Gloster Aircraft Company

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gloster Aircraft Company
Fundación1917 (como Gloucestershire Aircraft Company)
LocalizaciónHucclecote, Gloucestershire
Industriaaviación
editar datos en Wikidata ]

Gloster Aircraft Company foi un construtor aeronáutico británico activo entre os anos 1917 e 1963. Fundouse co nome de Gloucestershire Aircraft Company Limited durante a primeira guerra mundial, coas actividades de construción de aeronaves de H H Martyn & Co Ltd de Cheltenham, producindo cazas durante o conflito. Posteriormente cambiouselle o nome porque os estranxeiros atopaban a palabra 'Gloucestershire' difícil de pronunciar. Posteriormente pasou a formar parte do grupo Hawker Siddeley e o nome Gloster desapareceu en 1963.

Gloster deseñou e fabricou varios cazas que equiparon á Royal Air Force (RAF) durante o período de entreguerras, como o Gladiator, o derradeiro caza biplano da RAF. A compañía fabricou a meirande parte da produción de Hawker Hurricane e Hawker Typhoon en tempos de guerra para a súa compañía nai, Hawker Siddeley, mentres a súa oficina de deseño traballaba no primeiro reactor británico, o avión experimental E.28/39. Este foi seguido polo Meteor, o primeiro caza a reacción da RAF e o único reactor aliado que entrou en servizo durante a segunda guerra mundial.

Historia[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Bristol F.2B Fighter

En 1917, en emdio da primeira guerra mundial, fundouse a Gloster Aircraft Company Limited co nome The Gloucestershire Aircraft Company Limited. No momento da súa creación os seus donos eran Hugh Burroughes (1884-1985) e H H Martyn & Co Limited, que tiñan entre os dous o 50% da compañía, e o construtor aeronáutico Airco que tiña a outra metade. Na xunta directiva da empresa estaban A W Martyn, Burroughes, e George Holt Thomas de Airco.[1] A firma adquiriu rapidamente as actividades de fabricación de compoñentes de avións que anteriormente realizaba H H Martyn & Co Limited para os esforzos da guerra realizando traballos subcontratados de Airco; a provisión de capacidade de produción fora un factor de motivación importante para que Airco se implicase na fundación da compañía.[1] H H Martyn eran enxeñeiros arquitectónicos e produciran obxectos como hélices antes de fabricar fuselaxes para Airco.

A firma alugou instalacións en Sunningend, en Cheltenham, Gloucestershire, para servir como a súa fábrica. Na primavera de 1918, a compañía estaba producindo 45 novos avións Bristol Fighter cada semana.[2][3][1]

Como os pedidos de avións aumentaban, outras compañías das zonas de Gloucester e Cheltenham foron contratadas.[1] Os avións eran transportados (coas ás separadas) a un novo parque de aceptación de avións da Xunta Aérea en Brockworth, a 11 km por estrada. Aínda que a compañía usaba o aeródromo de Brockworth, este non tivo hangares ata 1921, tras o cal alugou parte dun hangar da Xunta Aérea. Gradualmente, Gloucester trasladaría a súa base de operacións ás instalacións de Brockworth.[1]

Período de entreguerras[editar | editar a fonte]

Gloster Mars

Tras o armisticio do 11 de novembro de 1918 e o final da primeira guerra mundial, a compañía tivo perdas económicas polo colapso de Airco, recibindo tan só unha compensación parcial pola cancelación de ordes de produción pendentes.[1] En 1920, tras o peche do construtor aeronáutico británico rival Nieuport & General, os servizos dos seu antigo xefe de deseños, Henry Folland (1889-1954), foron contratados pola compañía, que tamén adquiríu os dereitos polo caza Nieuport Nighthawk e varios compoñentes de avións sen montar.[1]

En decembro de 1926 decidiuse que o nome da compañía debía ser cambiado a unha forma simplificada, Gloster Aircraft Company. Isto foi debido a que clientes de fóra do Reino Unido atopaban a nova forma máis doada de pronunciar e escribir.[1] Normalmente os locais e empregádos referíanse á compañía como GAC.

