Horst Matthai Quelle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaHorst Matthai Quelle
Biografía
Nacemento30 de xaneiro de 1912 Editar o valor em Wikidata
Hannover, Alemaña Editar o valor em Wikidata
Morte27 de decembro de 1999 Editar o valor em Wikidata (87 anos)
Tijuana, México Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAlemaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Nacional Autónoma de México Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónfilósofo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua alemá Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosDiego Matthai Springer (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Horst Matthai Quelle, nado en Hannover o 30 de xaneiro de 1912 e finado en México o 27 de decembro de 1999, foi un escritor e filósofo alemán en lingua castelá exiliado en México, con traballos centrados no solipsismo, o nihilismo e o anarquismo individualista. Estivo influenciado principalmente por filósofos alemáns como Max Stirner, Martin Heidegger, Hegel e Nietzsche, sendo un expoñente do anarquismo filosófico.

Biografía[editar | editar a fonte]

Nace na cidade de Hannover o 30 de xaneiro de 1912. Non hai constancia de que durante a súa xuventude en Alemaña iniciara estudos universitarios nin filosóficos.

En 1938,[1] ante a crise económica alemá e o ascenso do nazismo e o fascismo en Europa, instálase en México, onde traballará eventualmente no comercio de produtos químicos e agropecuarios (avicultura), empezando a estudar a carreira de Filosofía, tras interesarse tamén pola de Psicoloxía, na Universidade Nacional Autónoma de México, onde compartirá clases co escritor Carlos Monsiváis e os filósofos Leopoldo Zea e Emilio Uranga.

Na U.N.A.M. aprobou os seus estudos de licenciatura, mestría e doutoramento en filosofía. Realizou estudos de sánscrito no Colexio de México, ostentando o grao de maxisterio en educación outorgado pola Brigham Young University.

Sepárase da súa primeira muller na década dos sesenta. Deu clases de bacharelato no Centro Escolar Benémerito das Américas e posteriormente traballou para o Instituto Nacional Indixenista, na Serra de Puebla. Nos oitenta instálase na cidade de Tijuana e casa de novo. Impartiu clases de filosofía na UNAM, no Cetys de Tijuana, na Universidade Iberoamericana, nquipo Noroeste (Tijuana) e desde 1986 na Escola de Humanidades da Universidade Autónoma de Baixa California.

Influído por Hegel, Max Stirner, Nietzsche e Heidegger, parte das súas ideas abordan aspectos do solipsismo e o anarquismo.[2] O seu pensamento busca ser unha fundamentación hermenéutica do "retorno á metafísica", baseada na retradución e reinterpretación dos presocráticos e Hegel, a quen estaría dedicado un dos volumes da súa serie "Pensar y Ser", que posúe catro volumes, aos cales planeaba agregar "Los infinitos mundos de Anaxágoras", "Los atomistas de Abdera" e o seu estudo sobre Hegel, do cal non se coñece título previsto. "Todos los pensamientos son verdaderos", editado en 2007, é unha colección de apotegmas, recopilados por Heriberto Yépez, durante algúns dos seminarios de Matthai na Universidade Autónoma de Baixa California.

Morre en Tijuana, México, o 27 de decembro de 1999.

Filosofía[editar | editar a fonte]

A súa interpretación dos presocráticos, así como a súa propia teoría metafísica —os dous aspectos do seu pensamento— xiran en torno ao concepto da "teoría dos infinitos mundos" que, segundo Matthai, foi desenvolvida, en distintas versións, polos filósofos presocráticos. A teoría dos infinitos mundos, fundamentalmente, explica que a realidade é produto da conciencia e que cada conciencia individual constitúe un "mundo" ou "realidade". O seu concepto de "individuo" é semellante ao de "mónada" de Leibniz. Á imposibilidade de que un individuo se comunique con outro, Matthai chámalle "non-mutualidade". Moitos dos seus principios, enunciados como aforismos e apotegmas ("Fuera del Yo todo es ilusión", "El mundo es mi pantalla", "Yo soy a la vez la casa que se habita") e recollidos polo seu primeiro discípulo e logo Catedrático de Filosofía na U.A.B.C., Heriberto Yépez, inciden nesta dirección aparentemente solipsista, ou desde unha perspectiva alternativa, aparentemente relacionada con algunha forma extrema da epistemoloxía construtivista radical, na liña de Heinz von Foerster e outros.

Esta metafísica solipsista é a base do seu plan anarquista. Recordando unha idea de Rousseau, o contrato social foi instaurado para asegurar a supervivencia do individuo, pero unha vez que a sociedade puxo en perigo a supervivencia do individuo, este debe renunciar ao contrato social.

