Saltar ao contido

Sobrepeso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gordura»)
Sobrepeso
Clasificación e recursos externos
Gráfico do índice de masa corporal (IMC).
Branco = Baixo peso (IMC < 18.5)
Amarelo = Rango normal (IMC = 18.5-25)
Laranxa = Sobrepeso (IMC = 25-30)
Vermello = Obesidade (IMC > 30).
DiseasesDB2922
MedlinePlus003101
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O sobrepeso [1] é o aumento de peso corporal por riba dun padrón dado. Para avaliar se unha persoa presenta sobrepeso, os expertos empregan unha fórmula chamada índice de masa corporal (IMC), que calcula o nivel de graxa corporal en relación co peso, estatura e talle.[2]

Considérase normal un IMC entre 18,5 a 24,9.

Os adultos cun IMC de 25 a 29,9 considéranse con sobrepeso. No entanto, algunhas persoas neste grupo poden ter moito peso muscular e por tanto non tanta graxa, como é o caso dos atletas. Nestas persoas o seu peso non representa un aumento asociado do risco de problemas de saúde.

Os adultos cun IMC de 30 a 39,9 considéranse obesos e cun IMC igual ou superior a 40, extremadamente obesos. Calquera persoa con máis de 45 kg de sobrepeso considérase que sofre de obesidade mórbida.

O sobrepeso é causado por acumulación excesiva de graxa corporal, é a causa máis frecuente sendo unha condición común especialmente onde as subministracións de alimentos son abundantes e predominan os estilos de vida sedentarios. O 64% da poboación adulta dos Estados Unidos considérase con sobrepeso ou obesidade, e esta porcentaxe aumentou durante as últimas catro décadas. O exceso de peso por acumulación excesiva de graxa acadou proporcións epidémicas a nivel mundial, con máis de mil millóns de adultos que están excedidos de peso ou son obesos. Os aumentos observáronse en todos os grupos de idade.

Un corpo san require unha cantidade mínima de graxa para o bo funcionamento dos sistemas hormonal, reprodutivo e inmunolóxico, como o illamento térmico, como a absorción de choque para as zonas sensíbeis, e a enerxía para uso futuro. Porén a acumulación de graxa de almacenamento en exceso pode afectar o movemento e a flexibilidade, e pode alterar a aparencia do corpo.

O sobrepeso por aumento de masa muscular preséntase en atletas, especialmente practicantes do culturismo, e o sobrepeso por edema ou por retención anormal de líquidos corporais preséntase como signo frecuente en trastornos do metabolismo e cardiovasculares.

Diagnóstico

[editar | editar a fonte]

Os expertos non se poñen de acordo á hora de determinar con exactitude os valores límite do sobrepeso. Con todo, todos coinciden en que, a partir dunha determinada marxe, xorden as primeiras consecuencias. Segundo un estudo realizado en Israel, os homes que padecen sobrepeso lene (IMC dende 25 até 27) teñen maior esperanza de vida que aqueles que padecen un sobrepeso superior a 27 ou unha extrema magreza. A partir deste estudo, realizado en 10.000 homes máis vellos de 40 anos, os investigadores chegaron á conclusión de que o valor límite establecido até o momento para o sobrepeso, é dicir, o índice de masa corporal, debería ampliarse.

Segundo a OMS, o sobrepeso implica un índice de masa corporal (IMC) igual ou superior a 25. Estes índices divídense do seguinte xeito:

Tipo IMC
Sobrepeso 25 - 29.9
Adiposidade nivel 1 (Obesidade lene) 30 - 34.9 Adiposidade nivel 2 (Obesidade media) 35 - 39.9
Adiposidade nivel 3 (Obesidade mórbida) > 40

O peso en si non é o factor máis importante, senón o tecido adiposo, é dicir, a porcentaxe de graxa acumulada no corpo. Por este motivo, discútese a importancia do IMC como indicador do peso axeitado de cada persoa, xa que a porcentaxe de graxa, o índice van/cadeira (IVC) e o contorno do van adquiren cada vez máis relevancia.

Noutrora o sobrepeso determinábase mediante o índice Broca. En primeiro lugar, calculábase o peso ideal dunha persoa segundo a súa estatura. A partir da diferenza entre o peso real e o peso ideal diagnosticábase o sobrepeso ou a falla de peso.

