Eucromatina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Núcleo dunha célula mostrando a localización da eucromatina.

A eucromatina é unha forma de cromatina que só está lixeiramente empaquetada, que contén unha gran concentración de xenes, e está xeralmente (pero non sempre) en activa transcrición. Comprende a porción menos condensada da cromatina e que se tingue menos con colorantes vista ao microscopio; a outra porción, máis condensada e tinguida, denomínase heterocromatina[1]. Secuenciouse o 99% do xenoma humano eucromático.[2]

Estrutura[editar | editar a fonte]

A estrutura da cromatina lembra a un colar de perlas despregado, no que cada unha das partículas grosas ("perlas") do colar son nucleosomas.[3] Os nucleosomas constan de oito proteínas histonas, e arredor deste conxunto enrólanse unhas 147 pares de bases do ADN[4], dando dúas voltas e continuando ata o seguinte nucleosoma. Na eucromatina o empaquetamento é escaso, polo que o ADN é accesible a encimas e factores proteicos. As histonas do nucleosoma posúen unha "cola", que pode sufrir diversas variacións, e crese que estas variacións actúan como "interruptores de control mestres", que determinan o arranxo que vai adoptar a cromatina. En concreto, crese que a presenza de dunha lisina 4 metilada nas colas da histonas funciona como un marcador xeral para a eucromatina.

Aparencia[editar | editar a fonte]

En xeral, a eucromatina ten un aspecto máis claro no núcleo tinguido visto ao microscopio, a diferenza da heterocromatina, que é máis escura. Esta cor máis clara débese á estrutura pouco compacta da eucromatina. A estrutura básica da eucromatina é unha fibra de 10 nm solta e alongada. Crese que a heterocromatina evolucionou a partir da eucromatina a medida que evolucionou o núcleo, posiblemente como un mecanismo para manexar un tamaño xenómico moi aumentado.

Función[editar | editar a fonte]

A eucromatina participa na transcrición activa do ADN a produtos de ARNm. A súa estrutura despregada permite que as proteínas reguladoras de xenes e os complexos da ARN polimerase se unan á secuencia de ADN, o cal pode despois iniciar o proceso de transcrición. Non toda a eucromatina se transcribe necesariamente, pero en xeral a que non o fai é transformada en heterocromatina para protexer os xenes que non se usan. A autorradiografía de células incubadas con nucleótidos radioactivos precursores do ADN indica que a maior parte da radioactividade queda asociada á eucromatina, o que indica que as zonas eucromátínicas son os lugares de transcrición do ARN.[1] Hai tamén unha correlación entre o grao de actividade dunha célula e a cantidade de eucromatina do seu núcleo. Crese que a célula utiliza a transformación da eucromatina en heterocromatina e viceversa como un método de control da expresión xénica e da replicación, xa que eses procesos son diferentes cando a cromatina está moi compactada, o que se coñece como hipótese da accesibilidade. Un exemplo de eucromatina constitutiva, que sempre está activa é a que codifica os chamados xenes de mantemento (housekeeping genes), que codifican as proteínas necesarias para as funcións básicas para a supervivencia da célula.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. 1986. Omega. Barcelona. Páxinas 488-489. ISBN 84-282-0752-6.
  2. "Finishing the euchromatic sequence of the human genome". Nature 431 (7011): 931–45. 21 October 2004. PMID 15496913. doi:10.1038/nature03001. 
  3. Reece, Jane; Campbell, Neil (2002). Biology. San Francisco: Benjamin Cummings. ISBN 0-8053-6624-5.
  4. Luger K, Mäder AW, Richmond RK, Sargent DF, Richmond TJ (September 1997). "Crystal structure of the nucleosome core particle at 2.8 A resolution". Nature 389 (6648): 251–60. DOI:10.1038/38444. PMID 9305837.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]