo.[35][36]

Teorías sobre a orixe da impresión xenética

[editar | editar a fonte]

Unha hipótese amplamente aceptada sobre a evolución da impresión xenética é a "hipótese do conflito parental" [37] Tamén coñecida como teoría do parentesco da impresión xenómica, esta hipótese afirma que a desigualdade entre os xenomas parentais debido á impresión é resultado dos diferentes intereses de cada proxenitor en termos de eficacia biolóxica (fitness) dos seus xenes.[38][39] Os xenes do pai que codifican para a impresión gañan máis fitness co éxito da descendencia, a expensas da nai. O imperativo evolutivo da nai é a miúdo conservar recursos para a súa propia supervivencia mentres lles proporciona suficiente nutrición ás actuais e futuras crías. De acordo con isto, os xenes expresados paternalmente tenden a promover o crecemento entanto que os xenes expresados maternalmente tenden a limitar o crecemento.[37] En apoio desta hipótese, a impresión xenómica atopouse en todos os mamíferos placentarios, onde o consumo de recursos da descendencia despois da fecundación a expensas da nai é alta; aínda que tamén se encontrou en aves (ovíparas) [40][41] onde hai unha relativamente pequena transferencia de recursos despois da fecundación e, por tanto, menos conflito parental.

Porén, a nosa comprensión dos mecanismos moleculares que hai detrás da impresión xenómica indican que é o xenoma materno o que controla a maior parte da impresión tanto de xenes do cigoto procedentes do pai coma da nai, o que fai difícil explicar por que os xenes maternos deberían ceder a súa dominancia aos procedentes do pai á luz da hipótese do conflito.[42] Propuxéronse outras hipóteses que propoñen unha razón coadaptativa para a evolución da impresión xenómica.[42][43]

Outros enfocan o estudo das orixes da impresión xenómica desde outro punto de vista, e sinalan que a selección natural opera sobre o papel das marcas epixenéticas como mecanismo para o recoñecemento dos cromosomas homólogos durante a meiose, en vez de sobre o seu papel na expresión diferencial.[44] Este argumento céntrase na existencia de efectos sobre os cromosomas que non afectan directamente a expresión xénica, pero depende de cal é o proxenitor no que se orixinou o cromosoma.[45] Este grupo de cambios epixenéticos que dependen dos cromosomas do proxenitor de orixe (incluíndo tanto aqueles que afectan á expresión xénica coma os que non) denomínanse efectos de orixe parental, e inclúen fenómenos como a inactivación do cromosomna X paterno nos marsupiais, a distribución das cromátides non aleatoria nos fentos, e mesmo os cambios no tipo de apareamento nos lévedos.[45] Esta diversidade nos organismos que mostran efectos de orixe parental animou a algúns investigadores a situar a orixe evolutiva da impresión xenómica antes do último antepasado común de plantas e animais, hai mil millóns de anos.[44]

A selección natural da impresión xenómica require que haxa variabilidade xenética na poboación. Unha hipótese sobre a orixe desta variación xenética sinala que o sistema de defensa do hóspede responsable do silenciamento de elementos de ADN de orixe allea, como os xenes de orixe viral, silenciou por erro certos xenes, e isto acabou sendo beneficioso para o organismo.[46] Parece haber unha sobrerrepresentación de xenes retrotransposados, é dicir, xenes que son inseridos no xenoma por virus, situados entre xenes impresos. Tamén se postulou que se o xene retrotransposado se insire preto doutro xene impreso, pode adquirir esta impresión.[47]

Problemas asociados coa impresión xenética

[editar | editar a fonte]

A impresión pode causar problemas na clonación, xa que os clons poden ter ADN que non está metilado na posición correcta. É posible que isto se deba á falta de tempo para que a reprogramación remate completamente. Cando se engade un núcleo a un óvulo durante a transferencia nuclear de células somáticas, o óvulo empeza a dividirse en cuestión de minutos, en vez dos días ou meses que pode durar a reprogramación durante o desenvolvemento embrionario. Se o tempo é o factor responsable, é posible atrasar a división celular dos clons, dándolles máis tempo para que teña lugar unha axeitada reprogramación.