Actualmente, segundo os nutricionistas, o método máis fiábel para valoraren os riscos que provoca o sobrepeso na saúde é medir o contorno do van. Os estudos científicos determinaron que a graxa acumulada na zona abdominal está directamente relacionada coas doenzas cardiovasculares. A forma máis sinxela de determinar a cantidade de graxa acumulada na zona abdominal é medir o contorno do van. O feito de ter un contorno de van de máis de 88 cm nas mulleres e máis de 102 cm nos homes supón un alto risco de padecer doenzas cardiovasculares.

O sobrepeso é considerado unha enfermidade, xa que non só afecta o corpo senón tamén a saúde social do paciente. O sobrepeso é un factor de risco para a Diabetes mellitus, para a hipertensión, para os accidentes cerebrovasculares entre outros.

Etioloxía

[editar | editar a fonte]

As principais causas do sobrepeso por obesidade son:

  1. Factores xenéticos e as alteracións do metabolismo;
  2. Excesiva e incorrecta alimentación asociada á falla de exercicio (escaso gasto de enerxía) e sedentarismo;
  3. Trastornos na conduta alimentaria;
  4. Metabolismo demasiado lento;
  5. Factores psicolóxicos: a tristura e a ansiedade conducen á inxesta descontrolada de alimentos que favorecen o sobrepeso, a maioría de veces porque conteñen triptófano, relacionado coa serotonina ou "hormona da ledicia"

A maioría dos casos de sobrepeso localízase nos países industrializados, onde a alimentación é abundante e a maior parte da poboación realiza traballos que non requiren un grande esforzo físico.

Sobrepeso na nenez e na mocidade

[editar | editar a fonte]

Un problema que a Organización Mundial da Saúde cualificou de alarmante é o do sobrepeso por exceso de graxa nos nenos. Unha má e excesiva alimentación, unida á falla de exercicio, conduce a un preocupante círculo vicioso. En moitos casos os pais desatenden os seus fillos ou son un mal exemplo para eles e, como consecuencia, os rapaces pasan moitas horas diante do computador ou do televisor e aliméntanse de comida rápida. Unha persoa que na súa nenez non levou unha vida sa, terá dificultades á hora de trocar os seus hábitos cando for maior, como na mocidade, xa que é un punto clave para determinar o futuro do adulto, debido a que se o adolescente pasa a ser maior de idade dentro do rango de sobrepeso, será mediaticamente imposíbel eliminar a graxa acumulada no abdome, glúteos, tendendo ao sobrepeso sempre. Isto conduce irremediabelmente a unha sobrealimentación con todas as súas terríbeis consecuencias.

Aínda que os centros médicos e os colexios imparten cursos para lle aprenderen ás familias hábitos de vida saudábeis, os casos de sobrepeso infantil van en aumento, tal e como se desprende dun estudo recente do Instituto Robert Koch.

Complicacións

[editar | editar a fonte]

O sobrepeso é unha patoloxía grave que pode levar o desenvolvemento doutras doenzas asociadas. Aínda que os investigadores neste eido non se amosan unánimes sobre a incidencia do exceso de peso na saúde dos individuos, si se considera que, en estadios avanzados (cando o sobrepeso deriva en obesidade e o IMC supera os 30 puntos), existe un alto risco de sufrir algún episodio grave. Así, está intimamente ligado, por exemplo, coa diabetes, a hipertensión, a artrose e as doenzas cardiovasculares. De feito, aumenta a predisposición a padecer hipertensión, incrementando as posibilidades de ser vítima dun accidente cerebro-vascular. A maior probabilidade de ter diabetes e colesterol alto constitúen outra ameaza para o sistémica cardíaco dos enfermos. Outros órganos que poden verse notabelmente afectados as consecuencias dun peso excesivo son o pulmón, o páncreas e o fígado. Ante a crecente acumulación de graxa que rexistra o organismo, estes colapsan. Como resultado de devandito proceso xorden complicacións secundarias como a cirrose, a asma, os coágulos pulmonares ou a pancreatite . Mesmo se rexistrou unha especial propensión a xerar cálculos biliares.

Pero as cavidades internas non son as únicas afectadas o sobrepeso nos seus distintos niveis. A columna vertebral, encargada de aturar a masa corporal, recibe directamente o esforzo de tracción que este implica. A presión exercida pola graxa provoca unha maior erosión da cartilaxe en rexións coma o sacro, as cadeiras e os xeonllos . A posibilidade de sufrir osteoartrite aumenta exponencialmente, con dores de costas crónicas e mesmo gota. Un peso non saudábel incide tamén directamente na saúde sexual das persoas. Estímase que afecta negativamente á fertilidade feminina, por exemplo. O sobrepeso bloquea a subministración de estróxenos no seu corpo, reducindo a actividade ovárica e alterando os ciclos fértiles.

