Glándula lacrimal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema do ollo (á dereita estaría o nariz).
Glándula lacrimal na parte superior (a).
b. Punto lacrimal superior.
c. Conduto lacrimal superior.
d. Saco lacrimal
e. Punto lacrimal inferior.
f. Conduto lacrimal inferior.
g. Conduto nasolacrimal.
Aparato lacrimal, formado pola glándula lacrimal e os canais que comunican coas fosas nasais.

As glándulas lacrimais son un par de glándulas con forma de améndoa, situadas unha sobre cada ollo, que producen unha secreción acuosa que orixina as bágoas ou lágrimas. Están situadas na parte superior externa ou lateral do ollo (é dicir, a contraria da parte medial ou nasal), na fosa lacrimal do óso frontal na órbita ocular.[1] A glándula lacrimal produce bágoas que humedecen, limpan e lubrifican a superficie do ollo. Esta secreción é drenada polos canais lacrimais que comezan no ángulo nasal do ollo e conectan co canal nasolacrimal, que desemboca nas fosas nasais. A inflamación da glándula lacrimal chámase dacrioadenite.

Porcións[editar | editar a fonte]

Os anatomistas dividen a glándula en dúas seccións. A máis pequena é a porción palpebral, situada moi preto do ollo, sobre a superficie interna da pálpebra. Se a pálpebra superior se reverte, pode verse a porción palpebral da glándula.

A outra porción é a porción orbitaria, que contén finos condutos interlobulares que se unen para formar os condutos excretores principais. Na parte superolateral do fórnix conxuntival superior ábrense de 3 a 9 condutos excretores. O fluído segregado recóllese no fórnix conxuntival da pálpebra superior, e pasa sobre a superficie do ollo, humedecéndoo, ata chegar aos puntos lacrimais, que son os pequenos poros situados no ángulo interno (ou medial ou nasal) das pálpebras. Os puntos lacrimais dan paso a dous condutos lacrimais duns 10 mm [2], superior e inferior, que se xuntan formando unha ampola e ábrense no saco lacrimal, que é a porción cega do conduto nasolacrimal. O conduto nasolacrimal ten uns 18 mm, diríxese cara a abaixo e desemboca nas fosas nasais na parte anterior do meato nasal inferior, onde van parar as bágoas ; este conduto ten uns pregamentos na parte final que impiden a entrada de aire nel desde as fosas nasais.[2][3]

Microanatomía[editar | editar a fonte]

A glándula lacrimal é unha glándula tubuloacinar composta formada por moitos lóbulos separados por tecido conectivo. Cada lóbulo contén moitos acinos secretores. As células secretoras apoian sobre unha lámina basal e conteñen gránulos de secreción grandes e pálidos e pinguiñas lipídicas, e teñen canalículos secretorios. Entre elas e a lámina basal hai células mioepiteliais [4]. As células dos acinos son serosas e producen unha secreción acuosa que contén auga, cloruro de sodio (sal común) e proteínas como o encima lisozima, con propiedades antibacterianas, e outras como a lipocalina, lactoferrina e lacritina. Ademais, as bágoas que forman a película lacrimal que cobre o ollo incorporan lípidos segregados polas glándulas de Meibomio ou tarsais das beiras das pálpebras, e mucina procedente das células caliciformes da conxuntiva.

Cada acino consiste nun conxunto de células glandulares lacrimais, que teñen os seus ápices apuntando á luz central do acino.

A luz central do acino converxe coa de moitos outros, formando condutos intralobulares, e despois estes únense formando condutos interlobulares. Esta glándula carece de condutos estriados.

Innervación[editar | editar a fonte]

A secreción da glándula está controlada polo sistema nervioso vexetativo. A innervación parasimpática da glándula orixínase no núcleo lacrimal do nervio facial na ponte de Varolio. A innervación simpática realízana fibras postganglionares simpáticas procedentes do ganglio cervical superior.

O nervio que recolle a sensibilidade da glándula é o nervio lacrimal, unha rama do nervio oftálmico, á súa vez rama do nervio trixémino.

Irrigación sanguínea[editar | editar a fonte]

Recibe irrigación sanguínea da arteria lacrimal, derivada da arteria oftálmica. O sangue venoso retorna pola vea oftálmica superior.

Anatomía aplicada[editar | editar a fonte]

  • A parte superior do saco lacrimal está cuberta polo ligamento palpebral medial. Por tanto, os abscesos no saco acumúlanse baixo dito ligamento, onde pode facerse unha incisión para deixar saír o pus.
  • A vea angular está fronte ao saco e debe terse coidado de non danala cando se fai a incisión do saco. Entre o saco lacrimal e a fascia que cobre o saco hai un conxunto de plexos venosos, polo que a incisión produce bastante hemorraxia.
  • Arredor do conduto nasolacrimal hai un rico plexo de veas, que forman un tecido eréctil, que pode conxestionar e obstruír o conduto.

Patoloxía[editar | editar a fonte]

Outras imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Clinically Oriented Anatomy, Moore, Dalley & Agur.
  2. 2,0 2,1 G.J. Romanes. Cunningham Tratado de Anatomía. 12ª edición (1987). Interamericana- Mc Graw Hill. Páxinas 901-903. ISBN 84-7605-359-2
  3. "eye, human."Encyclopædia Britannica. 2010. Encyclopædia Britannica 2010 Ultimate Reference Suite DVD 2010
  4. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 965-966. ISBN 84-7605-361-4

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]