Un alelo para o carácter "calipixio" (en grego "cus bonitos") ou CLPG, é un xene que nas ovellas produce grandes nádegas formadas por músculo con moi pouca graxa. O fenotipo de grandes nádegas só aparece cando o alelo está presente no cromosoma 18 herdado do pai e á vez non está no cromosoma 18 homólogo herdado da nai.[48]

Síndrome de Prader-Willi/Angelman

[editar | editar a fonte]

Os primeiros trastornos xenéticos nos que estaban implicados xenes impresos que se describiron en humanos foron a síndrome de Prader-Willi e a síndrome de Angelman, que se herdan reciprocamente. Ambas as síndromes están asociadas coa perda (deleción) da rexión cromosómica 15q11-13 (banda 11 do brazo longo do cromosoma 15). Esta rexión contén os xenes de expresión paterna (SNRPN e NDN) e o xene de expresión materna (UBE3A).

  • A herdanza paterna dunha deleción desta rexión está asociada coa síndrome de Prader-Willi, caracterizada por hipotonia, obesidade, e hipogonadismo.
  • A herdanza materna da mesma deleción está asociada coa síndrome de Angelman, caracterizada por epilepsia, tremores, e unha expresión facial perpetua de sorriso.

O NOEY2 é un xene impreso de expresión paterna localizado no cromosoma 1 humano. A perda da expresión deste xene está ligada a un incremento do risco de padecer cáncer ovárico ou de mama; no 41% destes dous tipos de cánceres a proteína codificada por NOEY2 non se expresa, o que suxire que funciona como un xene supresor de tumores [49].

Outras condicións nas que están implicados xenes impresos son a síndrome de Beckwith-Wiedemann, a síndrome de Silver-Russell, e o pseudohipoparatiroidismo.[50]

A diabetes mellitus neonatal transitoria pode tamén implicar impresión xenética.[51]

A "teoría do cerebro impreso" argumenta que unha impresión desequilibrada pode ser a causa dof autismo e a psicose.

Xenes impresos en plantas

[editar | editar a fonte]

Un fenómeno similar de impresión xenética observouse nas plantas con flor (anxiospermas). Na reprodución das anxiospermas ten lugar unha dobre fecundación. No pistilo da flor, á vez que se produce a fecundación da ovocélula (o que dará lugar ao embrión da planta), ten lugar unha segunda fecundación para orixinar o endosperma, unha estrutura extraembrionaria que nutre ao embrión. A diferenza do que ocorre co embrión, o endosperma formase normalmente pola fusión de dúas células maternas e un gameto masculino (un dos núcleos do pole). Isto orixina un endospermo triploide, xa que se orixinou a partir de tres células haploides. A proporción desequilibrada de xenomas maternos e paternos parece ser crítica para o desenvolvemento das sementes. Observouse que algúns xenes se expresan de ambos os xenomas maternos e outros exprésanse exclusivamente da copia paterna.[52]

