Avelino Cachafeiro
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de maio de 1899 Soutelo de Montes, España |
Morte | 13 de abril de 1972 (72 anos) Soutelo de Montes, España |
Actividade | |
Ocupación | gaiteiro |
Instrumento | Gaita e gaita galega |
Avelino Cachafeiro Bugallo, O Gaiteiro de Soutelo, nado en Soutelo de Montes o 26 de maio de 1899 e finado na mesma vila o 13 de abril de 1972, foi un gaiteiro galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De familia de gaiteiros da Terra de Montes, aprendeu do seu avó Juan e tocaba polas carballeiras en canto coidaba do gando. O seu pai, Fermín, regaloulle as súas propias gaitas, deixándoas para dedicarse só ao bombo. Formou o grupo de gaiteiros Os Gaiteiros de Soutelo cos seus irmáns Castor (gaita) e Bautista (voz e caixa), o seu pai Fermín (bombo) e a súa tía Andrea, que algunhas veces se axuntaba a eles para tocar o pandeiro. No grupo Avelino era o símbolo, o director, o compositor; nunha palabra, a alma do grupo.
En 1922 entrou no coro da Sociedade Artística de Pontevedra. Con só 25 anos foi proclamado o mellor gaiteiro de Galicia no concurso celebrado en Santiago en 1924 (a parte literaria gañouna Eladio Rodríguez González), na véspera do día do Apóstolo.[1] Castelao inmortalizou o momento nunha memorábel caricatura na que aparece o retrato invertido de Rosalía de Castro no fol da súa gaita.[2]
Cara a 1928 gravaron para a compañía Regal as seguintes pezas:
- "Foliada de Barro de Areu".[3] Solo de gaitas e canto.
- "La Alfonsina". Muiñeira. Dúo de gaitas.
- "Eicho de dar queridiña". Foliada. Dúo de gaitas.
- "A volta da festa" (pasarrúas). Dúo de gaitas.
- "Estróupeles-Tróupele". Muiñeira. Dúo de gaitas.
- "Rianxeira". Foliada Rías Baixas. Dúo de gaitas.
- "Fandango de Pontevedra". Dúo de gaitas.
- "Muiñeira de Chantada". Solo de gaita por Avelino Cachafeiro
- "Foliada de Luxán". Dúo de gaitas.
- "Farruquiña, chaman á porta". Muiñeira. Dúo de gaitas.
- "Foliada de Tenorio". Solo de gaita e canto.
- "Alborada de Rosalía de Castro". Dúo de gaita por Avelino e Bautista Cachafeiro.
Xiras e retirada
[editar | editar a fonte]Xunto cos seus irmáns Castor e Bautista, Os Gaiteiros de Soutelo, percorreu toda Galicia, así como Buenos Aires, Montevideo, Brasil ou Barcelona. En 1928 morreu Fermín e en 1933 Bautista. A guerra civil española esfarelou o grupo, sorprendéndoos tocando en Barcelona, territorio republicano, mentres Galiza quedaba no nacional. A Cultural Obreira levounos a Madrid para dar ánimos ás tropas que alí loitaban, e cando se dirixían a Berlín para tocar nos Xogos Olímpicos de 1936, decidiron volver á casa por Lisboa. Así rematou o grupo.
Nunca máis tocou en público, o que fixo medrar aínda máis a súa lenda. Dedicouse á poesía, a pintura e á súa faceta empresarial (unha funeraria, unha sala de festas e unha gasolineira).
Outros labores
[editar | editar a fonte]En 1969 publicou o libro de poemas, Voando coas aas da vida, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo.
A discográfica galega Ouvirmos recuperou e editou un disco dos gaiteiros de Soutelo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gómez Cano, Fran X. (2007). A gaita de fol galega. Deputación de Ourense. p. 25.
- ↑ Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel (10/08/1924). "O gaiteiro de Soutelo". Galicia: diario de Vigo (582).
- ↑ No título aparece errado *Areu por Arén.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- Rivas Troitiño, Xosé Manuel (1977). O gaiteiro de Soutelo.
- Troitiño, Rubén (2023). 1924-2024 | Avelino Cachafeiro, cen anos do nomeamento coma mellor gaiteiro de Galicia. Revista Cousas de