Gómez Pérez das Mariñas III

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gómez Pérez das Mariñas III

Nacemento?
FalecementoDesp. 1545
SepulturaConvento do Carme de Madrid
Cónxuxe/sXoana de Matienza
DescendenciaDiego das Mariñas
ProxenitoresAres Pardo das Mariñas
Tareixa de Vázquez

Gómez Pérez das Mariñas III foi un nobre galego do século XVI, fillo de Ares Pardo das Mariñas, señor de Parga e Cillobre, e de Tareixa de Vázquez, señora da Pobra do Caramiñal. Era bisneto de Gómez Pérez das Mariñas I e sobriño de Gómez Pérez das Mariñas II.

Igrexa do desaparecido convento do Carme de Madrid, onde mandara ser soterrado Gómez Pérez das Mariñas III

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1541 era alcaide da fortaleza da Barreira. Realizou en Santiago, en 1550, unha concordia co seu irmán máis vello, Fernán, aprobando o testamento do seu pai, e no que Fernán confirma unha serie de cesións ao seu irmán de foros e herdades que aquel adquirira por foro do convento de San Martiño Pinario. Entre elas estaban os coutos de Corrubedo, Olveira e San Pedro de Bealo, así como o casal de Padrón.

Obtivo do Papa Xulio III unha bula en 1551 que confirmaba o seu dereito e posesión inmemorial no que se achaban el e os seus devanceiros de percibir, cobrar e levar moitas sinecuras no reino de Galicia que se relacionan na bula, entre elas a de Santa María de Olveira. Ese mesmo ano aparece como rexedor de Santiago. Tres anos despois, en 1554, é rexedor da Coruña, e eleva á categoría de vila á Pobra do Caramiñal, cuxo señorío herdara da súa nai. Algunhas fontes atribúenlle a construción nesta vila da Torre de Bermúdez.

Participou na batalla de San Quintín en 1557. Polos méritos contraídos na batalla, o rei Filipe II de España outorgoulle diversos méritos como o de ser nomeado cabaleiro da orde de Santiago. Estivo en Flandres, Italia e outras nacións europeas servindo a Filipe II.

Cara 1565 preiteou, xunto co seu irmán Fernán, contra a súa irmá Berenguela das Mariñas por uns bens procedentes do señor Esteban de Xunqueiras.

Nalgúns documentos aparece como Corrixidor e Adiantado do reino de Murcia.

Casamento, descendencia e pasamento[editar | editar a fonte]

Casou con Xoana de Matienza coa que tivo un fillo, Diego das Mariñas, señor de Parga e Xunqueiras.

Testou en Madrid perante Xoán Martínez de Moya o 23 de outubro de 1545, nomeando herdeiro ao seu fillo Diego das Mariñas, e no que manda ser soterrado no convento do Carme de Madrid.

Finou despois do 31 de xullo de 1575, data do último documento no que é nomeado, e no que, perante o escribán Xoán Martínez, outorga un poder a Xoán de Deus, meiriño do Caramiñal, para que puidese recoñecer, sinalar e deslindar todas as súas terras, coutos e xurisdicións.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]