  1. Coordinadores: Jaime Gómez Márquez, Ana Mª Viñas Díaz e Manuel González González. Redactores: David Villar Docampo e Luís Vale Ferreira. Revisores lingüísticos: Víctor Fresco e Mª Liliana Martínez Calvo. (2010). Dicionario de bioloxía galego-castelán-inglés. (PDF). Xunta de Galicia. p. 55. ISBN 978-84-453-4973-1. 
  2. Wilkinson, Lawrence S.; William Davies and Anthony R. Isles (2007). "Genomic imprinting effects on brain development and function". Nature Reviews Neuroscience 8 (11): 832–843. PMID 17925812. doi:10.1038/nrn2235. Consultado o 2008-07-01. 
  3. DeChiara, Thomas M.; Elizabeth J. Robertson and Argiris Efstratiadis (1991). "Parental imprinting of the mouse insulin-like growth factor II gene". Cell 64 (4): 849–59. PMID 1997210. doi:10.1016/0092-8674(91)90513-X. Consultado o 2008-07-01. 
  4. 4,0 4,1 Schrader, Franz (1921). "The chromosomes in Pseudococcus nipæ". Biological Bulletin 40 (5): 259–270. JSTOR 1536736. doi:10.2307/1536736. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2011. Consultado o 2008-07-01. 
  5. 5,0 5,1 Brown, S. W.; U. Nur (1964). "Heterochromatic chromosomes in the coccids". Science 145 (3628): 130–136. PMID 14171547. doi:10.1126/science.145.3628.130. 
  6. 6,0 6,1 Hughes-Schrader, S. (1948). "Cytology of coccids (Coccoïdea-Homoptera)". Advances in Genetics 35 (2): 127–203. PMID 18103373. doi:10.1016/S0065-2660(08)60468-X. 
  7. 7,0 7,1 Nur, U. (1990). "Heterochromatization and euchromatization of whole genomes in scale insects (Coccoidea: Homoptera)". Dev. Suppl.: 29–34. PMID 2090427. 
  8. Feil, Robert Feil; Frédéric Berger (2007). "Convergent evolution of genomic imprinting in plants and mammals". Trends in Genetics 23 (4): 192–9. PMID 17316885. doi:10.1016/j.tig.2007.02.004. Consultado o 2008-07-01. 
  9. Lyon, M. F.; P.H. Glenister (1977). "Factors affecting the observed number of young resulting from adjacent-2 disjunction in mice carrying a translocation". Genetics Research 29 (1): 83–92. PMID 559611. doi:10.1017/S0016672300017134. 
  10. Barton, S. C.; et al. (1984). "Role of paternal and maternal genomes in mouse development". Nature 311 (5984): 374–376. PMID 6482961. doi:10.1038/311374a0. 
  11. Mann, J. R.; R.H. Lovell-Badge (1984). "Inviability of parthenogenones is determined by pronuclei, not egg cytoplasm". Nature 310 (5972): 66–7. PMID 6738704. doi:10.1038/310066a0. 
  12. McGrath, J.; D. Solter (1984). "Completion of mouse embryogenesis requires both the maternal and paternal genomes". Cell 37 (1): 179–83. PMID 6722870. doi:10.1016/0092-8674(84)90313-1. Consultado o 2008-07-01. 
  13. 13,0 13,1 Isles, A. R.; A. J. Holland (2005). "Imprinted genes and mother-offspring interactions". Early Human Development 81 (1): 73–7. PMID 15707717. doi:10.1016/j.earlhumdev.2004.10.006. Consultado o 2008-07-01. 
  14. Morison, I.M.; J. P. Ramsay and H. G. Spencer (2005). "A census of mammalian imprinting". Trends in Genetics 21 (8): 457–65. PMID 15990197. doi:10.1016/j.tig.2005.06.008. Consultado o 2008-07-01. 
  15. Reik, W.; A. Lewis (2005). "Co-evolution of X-chromosome inactivation and imprinting in mammals". Nature Reviews Genetics 6 (5): 403–10. PMID 15818385. doi:10.1038/nrg1602. 
  16. Wood, A. J.; R. J. Oakey (2006). "Genomic imprinting in mammals: emerging themes and established theories". PLoS Genetics 2 (11): e147. PMC 1657038. PMID 17121465. doi:10.1371/journal.pgen.0020147. Consultado o 2008-07-01. 
  17. Bischoff, SR; Tsai, S; Hardison, N; Motsinger-Reif, AA; Freking, BA; Nonneman, D; Rohrer, G; Piedrahita, JA (2009). "Characterization of conserved and nonconserved imprinted genes in swine". Biology of Reproduction 81 (5): 906–20. PMC 2770020. PMID 19571260. doi:10.1095/biolreprod.109.078139. 
  18. Gregg, C; Zhang, J; Weissbourd, B; Luo, S; Schroth, GP; Haig, D; Dulac, C (2010). "High-resolution analysis of parent-of-origin allelic expression in the mouse brain". Science 329 (5992): 643–648. PMC 3005244. PMID 20616232. doi:10.1126/science.1190830. 
