Ignacio Martínez de Pisón
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Ignacio Martínez de Pisón Cavero 27 de decembro de 1960 (63 anos) Zaragoza, España |
Educación | Universidade de Zaragoza - Licenciatura Universidade de Barcelona - Licenciatura |
Actividade | |
Ocupación | guionista, escritor, xornalista, novelista |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | María José Belló[1] |
Irmáns | José María Martínez de Pisón Cavero |
Parentes | Francisco Cavero, tataravó |
Premios | |
| |
Ignacio Martínez de Pisón Cavero, nado en Zaragoza, Aragón en 1960, é un escritor e guionista español. Foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa de 2015 pola súa novela La buena reputación.
Biografía
[editar | editar a fonte]Ignacio Martínez de Pisón naceu en 1960 en Zaragoza, aínda que pasou os seus primeiros anos en Logroño, onde o seu pai, que era militar, estaba destinado. É descendente por liña materna de Francisco Cavero e Álvarez de Toledo, militar e aristócrata carlista que participou en Aragón na Terceira Guerra Carlista.[2] É irmán de José María Martínez de Pisón, profesor de Filosofía do Dereito na Universidade da Rioxa.
Cando tiña 9 anos faleceu o seu pai, tras o cal a familia regresou a vivir a Zaragoza, onde Ignacio estudou cos xesuítas. Licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade de Zaragoza, e en 1982, ao terminar esta carreira, cursou Filoloxía Italiana en Barcelona, cidade na que reside desde entón.
Tras a súa primeira novela, La ternura del dragón, escrita en 1984 e que obtivo o premio Casino de Mieres, dedicouse de cheo á literatura. Especialmente inclinado pola novela e a narración curta, escribiu tamén o guión cinematográfico da adaptación ao cine do seu libro Carreteras secundarias que dirixiu en 1997 Emilio Martínez Lázaro e pola que foi candidato ao Goya ao mellor guión adaptado. En 2003 o realizador francés Manuel Poirier volveu levar esta novela á pantalla grande baixo o título de Caminos cruzados (Chemins de traverse). Escribiu tamén xunto a Emilio Martínez Lázaro o guión de Las trece rosas, pola que foi candidato a mellor guión orixinal dos premios Goya e é igualmente coautor xunto a Fernando Trueba do guión de Chico & Rita, a película de animación dirixida por Fernando Trueba, Javier Mariscal e Ton Errando.
As súas novelas foron traducidas a unha ducia de idiomas. Fixo adaptacións para o teatro (El filo de unos ojos). Escribiu artigos de prensa en diversos xornais e crítica literaria nos suplementos literarios de, entre outros diarios, ABC e El País. Desde principios de 2015 colabora regularmente en La Vanguardia.
Está casado e ten dous fillos con María José Belló, filla do xogador e adestrador do Real Zaragoza Luís Belló. É fillo predilecto de Zaragoza e o 17 de abril de 2015 foi galardoado como "Alumno Distinguido" da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Zaragoza, a súa alma mater.[3][4]
Literatura
[editar | editar a fonte]El tiempo de las mujeres
[editar | editar a fonte]En El tiempo de las mujeres, unha novela complexa e ambiciosa, relata a historia de tres irmás sobre o pano de fondo da transición democrática española. Desa forma a morte do pai de todas elas adquire un certo valor simbólico xa que deben, de súpeto, acceder á madurez. A moza María séntese forzada a ocupar o baleiro que deixou o pai, xa que a nai é desasistida e inmatura, a súa irmá Carlota atolada e mística e a outra, Paloma, soamente parece pensar en fuxir da casa. A novela resulta do derrube das ilusións de cada unha das tres irmás e a casa familiar, Villa Casilda, simboliza unha infancia feliz e unida da que a morte do pai as saca independizando o destino de cada unha delas respecto das outras. Trátase dunha novela de formación ou Bildungsroman feminino que utiliza tres diferentes narradoras en primeira persoa, onde o verdadeiro tema é a coincidencia entre maduración e soidade e a trama vai avanzando desde o inicial humor ao desencanto e o drama.
