Giovanni Battista Ramusio
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de xullo de 1485 ![]() Treviso, Italia ![]() |
Morte | 10 de xullo de 1557 ![]() Padua, Italia ![]() |
Embaixador | |
![]() | |
Actividade | |
Ocupación | escritor, historiador, xeógrafo, diplomático, cartógrafo ![]() |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Paolo Ramusio ![]() |
Descrito pola fonte | Encyclopædia Britannica ![]() |
![]() |
Giovanni Battista Ramusio, tamén chamado Giovan Battista e Giambattista (e latinizado Jo[h]annes Baptista R[h]am[n]usius)[1], nado o 20 de xullo de 1485 en Treviso e finado o 10 de xullo de 1557 en Padua, foi un diplomático, xeógrafo, tradutor e editor italiano do renacemento. Foi secretario do senado veneciano en 1515 e do Consello dos Dez en 1533. A súa obra principal é Delle Navigationi et Viaggi, na que compilou unha gran colección de documentos sobre viaxes, traduciunos e editounos xunto cun grupo de colaboradores a cuxa cabeza estivo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacemento e familia
[editar | editar a fonte]Ramusio naceu o 20 de xullo de 1485 no seo dunha antiga e ilustre familia oriúnda de Rimini. Era un dos sete fillos de Paolo Ramusio "o Vello", e Tomaris Machachiò.[2] Tanto o seu pai como o seu tío paterno, Girolamo Ramusio "o Vello", estudaron na Universidade de Padua, Paolo, leis, e Girolamo, medicina. Paolo escribiu varios libros e traduciu do latín De re militare de Valturio[3], e Girolamo, exiliado no Levante asiático, escribiu, ademais de tratados médicos, poesía, estudou literatura grega e árabe e traduciu Avicena.[4]
Paolo, fuxindo da inestabilidade política, a mediados do século XV trasladouse á República de Venecia, onde foi nomeado maxistrado. Alí, na cidade de Treviso, onde fora designado xuíz, naceu Giovanni Battista, que foi levado á cidade de Venecia xa de pequeno. En 1524 casou con Francesca (ou Franceschina) Navagero, quen era á vez parente súa pola parte da súa nai Tomaris, e parente do amigo e colaborador de Ramusio, Andrea Navagero. O matrimonio tivo un só fillo, Paolo "o Novo", en 1532.[5]. O neto de Giovanni Battista Ramusio, Girolamo Ramusio "o Novo", tamén dedicouse á diplomacia e ás angueiras intelectuais escribindo as súas propias obras e traducións, entre elas, a historia da propia familia Ramusio.[6]
Formación
[editar | editar a fonte]
Giovanni Battista Ramusio, como o seu pai e o seu tío, foi a estudar na Universidade de Padua, quizais dereito.[7] Alí foi alumno do folósofo Pietro Pomponazzi.[8] Sábese que coñecía o grego e o latín, mais tamén tiña coñecementos de portugués, castelán, francés e as linguas italianas. Con todo, parecería que non acadou a obter ningún grao, talvez porque sería chamado temperamente a Venecia a exercer un cargo diplomático.[7] Tamén estudou en Venecia, na Accademia Aldina (promotora da publicación dos clásicos grecolatinos e italianos) onde fixo amizade con outros importantes humanistas, a maioría dos cales devirían colaboradores na súa obra como xeógrafo. É o caso de Aldo Manuzio,[8] Andrea Navagero, Girolamo Fracastoro, Pietro Bembo, Bernardino Donato, Raimondo e Giovanni Battista della Torre.[9] Ramusio tamén foi colaborador nas labores intelectuais dalgún deles como Navagero, Fracastoro e Bembo,[10] e mantivo unha relación persoal ou ben unha frutífera correspondencia coa maioría dos devanditos intelectuais, así como con persoas importantes tanto de Venecia -Vettor Fausto (profesor de grego e arquitecto naval), Giovita Ravizza (ou Rapicio, gramático e literato)- como do estranxeiro -Baldassare da Castiglione (nuncio papal en España), Gonzalo Fernando de Oviedo (historiador do emperador Carlos V)[11], Sebastián Caboto (mariño, explorador e cartógrafo, fillo de Xoán Caboto)-, entre outros.[12]
Da súa correspondencia e escritos colíxese a súa familiaridade coa obra dos clásicos como Plinio, Aristóteles, Livio[13], Tolomeo e Estrabón.