No desenvolvemento de cada unha destas patoloxías non só inflúe o nivel de sobrepeso, senón que tamén a localización do tecido adiposo sobrante (índice van/cadeira). No ano 2005, a Federación Internacional de Diabetes (FID) determinou que un volume elevado de graxa no abdome é fundamental á hora de diagnosticar a síndrome metabólico.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Nos países industrializados o sobrepeso está moi estendido e percíbese como pouco estético debido aos canons de beleza actuais. Hoxe en día, os libros, as revistas, os programas de televisión e as páxinas web fornecen información para loitarmos contra o sobrepeso da maneira máis apropiada, aínda que non sempre se controla a cualificación das persoas que tratan este tema. As recomendacións máis usuais son practicar deporte e levar unha dieta saudábel e balanceada, aínda que os autores non se pon de acordo á hora de determinar cal é a dieta máis axeitada. Ademais, os críticos aseguran que levar unha dieta sen supervisión médica ten peores consecuencias que padecer un sobrepeso leve.

Principalmente nos casos de obesidade grave, tómanse medicamentos para diminuír a absorción de graxa ou se practican intervencións cirúrxicas, xa sexa para diminuír a graxa corporal ou para reducir o estómago. Especialmente no mundo da moda e do espectáculo, onde a imaxe xoga un papel moi importante, practícase cada vez máis a cirurxía estética, tanto en casos de sobrepeso leve como en casos nos que, aínda tendo un peso normal, as persoas afectadas non senten ben co seu corpo.

Cando o sobrepeso vai acompañado dun trastorno alimentario, por exemplo a compulsión alimentaria, os medicamentos para combatelo non fornecen efecto se ao mesmo tempo o problema non se trata dende unha perspectiva psicolóxica. Recoméndase asistir a unha terapia de grupo como podería ser a de Comedores Compulsivos Anónimos.

A hipnose e o sobrepeso

[editar | editar a fonte]

O procedemento da banda gástrica virtual utiliza a hipnose para facer crer ao cerebro que o estómago é máis pequeno do que realmente é, e así diminuír o consumo de alimentos. Isto trae como consecuencia unha redución do exceso de peso. Este método compleméntase cun tratamento psicolóxico para o manexo da ansiedade e tamén con hipnopedia, para reforzar as mensaxes da hipnose.

En 1996 levouse a cabo un estudo no que se logrou establecer que a hipnose reforzada con terapia cognitiva-condutual TCC era máis efectiva que tan só a TCC para a redución do peso.[3]

Prevención do sobrepeso

[editar | editar a fonte]

Educación

[editar | editar a fonte]

A educación, no que se refire a saúde e nutrición, xoga un papel fundamental no enfrontamento á problemática do sobrepeso.

Un programa de nutrición e deporte fomenta o troco de conduta, contribuíndo a unha sensibilización motivacional dando a coñecer os beneficios de saúde a curto e longo prazo.

Levar a cabo unha actividade física regular favorece o aumento da masa muscular e a diminución na masa graxa, dando como resultado unha melloría no estado de saúde, diminuíndo ou mantendo o peso corporal e por tanto evitando a aparición de enfermidades crónicas como a hipertensión, diabetes mellitus e enfermidade cardiovascular.

Orientación alimentaria

[editar | editar a fonte]

Consiste no conxunto de accións que proporcionan información básica, cientificamente validada e sistematizada, tendiente a desenvolver habilidades, actitudes e prácticas relacionadas cos alimentos e a alimentación para favorecer a adopción dunha dieta correcta a nivel individual, familiar ou colectiva, tomando en conta as condicións económicas, xeográficas, culturais e sociais. Promoción da saúde: ao proceso que permite fortalecer os coñecementos, aptitudes e actitudes das persoas para participar corresponsabelmente no coidado da súa saúde e para optar por estilos de vida saudábeis, facilitando o logro e conservación dun axeitado estado de saúde individual, familiar e colectivo mediante actividades de participación social, comunicación educativa e educación para a saúde.[4]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
  1. Vocabulario de medicina, Universidade de Santiago de Compostela / Consellería de Sanidade, 2008
  2. MedlinePlus (ed.). "Sobrepeso". 
  3. Kirsch I. "Hypnotic enhancement of cognitive-behavioral weight loss treatments--another meta-reanalysis" (3). PMID 8698945. doi:10.1037/0022-006X.64.3.517. 
  4. Norma Oficial Mexicana NOM-043-SSA2-2005, Servicios Básicos de Salud.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]