Enterrar a los muertos
[editar | editar a fonte]Na súa obra máis ensaística, Enterrar a los muertos, dá forma narrativa ao feito real do asasinato de José Carballos Pazos e a súa investigación por parte do novelista estadounidense John Dos Passos. O crime foi no seu momento unha causa soada á que se referiron despois, a miúdo de forma nesgada ou incorrecta, moitos dos principais historiadores da Guerra Civil. José Carballos e John Dos Passos coñecéronse a finais de 1916, e a súa amizade soamente se interrompeu coa morte do primeiro en 1937. Carballos traduciu o Manhattan Transfer de Dos Passos ao español e era un republicano fervente que en xullo de 1936 non dubidou en pórse ao servizo do goberno lexítimo. Tempo despois, foi detido en Valencia polos servizos secretos soviéticos e desapareceu. John Dos Passos non soubo do seu asasinato até abril de 1937, cando se atopaba en España colaborando nun documental de propaganda republicana. Empeñado en pescudar a verdade, chocou contra unha tupida conspiración de silencio e mentiras, e o que entón entreviu acabaría determinando a súa evolución ideolóxica e provocando a ruptura da súa vella amizade con Ernest Hemingway. Ignacio Martínez de Pisón documentouse con rigor e iluminou un escuro capítulo do pasado recente cun fresco da historia colectiva de España que expón o importante problema moral da dignidade nun réxime totalitario baixo o aparente molde dunha novela policial.
Dientes de leche
[editar | editar a fonte]Sobre a súa novela Dientes de leche escribiu Ernesto Ayala-Dip que nela o autor "sempre sae vitorioso. Esa é a función da arte. (...) Coma se o autor nos dixese: a vida ás veces ten moito de incrible e a arte da ficción ten a obrigación de facela verosímil." E acerca da súa obra El día de mañana, Ricardo Senabre dixo: "Sen divagacións, sen artificios explicativos, confiándoo todo á concisa narración dos feitos, Martínez de Pisón alcanza nalgúns momentos unha sutileza psicolóxica e una fondura que constitúen indicios inequívocos da madurez creadora."
La buena reputación
[editar | editar a fonte]En 2014 publicou La buena reputación, pola que obtivo o Premio Nacional de Narrativa de 2015. O xurado do premio cualificouna como “un retrato do mundo xudeo-español en Melilla na época do Protectorado e o complexo desenvolvemento dunha rede de relacións familiares no marco dun relato extenso moi fiel á tradición novelesca”. Foi ben acollida entre a crítica e o público. J. M. Pozuelo Yvancos afirmou que "esta novela móstranos a Martínez de Pisón convertido xa nun mestre".[5]
Derecho natural
[editar | editar a fonte]A súa seguinte novela Derecho natural, publicada en 2017, conta a historia dun actor fracasado que acaba gañándose a vida como imitador de Demis Roussos. Foi incluída como un dos 20 mellores libros de 2017, segundo Babelia.[6]
Filek. El estafador que engañó a Franco
[editar | editar a fonte]En 2018 publicou Filek. El estafador que engañó a Franco, onde presenta unha investigación sobre un personaxe real un falso inventor dunha gasolina sintética que triunfou na España de 1939. Tamén de 2018 é a premiada adaptación televisiva da súa novela El día de mañana, estreada en Movistar Plus e dirixida por Mariano Barroso.
Fin de temporada
[editar | editar a fonte]En 2020 regresou á ficción e publicou Fin de temporada, da que a crítica escribiu: «… poucos escritores españois hai mellor dotados que el para organizar a narración dunha historia. Con esta novela sucede que ao lector lle entran a miúdo ganas de postergar a súa lectura para que non se termine, de tanto que está a gozar» (José María Pozuelo Ivancos, ABC Cultural) ou «Unha novela que desarma pola súa emotividade e clarividencia psicolóxica» (Carlos Pardo, Babelia).[7][8]
Castillos de fuego
[editar | editar a fonte]Nesta extensa novela, publicada en 2023, o autor aragonés recrea os primeiros anos do franquismo en España entre 1939 e 1945 nunha gran novela realista algo lastrada polo seu afán de detalle, algo «inherente a un realismo de recreación sociohistórica. Con esta poética, Castillos de fuego está entre o mellor que pode facerse e iso non é pouca cousa», segundo a crítica publicada por Domingo Ródenas de Moya no suplemento literario de El País.[9] En palabras do crítico, «Pisón logra o seu propósito e entrega unha das súas mellores novelas». Para Alberto Olmos é unha «novela extraordinaria», segundo escribe en El Confidencial: «Castillos de fuego está, por dicilo con prudencia, a anos luz de todas as demais novelas que chegaron ás librarías en 2023. Por ambición, por técnica, por emoción, por traballo».[10]
Obra
[editar | editar a fonte]- La ternura del dragón (1984). Anagrama. Novela.
- Alguien te observa en secreto (1985). Anagrama. Relatos.
