Glándula do sal
A glándula do sal (ou de sal) ou glándula excretora de sal é un órgano para excretar o exceso de sales que teñen algúns animais. Encóntrase en elasmobranquios (tiburóns e raias), aves mariñas, e algúns réptiles. As glándulas dos tiburóns encóntranse no seu recto, as das aves e réptiles na cabeza na área dos ollos, fosas nasais ou boca. Estas glándulas teñen forma lobada e conteñen moitos túbulos secretores que radian cara a fóra desde a canle excretora do seu centro. Os túbulos secretores están tapizados por unha soa capa de células epiteliais. O diámetro e lonxitude destas glándulas varía dependendo da inxestión de sal que faga a especie.[1]
As glándulas do sal manteñen o equilibrio salino e permítenlles a algúns vertebrados beber auga de mar.[2] O transporte activo ten lugar por medio dunha bomba de sodio-potasio, que se encontra na membrana basolateral das células da gándula, e o traslado o sal desde o sangue á glándula onde despois se excreta como unha solución concentrada.
En aves
[editar | editar a fonte]As glándulas do sal das aves teñen dous condutos principais, medial e lateral. Estas glándulas excretan cloruro de sodio hipertónico (con poucos ións doutro tipo) polo estímulo de osmorreceptores centrais e periféricos e receptores de volume. As glándulas do sal actívanse cando se incrementa a osmolaridade do sangue, estimulando o procesamento da información hipotalámica, enviando sinais a través dun nervio parasimpático e activando a vasodilatación, a liberación de hormonas (acetilcolina e péptido intestinal vasoactivo).[3] A acetilcolina únese ao receptor na membrana basolateral das glándulas. Este á súa vez activa a liberación de calcio nas células epiteliais, a apertura de canles de potasio na membrana basolateral, por onde o potasio flúe fóra da célula, e canles de cloruro na membrana apical, por onde sae o cloruro da célula. Os ións son trasladados ás células epiteliais por un cotransportador de Na-K-Cl, tamén situado na membrana basolateral. Os incrementos do nivel de sodio abren as canles de ATPase de Na+/K+, eliminan o exceso de sodio pola membrana basolateral á vez que permiten que o potasio entre na célula. Fórmase un gradiente eléctrico ao acumulárense ions cloruro, que permite que o sodio pase a través das unións herméticas das células epiteliais das glándulas do sal xunto con cantidades mínimas de auga. Ademais, as células ricas en mitocondrias están asociadas con cambios na concentración de sal e colaboran co movemento de sales.
En réptiles
[editar | editar a fonte]A necesidade de excreción de sales en réptiles (como as iguanas mariñas e tartarugas mariñas) e aves (como as pardelas e albatros) reflicte que teñen uns riles moito menos eficientes que os dos mamíferos, xa que os riles dos mamíferos mariños poden tratar a auga do mar.[4] A diferenza da pel dos anfibios, a dos réptiles e aves é impermeable ao sal, impedindo a súa liberación.[5]
A evolución das glándulas de sal nos primeiros réptiles e aves permitiulles comer plantas acuáticas e animais con altas concentracións de sal. Este desenvolvemento evolutivo non explica as glándulas dos elasmobranquios, seguramente orixinadas por converxencia evolutiva.
Algunhas teorías suxiren que os condutos lacrimais dos mamíferos e as glándulas sudoríparas poden ser relacionados evoltivamente coas glándulas do sal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ellis, Richard A.; GOERTEMILLER, CLARENCE C.; STETSON, DAVID L (1982). "Significance of extensive /'leaky/' cell junctions in the avian salt gland". Nature 268 (5620): 555–556. Bibcode:1977Natur.268..555E. PMID 887174. doi:10.1038/268555a0.
- ↑ O’Driscoll, K.J.; Staniels, L.K.; Facey, D.E. "Osmoregulation and Excretion". Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2014. Consultado o 2007-07-06.
- ↑ Hildebrandt, Jan-Peter (2001). "Coping with excess salt: adaptive functions of external osmoregulatory organs in vertebrates". Zoology 104: 209–220. doi:10.1078/0944-2006-00026.
- ↑ "Plants Poisonous to Livestock - Cornell University Department of Animal Science". Ansci.cornell.edu. Consultado o 2011-07-14.
- ↑ Hazard, Lisa C. (2004). Sodium and Potassium Secretion by Iguana Salt Glands. Iguanas: Biology and Conservation (University of California Press). pp. 84–85. ISBN 978-0-520-23854-1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Evans, D. H. 1993. Osmotic and Ionic Regulation. p. 315-336. In Evans, D. H. 1993. The Physiology of Fishes. CRC Press, Boca Raton, FL.
- Goldenstein, D. L. 2002. Water and Salt Balance in Seabirds. p. 467-480. In Schreiber, E. A. and J. Burger. (eds.) 2002. Biology of Marine Birds. CRC Press, Boca Raton, FL.
- Schmidt-Nielsen, K. 1959. Salt Glands. p. 221-226. In Wessells, N. K. (comp.) 1974. Vertebrate Structures and Functions. W. H. Freeman and Company, San Francisco, CA.
- Wǖrsig, B. G., T. A. Jefferson and D. J. Schmidly. 2000. The Marine Mammals of the Gulf of Mexico. Texas A&M Press, College Station, TX.