Frank Casañas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Frank Casañas
2011-06-09 Frank Casañas.jpg
Nacemento18 de outubro de 1978
 A Habana
NacionalidadeCuba e España
Ocupaciónatleta
editar datos en Wikidata ]

Yennifer Frank Casañas Hernández, nado o 18 de outubro de 1978 en Guanabacoa (A Habana, Cuba), é un atleta olímpico galego, lanzador de disco.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou no atletismo en Cuba, onde acadou postos importantes, como o campionato de Cuba de lanzamento de disco, tanto en categoría júnior como en categoría absoluta. En 1996 obtivo a medalla de bronce no Campionato do Mundo Júnior, que se clebrou en Sydney. Dous anos máis tarde, en 1998 foi prata nos Xogos Centroamericanos e do Caribe celebrados en Maracaibo, medalla que repetiu nos Xogos Panamericanos de 2003, celebrados en Santo Domingo.

Durante ese tempo foi seleccionado por Cuba para participar nos Xogos Olímpicos. En 2000 debutou nos Xogos Olímpicos de Sydney e en 2004 repetiu a súa presenza nos Xogos de Atenas. Nas dúas ocasións quedou eliminado na fase clasificatoria, sen pasar á final. En 2003 e en 2005 clasificouse para os Mundiais de Atletismo, celebrados respectivamente en París e Helsinki, mais en ningunha desas ocasións chegou á final.

Á volta dos mundiais de Helsinki desertou do equipo cubano e buscou refuxio en España ao facer o avión escala en Madrid. De alí mudouse á Coruña. Tres anos máis tarde, en 2008 casou en Galicia e pasou a competir coa nacionalidade española. Coa selección española participou nos Xogos Olímpicos de Beijing, en 2008, onde quedou quinto clasificado, que é o mellor posto acadado nunca por un lanzador galego nuns Xogos Olímpicos. Ao ano seguinte, en 2009, participou nos Mundiais de Berlín, onde tampouco chegou á final; en 2011, en Daegu, aínda que foi convocado pola selección española non chegou a competir.

Tamén participou nos Xogos Olímpicos de Londres en 2012, onde obtivo unha sétima praza, que foi seguida pola novena posición nos Mundiais de atletismo de Moscova en 2013.

A súa adestradora é Valentina Fedjuschina. O seu club é o Club Atletisme Castelló.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

É o home da tamén lanzadora galega Dolores Pedrares. Despois de vivir na Coruña e en Tui, na actualidade vive en Pontevedra.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]