- Antofagasta (1987). Anagrama. Dúas nouvelles: La última isla desierta e Antofagasta
- Nuevo plano de la ciudad secreta (1992). Anagrama. Novela., novela
- El fin de los buenos tiempos (1994). Anagrama. Tres relatos ou novelas curtas: Siempre hay un perro al acecho, El fin de los buenos tiempos e La ley de la gravedad
- El tesoro de los hermanos Bravo (1996). Alba. Novela.
- Carreteras secundarias (1996). Anagrama. Novela.
- Foto de familia (1998). Anagrama. Relatos.
- El viaje americano (1998). SM. Novela.
- Una guerra africana (2000, SM) e 2008 RBA) Novela
- María bonita (2001). Anagrama. Novela.
- El tiempo de las mujeres (2003). Anagrama. Novela.
- Enterrar a los muertos (2005). Seix Barral.
- Las palabras justas (2007). Xordica. Reportaxes.
- Dientes de leche (2008). Seix Barral. Novela.
- Partes de guerra (2009 RBA e 2022 Catedral), como antólogo de 35 relatos sobre a Guerra Civil Española (39 relatos e un novo prólogo na reedición)
- Aeropuerto de Funchal (2009). Seix Barral. Antoloxía de contos
- El día de mañana (2011). Seix Barral. Novela. Premio de la Crítica
- La buena reputación (2014). Seix Barral. Novela. Premio Nacional de Narrativa
- Derecho natural (2017). Seix Barral. Novela.
- Filek: El estafador que engañó a Franco[11] (2017). Seix Barral. Novela.
- Fin de temporada (2020)Seix Barral. Novela.
- Castillos de fuego (2023). Seix Barral. Novela.
Premios
[editar | editar a fonte]- Premio Casino de Mieres 1984 por La ternura del dragón
- Premio Torrente Ballester 1991 por Nuevo plano de la ciudad secreta
- Premio NH 1999 ao mellor libro español de relatos por Foto de familia
- Premio Pedro Saputo 2000 ao mellor libro aragonés do ano por María bonita
- Premio Dulce Chacón de Narrativa Española 2006 por Enterrar a los muertos
- Premio Rodolfo Walsh 2005 por Enterrar a los muertos
- Premio San Clemente 2009 por Dientes de leche
- Premio das Letras Aragonesas 2011
- Premio Hislibris ao mellor autor español 2011 polo día de mañá
- Premio da Crítica de narrativa castelá 2011 por El día de mañana
- Finalista do Premio ao Libro Europeo do Ano 2011 da Unión Europea día de mañana
- Premio Ciutat de Barcelona 2012 por El día de mañana
- Premio Giuseppe Acerbi (Castel Goffredo, Mantua) 2012 por Dientes de leche
- Premio Espartaco Semana Negra de Xixón 2012 por El día de mañana
- Premio Don Luís á Excelencia Literaria 2012 (Adegas Luís Alegre, Laguardia, Rioxa Alavesa)
- Premio Libro do ano nos Premios Cálamo 2014 por La buena reputación
- Premio Nacional de Narrativa de 2015 por La buena reputación
- Premio José Antonio Labordeta á Literatura 2017
- Premio Especial do Xurado - Premio Artes & Letras 2020
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ José Luis Melero. Semblanza de Ignacio Martínez de Pisón
- ↑ Oyarzun, Roman Oyarzun (2008-07-03). HISTORIA DEL CARLISMO (en castelán). Editorial MAXTOR. ISBN 978-84-9761-448-1.
- ↑ "SEMBLANZA DE IGNACIO MARTÍNEZ DE PISÓN". www.joseluismelero.net. Consultado o 2023-11-16.
- ↑ "Filosofía y Letras celebra su patrón". El Periódico de Aragón (en castelán). 2015-04-17. Consultado o 2023-11-16.
- ↑ Cia, Blanca (2015-09-22). "“Un premio significa que te toman en serio”". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-11-16.
- ↑ Escaparate, EL PAÍS (2017-12-15). "Los 20 mejores libros de 2017, según Babelia (II)". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-11-16.
- ↑ "Martínez de Pisón, la red del pasado familiar". Diario ABC (en castelán). 2020-09-08. Consultado o 2023-11-16.
- ↑ Pardo, Carlos (2020-09-05). "Vivir es traicionarse". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-11-16.
- ↑ Moya, Domingo Rodenas de (2023-02-18). "‘Castillos de fuego’, todos los grises de la posguerra". El País (en castelán). Consultado o 2023-11-16.
- ↑ Olmos, Alberto (2023-02-13). "¿Por qué duró tanto el franquismo? Esta novela te lo explica". elconfidencial.com (en castelán). Consultado o 2023-11-16.
- ↑ "Reseña de «Filek» en Los Libreros Recomiendan".