Gonzar, O Pino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gonzar
ConcelloO Pino[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas42°57′12″N 8°18′22″O / 42.9534, -8.3062Coordenadas: 42°57′12″N 8°18′22″O / 42.9534, -8.3062
Poboación449 hab. (2013)
Entidades de poboación18[1]
editar datos en Wikidata ]

Santa María de Gonzar é unha parroquia que se localiza no norte do concello do Pino. Segundo o IGE en 2013 tiña 449 habitantes (239 mulleres e 210 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 493 habitantes.

A espiritada de Gonzar[editar | editar a fonte]

Trátase dun sucedido real sobre unha muller de Gonzar chamada Josefa de la Torre, nacida en 1772 ou 1773, e que recolleron autores como Benito Vicetto (Cristina, páginas de un diario, 1852) e Emilia Pardo Bazán (La santa de Karnar, 1890). Chámanse espiritadas aquelas persoas que permanecen durante meses e anos, ata a súa morte, inmóbiles, como mortas, sen comer nin beber, e con capacidade de conseguir curacións dos enfermos que as visitan, cualificadas de milagrosas.

Neste caso, tratábase dunha muller casada, con tres fillos e posteriormente viúva. Dise que en 1806, un día de novembro, saíu baixo a chuvia -acalorada de traballar na cociña- e outro día de decembro saíu ó frío, e a consecuencia diso contraeu algunha enfermidade que a obrigou a encamarse. Pouco a pouco foi sumíndose e quedou inmóbil, sen comer e sen falar. Dise que o arcebispo mandou a alguén a investigar e que, tras observala durante 17 días (tras despedir ós criados, por se a alimentaban de noite), asegurou que non se alimentaba. Dise tamén que os soldados prenderon lume á cama pero que ela nin se moveu nin dixo nada, polo que apagaron o lume axiña. Hai testemuñas de persoas que a visitaron en 1815, e que daquela levaba dez anos encamada, e sen comer nin beber nada durante os últimos seis anos. Tampouco a lavaban nin peiteaban nin a cambiaban de roupa, e a pesar diso mantiña un aspecto impecable, limpo e aseado.

En 1838, despois de 30 anos en cama, foi examinada por un médico de Santiago, Varela Montes. Este escribiu que se ben comía algo nun principio, pronto deixou de comer en absoluto, e que a súa cara estaba tersa, sen signos de extenuación e coa respiración lenta, estando case cega. O párroco do lugar visitábaa tódolos meses para darlle a comuñón; declarou que algunhas veces choraba. Finalmente, morreu en 1848 e foi enterrada baixo o altar da igrexa de Santa María de Gonzar.

Existe un retrato da espiritada de Gonzar no Museo de Pontevedra, obra de Juan José Cancela del Río. A medicina actual considéraa como o primeiro caso documentado en Galicia de anorexia.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Gonzar[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Gonzar no concello do Pino (Provincia da Coruña)

Amarelle | A Arnela | A Bugalleira | Cabanelas | O Carballiño | Castelo | Os Castriños | Gonzar | A Igrexa | O Lameiro | A Ponte Puñide | O Pumar | Rabal de Abaixo | Rabal de Arriba | San Gregorio | Santo André | O Vilar

Parroquias do Pino[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias do Pino

Arca (Santaia) | Budiño (Santa María) | Castrofeito (Santa María) | Cebreiro (San Xiao) | Cerceda (San Miguel) | Ferreiros (San Breixo) | Gonzar (Santa María) | Lardeiros (San Xiao) | Medín (Santo Estevo) | Pastor (San Lourenzo) | Pereira (San Miguel) | O Pino (San Vicenzo) | San Mamede de Ferreiros (San Mamede)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Galaxia.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]