Aínda que as ideas de Matthai poden resumirse nunhas poucas liñas, as súas obras somérxense en orixinais esexeses dos fragmentos dos presocráticos e outros pensadores. É de notar tamén que debido á súa convivencia con grupos indíxenas, os seus estudos e lecturas na U.N.A.M. en plena efervescencia do renacemento do pensamento prehispánico, impulsado por investigadores-profesores daquela época, hai unha influencia da cultura mexicana na súa obra, como el mesmo gostaba de afirmar.

Notas sobre a súa obra[editar | editar a fonte]

O seu pensamento queda recollido principalmente na serie "Pensar y ser", que se publicou cronoloxicamente nunha orde distinta da estrutura lóxica inicialmente prevista polo seu autor, é por iso que aínda que, por exemplo, o libro "La teoría parmenídea del pensar" (dedicado á filosofía de Parménides) é a cuarta parte da serie, non obstante, foi o primeiro en aparecer, en 1990.

Matthai publicou ducias de artigos e relatorios en revistas universitarias, sendo algúns destes textos compilados en "Textos filosóficos (1989-1999)".

A familia de Matthai e o Catedrático de Filosofía pola U.A.B.C. e escritor Heriberto Yépez contan coa colección completa da súa obra, entregada polo mesmo Matthai algúns meses antes da súa morte, polo que se están publicando postumamente e de maneira irregular algunhas das súas obras inéditas.

Obras[editar | editar a fonte]

Ensaios publicados (en vida e póstumos)
  • "Pensar y ser I. Ensayo de una fenomenología metafísica", Universidad Autónoma de Baja California, Mexicali, (1996). A edición orixinal contaba con 176 páxinas e unha tiraxe de 300 exemplares.
  • "Pensar y ser II. La Escuela de Mileto", Universidad Autónoma de Baja California, Mexicali, (1995). A edición orixinal contaba con 125 páxinas é unha tiraxe de 300 exemplares.
  • "Pensar y ser III. Heráclito, el obscuro", Universidad Autónoma de Baja California, Mexicali, (1997). A edición orixinal contaba con 230 páxinas e unha tiraxe de mil exemplares.
  • "Pensar y ser IV. La teoría parmenídea del pensar", Universidad Autónoma de Baja California, Mexicali, (1990). A edición orixinal contaba con 78 páxinas e unha tiraxe de 750 exemplares.
  • "Textos filosóficos (1989-1999)", Universidad Autónoma de Baja California, Mexicali, ISBN 970-9051-32-6,(2002)
  • "Todos los pensamientos son verdaderos", Verdehalago, Cidade de México, (2007). Na prensa.
Algúns artigos
  • "El hombre y sus fronteras. Una visión filosófica", artigo en Estudios sobre las Culturas Contemporaneas, da Universidad de Colima, número 11, (1991)
  • "Filosofía y literatura", artigo en Yubai, da UABC, número 8, (1994)
  • "Organización interempresarial y empleo", artigo en Paradigmas, da UABC, número 10, (1995)
  • "Amerasia (una reflexión filosófica)", artigo en Cuad. Am., número 6, (1995)
  • "El papel crucial de las instituciones humanísticas fronterizas de México para la defensa de la cultura latinoamericana", artigo, (199?)
  • "El humanismo como problema humano", artigo en Semillero, da UABC, número 31, (2000)
Relatorios
  • "¿Son Compatibles el Concepto de Paideia y la Idea de lo Absoluto?" (199?)
  • "The Pseudo-concepts Phenomenon and ΛOΓOΣ in the Phenomenological Philosophies: A Viable Alternative" (199?)
  • "Life as Eontopoiesis and Self-Individualization" (199?)
  • "Crisis económica: microeconomía versus macroeconomía", relatorio presentado no Foro de Análisis: La crisis económica, oportunidades y retos para Tijuana, Tijuana, (1995)
  • "Industria y escuela: un problema de vinculación", relatorio presentado no Comité de Vinculación de la CALACINTRA, Tijuana, (1992)
Outras
  • "Las Discrepancias en las calificaciones de las diferentes materias del currículo correspondiente al año 1ª. de la preparatoria Benemerito de las Americas", Brigham Young University, (1978)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vida y obra de Horst Matthai Quelle, ensaio de Heriberto M. Yépez, en La virgen no llama tres veces y otros textos, varios autores, México, 1998, ISBN 968-7326-76-X, ISBN 978-968-7326-76-4
  2. Mexican Anarchists. Including: Ricardo Flores Magón, B. Traven, Senya Fleshin, Gildardo Magaña, Andrea Villarreal, Plotino Rhodakanaty, Práxedis Guerrero, Enrique Flores Magón, Jesús Flores Magón, Mollie Steimer, Horst Matthai Quelle (Paperback), varios autores, Hephaestus Books, Estados Unidos, 2011, ISBN 10: 1243071168 ISBN 13: 9781243071163

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]