  19. Erika Check Hayden (2012). "RNA studies under fire". Nature 484 (7395): 428. PMID 22538578. doi:10.1038/484428a. 
  20. Deveale B, van der Kooy D, Babak T (2012). "Critical Evaluation of Imprinted Gene Expression by RNA-Seq: A New Perspective". PLoS Genet 8 (3): e1002600. PMC 3315459. PMID 22479196. doi:10.1371/journal.pgen.1002600. 
  21. "Gene Tug-of-War Leads to Distinct Species". Howard Hughes Medical Institute. 2000-04-30. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2013. Consultado o 2008-07-02. 
  22. Cattanach, B. M.; M. Kirk (1985). "Differential activity of maternally and paternally derived chromosome regions in mice". Nature 315 (6019): 496–498. PMID 4000278. doi:10.1038/315496a0. Consultado o 2008-07-01. 
  23. McLaughlin, K. J.; P. Szabó, H. Haegel and J. R. Mann (1996). "Mouse embryos with paternal duplication of an imprinted chromosome 7 region die at midgestation and lack placental spongiotrophoblast". Development 122 (1): 265–70. PMID 8565838. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2020. Consultado o 12 de xullo de 2012. 
  24. Beechey, Colin; B. M. Cattanach, Andrew Blake and Jo Peters (2008). "Mouse Imprinting Data and References". MRC Harwell. Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2012. Consultado o 2008-07-02. 
  25. Bartolomei, M. S.; S. M. Tilghman (1997). "Genomic imprinting in mammals". Annual Review of Genetics 31: 493–525. PMID 9442905. doi:10.1146/annurev.genet.31.1.493. Arquivado dende o orixinal (subscription required) o 07 de xuño de 2020. Consultado o 12 de xullo de 2012. 
  26. 26,0 26,1 Reik, W.; J. Walter (2001). "Genomic imprinting: parental influence on the genome". Nature Reviews Genetics 2 (1): 21–32. PMID 11253064. doi:10.1038/35047554. 
  27. Kobayashi, H; Yamada, K; Morita, S; Hiura, H; Fukuda, A; Kagami, M; Ogata, T; Hata, K; Sotomaru, Y (2009). "Identification of the mouse paternally expressed imprinted gene Zdbf2 on chromosome 1 and its imprinted human homolog ZDBF2 on chromosome 2". Genomics 93 (5): 461–72. PMID 19200453. doi:10.1016/j.ygeno.2008.12.012. 
  28. Bjornsson, HT; Albert, TJ; Ladd-Acosta, CM; Green, RD; Rongione, MA; Middle, CM; Irizarry, RA; Broman, KW; Feinberg, AP (2008). "SNP-specific array-based allele-specific expression analysis". Genome Research 18 (5): 771–9. PMC 2336807. PMID 18369178. doi:10.1101/gr.073254.107. 
  29. Babak, T; Deveale, B; Armour, C; Raymond, C; Cleary, MA; Van Der Kooy, D; Johnson, JM; Lim, LP (2008). "Global survey of genomic imprinting by transcriptome sequencing". Current biology : CB 18 (22): 1735–41. PMID 19026546. doi:10.1016/j.cub.2008.09.044. 
  30. Luedi, PP; Dietrich, FS; Weidman, JR; Bosko, JM; Jirtle, RL; Hartemink, AJ (2007). "Computational and experimental identification of novel human imprinted genes". Genome Research 17 (12): 1723–30. PMC 2099581. PMID 18055845. doi:10.1101/gr.6584707. 
  31. Reik, W; Dean, W; Walter, J. (2001). "Epigenetic reprogramming in mammalian development". Science 293 (5532): 1089–93. PMID 11498579. doi:10.1126/science.1063443. 
  32. Mancini-DiNardo, Debora; Steele, SJ; Levorse, JM; Ingram, RS; Tilghman, SM (2006). "Elongation of the Kcnq1ot1 transcript is required for genomic imprinting of neighboring genes. 2006". Genes & Development 20 (10): 1268–1282. PMC 1472902. PMID 16702402. doi:10.1101/gad.1416906. 
  33. Metz, C. W. (1938). "Chromosome behavior, inheritance and sex determination in Sciara". American Naturalist 72 (743): 485–520. doi:10.1086/280803. 
  34. Alleman, Mary; John Doctor (2000). "Genomic imprinting in plants: observations and evolutionary implications". Plant Molecular Biology 43 (2–3): 147–61. PMID 10999401. doi:10.1023/A:1006419025155. (require subscrición (?)). 
  35. 35,0 35,1 Tycko, B.; I. M. Morison (2002). "Physiological functions of imprinted genes". Journal of Cellular Physiology 192 (3): 245–58. PMID 12124770. doi:10.1002/jcp.10129. 