Co paso á construción metálica considerouse que a fábrica de Sunningend xa non era axeitada. Así, en 1928 Gloster mercou o aeródromo de Brockworth, incluídos todos os hangares adxacentes e as oficinas veciñas.[1]

En 1934 Gloster foi adquirida por outro construtor aeronáutico británico, Hawker Aircraft. Independentemente deste cambio de propiedade, a compañía continuou producindo avións baixo o seu propio nome.[1] Nese mesmo ano Gloster fabricou un dos seus avións máis famosos, o biplano Gladiator.[1] A fusión en 1935 de Hawker Aircraft e os intereses de J. D. Siddeley (Armstrong Siddeley e Armstrong Whitworth Aircraft) viu a Gloster converterse en parte de Hawker Siddeley Aircraft, Ltd.

Segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

No inicio da segunda guerra mundial a firma carecía de deseños modernos propios, pero tiña moita experiencia e instalacións de fabricación dispoñibles. Así, Gloster encargouse de fabricar avións deseñados por Hawker para equipar a RAF no nome da súa compañía nai.[1] A compañía construíu 1 000 Hawker Hurricane durante os primeiros 12 meses de guerra; Gloster entregou o derradeiro dos seus 2 750 Hurricane en 1942.[1] Tras rematar a produción do Hurricane decidiuse fabricar o máis novo Hawker Typhoon no seu lugar. Gloster fabricaría uns 3 300 en total, case todos os avións do tipo.[1]

Chegada do turborreactor[editar | editar a fonte]

Memorial a Frank Whittle cun modelo do Gloster E28/39

Frank Whittle, inventor do turborreactor, coñecera por primeira vez aos deseñadores e pilotos de proba de Gloster en abril de 1939, e posteriormente houbo un acehgamento oficial por parte do Ministerio do Aire. Como non existía un avión axeitado para adaptar o novo motor e Gloster non tiñ moita carga de traballo no seu departamento de deseño, a compañía recibiu un contrato a principios de 1940 para deseñar e construír o primeiro reactor británico. Dous avións foron construídos en segredo. Debido ao risco de bombardeo, un deles fabricouse fóra das instalacións de Brockworth, en Regent Motors Cheltenham.[3]

O 15 de maio de 1941 tivo lugar en RAF Cranwell o primeiro voo de proba oficial do Gloster E.28/39 W 4041/G cun motor turborreactor inventado por Sir Frank Whittle. As anteriores probas de rodaxe, nas cales o E.28/39 voou brevemente, realizáronse no aeródromo da compañía en Brockworth.[4]

Aínda que o E.28.39 podía ser usado teoricamente como caza, precisábase un deseño específico de caza e Gloster comezou a traballar nun reactor bimotor. Unha vez que o E.28/39 voou, o Estado Maior do solicitou a Gloster que deixase de traballar no seu caza nocturno F.18/40 (outro avión podería adaptarse para substituílo) para concentrarse no caza a reacción.[5] O deseño do reactor converteuse no Gloster Meteor, o único avión a reacción usado en combate polas forzas aliadas durante a segunda guerra mundial.

O primeiro voo coa RAF foi en 1943 e o Meteor comezou as operacións a mediados de 1944, poucas semanas despos do primeiro reactor operacional, o alemán Messerschmitt Me 262. Crucialmente, converteuse no primeiro avión da RAF cunha velocidade o suficientemente alta como para poder voar ao lado das bombas voantes V1. O Meteor desequilibraba as V1 coa punta da á para que o seu xiroscopio fose incapaz de recuperarse, esnafrándose antes de que puidesen acadar Londres.

Establecendo récords de velocidade[editar | editar a fonte]

En 1945 un prototipo Meteor F Mk.4 sen armamento conseguiu un récord do mundo de velocidade en relación ao aire de 975 km/h co capitán de grupo H. Wilson aos mandos. A principios de 1946 outro prototipo F Mk.4 usouse para establecer un récord de 991 km/h de velocidade en relación ao aire real co capitán de grupo "Teddy" Donaldson pilotando o moi modificado Meteor, alcumado "Yellow Peril". O segundo piloto no High Speed Flight, Bill Waterton, acadou os 988 km/h. Durante o intento de récord Donaldson converteuse no primeirohome en superar a barreira dos 1 000 km/h, gañando o trofeo Britannia e unha barra para a súa Cruz da Forza Aérea. Os Meteor estiveron en servizo con varias forzas aéreas durante moitos anos e combateron na guerra de Corea coa Real Forza Aérea de Australia (RAAF). Finalmente os Gloster Meteor operando como cazas, adestradores ou cazas nocturnos foron usados por 12 nacións.