Carreira diplomática
[editar | editar a fonte]Como diplomático, Giovanni Battista Ramusio desenvolveu unha importante carreira. Aos 20 anos de idade, en 1505, foi admitido entre os extraordinarios da chancelaría veneciana, e entre os ordinarios en 1513. En 1515 chegou a ser secretario do Senado, e en 1533 do Consello dos Dez.[14]
En total serviu como diplomático 54 anos,[15] durante os cales encomendáronlle importantes misións. Estivo en Roma, en Suíza e en Francia, onde Lois XII fíxoo viaxar por case todo o reino.[16] Alí formou parte da comitiva do embaixador Alvise Mocenigo, futuro doge de Venecia. Quizais tamén viaxara a África.[17]
Anos finais e morte
[editar | editar a fonte]Xa na súa vellez, Ramusio obtivo a dimisión ao cargo de secretario do Consello dos Dez e retirouse a Villa Ramusa (ou Ramusia), preto de Padua, ás súas posesións patruciais. Cando enfermou[18] foi trasladado á cidade de Padua, onde finalmente morreu á idade de 72 anos, o 10 de xullo de 1557. Os seus restos foron trasladados á cidade de Venecia, onde foron depositados, segundo a vontade do propio defunto, na tumba que mandara erixir para a súa nai, na Igrexa de Santa María dell'Orto.[19] Cando faleceu, a súa obra maior, Delle Navigationi e Viaggi, aínda non fora publicada enteiramente.
Obra
[editar | editar a fonte]Delle Navigationi et Viaggi
[editar | editar a fonte]Na época de Ramusio Venecia continuaba a ser unha potencia cuxa principal fonte de ingresos era o comercio e por tanto había na República un grande interese polas descubertas xeográficas que estaban a levar a cabo outros países europeos. A grande actividade da Serenísima e a súa relativa estabilidade política atraían inmigrantes do resto de Italia. Isto pode verse no feito de que parte dos homes involucrados na obra de Ramusio, como a propia familia Ramusio, tiñan unha orixe foránea. Por exemplo os Giunti (impresores provenientes de Florencia[20], aínda que Tommaso Giunti, editor e amigo de Ramusio, xa era nativo de Venecia), ou Giacomo Gastaldi (cartógrafo piamontés)[21]
Non se sabe con certeza cal foi o incentivo para que arredor de 1520 Ramusio emprendera o labor de recompilar, traducir e editar os escritos circulantes en Europa sobre as viaxes exploratorias. Quizais fora por suxestión de Girolamo Fracastoro[22], quizais por mor da encarga que recibira de tratar co navegante Sebastián Caboto, para que entrase ao servizo de Venecia.[23] Sexa cal sexa o caso, Ramusio comezou unha ampla recollida de documentos xeográficos. Para isto contou coa axuda dos devanditos colaboradores. O primeiro en procurar tales documentos foi Navagero en España, quen de feito, adquiriu textos de Oviedo e Pedro Mártir de Anglería co obxectivo de traducilos e publicalos. Mais á súa morte deixou inconclusa á obra, que Ramusio rematou. Parte deste material incorporouno á súa propia Delle Navigationi et Viaggi.[24] Mais o principal compañeiro de traballo para a elaboración da obra de Ramusio foi o cartógrafo Giacomo Gastaldi.[10]
Daquela ampla compilación xurdiu unha monumental antoloxía composta por tres tomos en folio. De cada un fixéronse varias edicións, todas en Venecia e na casa dos Giunti.
- O Tomo I publicouse por primeira vez en 1550 (e foi reimprentado en 1554, 1563, 1588, 1606 e 1613). Abrangue narracións de viaxes ás Indias Orientais, tanto antigas como recentes, máis dous relatos atribuídos a Américo Vespucio, e outros dous sobre a viaxe de Magalhães.
- O Tomo II publicouse postumamente, en 1559, e despois de publicado o III. Segundo o impresor Tommaso Giunti, porque os materiais para o Tomo III se recolleron primeiro. Ademais as probas do Tomo II foron danadas polo incendio que destruíu a imprenta dos Giunti en novembro de 1557, catro meses após a morte de Ramusio. O incendio quizais destruiría tamén o proxecto dun Tomo IV, tamén sobre América, anunciado por Ramusio na reimpresión de 1565, do Tomo III.[25] Este hipotético Tomo IV probablemente trataría de Suramérica e do misterioso continente do hemisferio austral de cuxa existencia todo o mundo estaba convencido pero que ninguén descubrira.[21]
- O Tomo III tivo a súa primeira edición en 1556, e volveu ser imprimido en 1565 e 1606. Trata o continente americano, aínda que a reimpresión de 1606, póstuma, contén tamén dúas obras alleas á descrición do Novo Mundo.[26]
A obra atinxiu un amplo éxito por toda Europa, en parte por non estar circunscrita ao latín. Ramusio escolleu escribila na lingua toscana vernácula –que deviría en italiano- bastante coñecida na Europa de entón.[21]
Obras menores
[editar | editar a fonte]Ademais da súa monumental Delle Navigationi et Viaggi, consérvanase algúns escritos que Cigogna enumera:[27]
- Unha oración fúnebre pola morte do chanceler Francesco Fasioli titulada In funere Francisci Faseoli Magni Venetiarum Cancellarii.
- Un estudo sobre as mareas titulado Trattato del flusso e riflusso del Mare.
- Un debuxo e descrición dun cedro do Líbano.
- Un epigrama en latín que enxalza Pomponio Gaurico.
- Colaboración no libro de Girolamo Fracastoro De Sympathia et Antipathia rerum.
- Unha tradución ao latín dunha inscrición grega.
- Anotacións e correccións marxinais a unha copia do Dioscoride grego.