  36. Constância, Miguel; Benjamin Pickard, Gavin Kelsey, and Wolf Reik (1998). "Imprinting mechanisms". Genome Research 8 (9): 881–900. PMID 9750189. doi:10.1101/gr.8.9.881. 
  37. 37,0 37,1 Moore, T.; D. Haig (1991). "Genomic imprinting in mammalian development: a parental tug-of-war". Trends in Genetics 7 (2): 45–9. PMID 2035190. doi:10.1016/0168-9525(91)90230-N. Consultado o 2008-07-01. 
  38. Haig, D. (1997). "Parental antagonism, relatedness asymmetries, and genomic imprinting". Proceedings of the Royal Society of London Series B-Biological Sciences 264 (1388): 1657–1662. doi:10.1098/rspb.1997.0230. 
  39. Haig, D. (2000). "The kinship theory of genomic imprinting". Annual Review of Ecology and Systematics 31 (1388): 9–32. PMC 1688715. PMID 9404029. doi:10.1146/annurev.ecolsys.31.1.9. 
  40. McElroy, Joseph; JJ Kim, DE Harry, Brown SR, JC Dekkers, and SJ Lamont (2006). "Identification of trait loci affecting white meat percentage and other growth and carcass traits in commercial broiler chickens". Poultry Science 85 (4): 593–605. PMID 16615342. 
  41. Tuiskula-Haavisto, M.; J. Vikki (2007). "Parent-of-origin specific QTL – a possibility towards understanding reciprocal effects in chicken and the origin of imprinting". Cytogenetic and Genome Research 117 (1-4): 305–312. PMID 17675872. doi:10.1159/000103192. 
  42. 42,0 42,1 Keverne, E; Curley, J (2008). "Epigenetics, brain evolution, and behavior" (PDF). Frontiers in Neurobiology 29 (3): 398. doi:10.1016/j.yfrne.2008.03.001. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de xuño de 2010. Consultado o 12 de xullo de 2012. 
  43. Wolf, J. B. (2009). "Cytonuclear interactions can favor the evolution of genomic imprinting". Evolution 63 (5): 1364–1371. PMID 19425202. doi:10.1111/j.1558-5646.2009.00632.x. 
  44. 44,0 44,1 Pardo-Manuel De Villena, F; De La Casa-Esperón, E; Sapienza, C (2000). "Natural selection and the function of genome imprinting: Beyond the silenced minority". Trends in Genetics 16 (12): 573–579. PMID 11102708. doi:10.1016/S0168-9525(00)02134-X. 
  45. 45,0 45,1 De La Casa-Esperón, E; Sapienza, C (2003). "Natural selection and the evolution of genome imprinting". Annu Rev Genet 37: 349–370. PMID 14616065. doi:10.1146/annurev.genet.37.110801.143741. 
  46. Barlow, D.P. (1993). "Methylation and imprinting: from host defense to gene regulation?". Science 260 (5106): 309–310. PMID 8469984. doi:10.1126/science.8469984. 
  47. Chai, Jing-Hua; Devin P. Locke, Tohru Ohta, John M. Greally and Robert D. Nicholls (2001). "Retrotransposed genes such as Frat3 in the mouse Chromosome 7C Prader-Willi syndrome region acquire the imprinted status of their insertion site". Mammalian Genome 12 (11): 813–821. PMID 11845283. doi:10.1007/s00335-001-2083-1. Consultado o 08 de abril de 2020. 
  48. Winstead, Edward R. (2001-05-07). "The Legacy of Solid Gold". Genome News Network. 
  49. Yu, Yinhua; Fengji Xu, Hongqi Peng, Xianjun Fang, Shulei Zhaodagger, Yang Li, Bruce Cuevas, Wen-Lin KuoDagger, Joe W. GrayDagger, Michael Siciliano, Gordon B. Mills and Robert C. Bast Jr. (1999). "NOEY2 (ARHI), an imprinted putative tumor suppressor gene in ovarian and breast carcinomas". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 96 (1): 214–9. PMC 15119. PMID 9874798. doi:10.1073/pnas.96.1.214. 
  50. C. David Allis; Thomas Jenuwein; Danny Reinberg (2007). Epigenetics. CSHL Press. p. 440. ISBN 978-0-87969-724-2. Consultado o 10 November 2010. 
  51. Raphaël Scharfmann (2007). Development of the Pancreas and Neonatal Diabetes. Karger Publishers. pp. 113–. ISBN 978-3-8055-8385-5. Consultado o 10 November 2010. 
  52. Nowack, Moritz K.; Reza Shirzadi, Nico Dissmeyer, Andreas Dolf, Elmar Endl, Paul E. Grini and Arp Schnittger (2007). "Bypassing genomic imprinting allows seed development". Nature 447 (7142): 312–5. PMID 17468744. doi:10.1038/nature05770. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]