Saltar ao contido

Goberno de Cataluña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Palau de la Generalitat, sede do Govern.

O Goberno de Cataluña ou Consello Executivo (en catalán: Govern de Catalunya ou Consell Executiu) é unha das institucións estatutarias que conforman a Generalitat de Cataluña. É o órgano superior colexiado ao que o Estado, por medio do estatuto de autonomía, cede a potestade de dirixir a política e a Administración da Generalitat de Cataluña. Así mesmo, asume a función executiva e a potestade regulamentaria por delegación do Estado, en virtude do Estatuto de autonomía, a Constitución e outras leis.

Composición

[editar | editar a fonte]

Compoñen o Govern da Generalitat o President de la Generalitat (Presidente da Generalitat), o Conseller Primer del Govern (Conselleiro Primeiro do Goberno), se procede, e os Consellers (Conselleiros).

O President

[editar | editar a fonte]

O President de la Generalitat de Catalunya (Presidente) ostenta a máis alta representación da Generalitat de Cataluña e a ordinaria do Estado en Cataluña. Así mesmo, dirixe e coordina a acción do Govern. Como membro do Govern, correspóndenlle competencias tales como establecer as directrices xerais da acción do seu goberno e asegurar a súa continuidade, nomear e separar aos conselleiros, convocar e presidir reunións do Executivo rexional, pedir que o Parlamento catalán se reuna de forma extraordinaria, pedir facer un debate de política xeral no Parlamento rexional, asinar os decretos acordados polo Govern e ordenar que se publiquen e coordinar o programa lexislativo do Govern. Nos casos en que non haxa Primer Conseller, correspóndelle tamén convocar e presidir as comisións do Govern, facilitar a información que o Parlamento de Cataluña solicite ao Govern e encargar a un conseller ou consellera que se encargue do despacho ou das funcións dun departamento en caso de ausencia, enfermidade ou impedimento da persoa titular.

Os consellers

[editar | editar a fonte]

A Administración da Generalitat está integrada polos departamentos en que se organiza o Govern, incluído o da Presidencia. Á fronte de cada departamento hai un conseller (conselleiro). Cada departamento ten, ademais, unha secretaría xeral e estrutúrase en servizos, que se poden agrupar en direccións xerais.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

O Govern reúnese convocado polo President e, para a validez das súas deliberacións e dos acordos que adopte, é necesario que estean presentes o President ou, no caso de que lle substitúa, o Primer Conseller, e a metade dos consellers.

Os acordos do Govern adóptanse por maioría; en caso de empate, o voto do President dirime. Os devanditos acordos teñen que constar en acta, da que ten que dar coñecemento o secretario do Govern, a regulación e as funcións do cal as establece un regulamento.

Os membros do Govern están obrigados a gardar segredo das deliberacións deste ou das opinións e os votos que cada cal emita. Tampouco pode divulgar os documentos que coñecen por razón do seu cargo mentres non se fixeron públicos oficialmente.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]