- Revisión e corrección en colaboración con Navagero, do Quintiliano, por ancargo de Aldo Manucio.
- Unha tradución da Conquista de Constantinopla de Geoffroi de Villehardouin, completada polo seu fillo Paolo Ramusio.
- Unha relación sobre David Ebreo.
- Unha tradución ao toscano dunha carta en castelán de "a súa Cesarea Maxestade a Dom. Lopes de Soria, o seu embaixador en Venecia."
- Un rexistro dos libros do cardeal Besarión na Biblioteca Marciana distribuídos entre 1545 e 1548 a diferentes estudosos.
- Inscricións nun códice conservado na Biblioteca Vaticana.
- Quizais catro táboas xeográficas que representan as navegación dos mariños venecianos máis célebres.
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ Cicogna, principal fonte sobre Ramusio, atesta Johanes con e sen "h" e Rhamnusius con e sen "h" e con e sen "n". Tamén menciona as diferentes versións do apelido que el mesmo atapou: Rannusius, Ramnusius, Rammusius, Rhamusius. (Emmanuele Antonio Cicogna, Inscrizione Veneziani, Volume II. Venecia, Giuseppe Picotti Stampatore, 1827, p. 310-337).
- ↑ Cicogna, 1827, p. 313.
- ↑ Jerome Randall Barnes, Giovanni Battista Ramusio and the History of Discoveries: An Analysis of Ramusio's Commentary, Cartography, and Imagery in "Delle Navigationi Et Viaggi" Arquivado 28 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine.. The University of Texas at Arlington. 2007, p. 17-18. No libro chámase a obra traducida por Paolo Ramusio Precepta Militria, pero o nome latino é De Re Militare e a parte do título en toscano máis parecida ao que dá o libro é "...precepti militari..." (Cicogna, 1827, p. 314).
- ↑ Cicogna, 1827, p. 310
- ↑ 5,0 5,1 Cicogna, 1827, p. 320.
- ↑ Cicogna, 1827, p. 335-537.
- ↑ 7,0 7,1 Randall Barnes, 2007, p. 19-20.
- ↑ 8,0 8,1 Claudio Paganelli, Notas biográficas da entrada Giovan Battista Ramusio, Liber Liber. Consultado o 21 de xaneiro de 2016.
- ↑ Randall Barnes, 2007, p. 20.
- ↑ 10,0 10,1 Randall Barnes, 2007, p. 24.
- ↑ O cronista español non soamente sería tamén unha das súas fontes, senón que aparentemente foron mesmo socios de negocios pois fixeron investimentos xuntos no comercio de produtos entre Venecia e Santo Domingo, na Española, vía Cadiz. (Randall Barnes, 2007, p. 30-32, citando Marica Milanesi, Tolomeo sostituito, studidi storia delle conoscenze gregráfiche nel XVI sécolo. Milán, UNICOPLI, 1984, p.65).
- ↑ Cicogna, 1827, p. 317.
- ↑ Randall Barnes Arquivado 28 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine., 2007, p. 23.
- ↑ Cicogna, 1827, p. 315-316.
- ↑ Cicogna (p. 316) corrixe á versión de Johann Gottlieb Krause (Apparatus ad P. Manutii vitam. Leipzig, 1669), de que foran soamente 43 anos.
- ↑ Cicogna, 1827, p. 316.
- ↑ Alessandro Marzo Magno, Bound in Venice: The Serene Republic and the Dawn of the Book, Europa Editions, 2013, tradución ao inglés de Gregory Conti, ISBN 978-1-60945-152-3
- ↑ Segundo Cicogna (p. 321), de petequias, roturas de vasos capilares cuxo sangrado interno maniféstase con manchiñas cutáneas bermellas ou púrpuras (Kumar, Vinay; Abbas, Abul K.; Fausto, Nelson; & Mitchell, Richard N. (2007). Robbins Basic Pathology (8th ed.). Saunders Elsevier. p. 86. ISBN 978-1-4160-2973-1)
- ↑ Cicogna (p. 321)
- ↑ Randall Barnes, 2007, p. 22.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Marzo Magno, 2013
- ↑ Editors of Encyclopædia Britannica. Giovanni Battista Ramusio. Italian geographer and author. Encyclopædia Britannica. Consultado o 18 de xaneiro de 2016. A Britannica afirma que Ramusio emprendeu a obra directamente por suxestión de Fracastoro, pero Cicogna (p. 319) soamente di que "foi dos primeiros en estimulalo a tecer e publicar a devandita compilación".
- ↑ Paganelli. Consultado o 21 de xaneiro de 2016.
- ↑ Randall Barnes, 2007, p. 20-21 e 28.
- ↑ Giovanni Battista Ramusio, Discorso sopra el discoprimento et conquista del Peru, no t. III, f. 371r. (1556); Tommaso Giunti alli lettori no t. I, f. 6v,
- ↑ José Rovira Collado, "La Visión de Anáhuac": Reyes recupera a Ramusio. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2005.
- ↑ Cicogna, (p. 324-327)