Apoxeo[editar | editar a fonte]

Durante o apoxeo de Gloster en 1947, Janusz Żurakowski foi contratado como piloto experimental. Nos anos seguintes converteuse nun dos pilotos experimentais e de acrobacias máis famoso do mundo. Desenvolveu unha nova manobra acrobática, a "Zurabatic Cartwheel", que mantivo ao público cautivado cando suspendeu o prototipo Gloster Meteor G-7-1 que estaba pilotando, nunha roda de carro vertical no Farnborough Air Show de 1951, unha manobra que o anunciante declarou que era "Imposible!" Servindo por un breve período de tempo como piloto de proba xefe, probou as moitas versións experimentais dos cazas Gloster Meteor, Javelin e E.1/44. Durante os seus anos en Gloster, "Zura", como era coñecido, estableceu un récord de velocidade internacional: Londres-Copenhague-Londres os días 4 e 5 de abril de 1950 Coas instrucións de Gloster de vender o avión á Real Forza Aérea de Dinamarca.

En 1952 desenvolveuse o bipraza con ás en delta Gloster Javelin como un caza todotempo que podía voar por riba do 15 000 metros a case a velocidade do son. Este moderno avión demostrou ser demasiado pesado para engalar do curto aeródromo de Brockworth, polo que foi equipado co mínimo e cargou moi pouco combustible para realizar un curto voo ata RAF Moreton Valence, a tan só 11,27 km ao suroeste, onde o avión foi completado. Esta deficiencia das instalacións xunto coa racionalización da industria aeronáutica británica levaría á desaparición de Gloster.

Desaparición[editar | editar a fonte]

En 1961 acompañía fusionouse con Armstrong Whitworth Aircraft Limited para formar Whitworth Gloster Aircraft Limited. Tras outra reorganización, a firma pasou a formar parte da Avro Whitworth Division de Hawker Siddeley Aviation en 1963, e o nome Gloster desapareceu renomeando a súa liña de produtos como Hawker Siddeley.[6] A finais dos 60/principios dos 70 as instalacións de Saunders-Roe Folly, entón propiedade Hawker Siddeley, fusionáronse coma de Gloster para formar Gloster-Saro utilizando a experiencia das dúas campañías no traballo co aluminio para producir equipamento antiincendios e camións cisterna na fábrica de Gloster en Hucclecote, a meirande deles baseados en chasis de Reynolds-Boughton. En 1984 Gloster Saro mercou os negocios antiincendios do grupo Chubb e fusionouse en 1987 con Simon Engineering topara formar Simon Gloster Saro. A compañía finalmente foi usada para fabricar camións cisterna para empresas como Shell e BP.

As instalacións en Brockworth vendéronse en 1964. En anos recentes a pista e os vellos edificios demoléronse e foron substituídos por un polígono industrial moderno e edificios de oficinas.[7]

Avións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 "Gloster Aircraft Company". BAE Systems (en inglés). Consultado o 2022-04-22. 
  2. Obituary, Mr Hugh Burroughes. The Times, 31 de outubro de 1985; p. 16; Issue 62283.
  3. 3,0 3,1 King 1955, p. 173
  4. James 1971, pp.240-241
  5. Buttler 2004 p193
  6. James, Derek N. (1999). Gloster Aircraft Company. Stroud, Gloucestershire, England: Tempus. ISBN 0-7524-1700-2. OCLC 45581580. 
  7. "Pastscape - Detailed Result: GLOSTER AIRCRAFT FACTORY". web.archive.org. 2020-08-21. Archived from the original on 21 de agosto de 2020. Consultado o 2024-04-17. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]