Flavio Eutropio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Flavio Eutropio
Nacementopost. anos 310xuliano
Falecementoséculo IV
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónpolítico, escritor e historiador
Coñecido/a porBreviarium
editar datos en Wikidata ]

Flavio Eutropio (en latín: Flavius Eutropius) foi un historiador romano do século IV, magister memoriae de Constantinopla, e cronista de Xuliano o Apóstata na súa expedición contra os persas no ano 363.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Non se coñece demasiado sobre a súa vida e puidese ser que baixo o seu nome se confundan os feitos de diversos personaxes homónimos. Pero a maior parte do seguro que se sabe sobre el procede dos datos que fornece el mesmo no seu Breviarium historiae romanae ("Epítome ou compendio de historia romana"). As copias conservadas da súa obra chámano clarísimo e consular, así que é indubidábel que debeu chegar aos máis altos postos do estado romano. Marcelo Empírico relaciónao con Ausonio, o que podería indicar a súa orixe bordelesa, pero o seu nome é grego e a opinión máis corrente admite que debía ser de orixe oriental e sobriño do rétor Acacio de Cesarea[1][2].

Estivo en Antioquía, onde se reencontrou co emperador Xuliano o Apóstata, do cal era fervente partidario. E entrou na administración imperial como magister epistularum ou secretario redactor de cartas de Constancio II (337-361). El mesmo afirma que participou ou estivo na expedición que Xuliano fixo na primavera do ano 363 contra os persas[3]. Despois de ser praeses Ciliciae en 367-369, converteuse en magister memoriae do emperador Valente, ao cal dedicou o seu Breviarium historiae romanae en data indeterminada. Parece non ser anterior a 367 (data da primeira expedición contra os godos do emperador Valente, a quen a dedicatoria dá o título de Gothicus Maximus) nin posterior ao 9 de agosto de 378 (data da morte deste emperador) (cf. Eutropio, Breviarium... dedicatoria).

En 371 el ou alguén do seu mesmo nome converteuse en procónsul de Asia. E durante o seu mandato foi acusado por Festo de participar no complot de Teodoro, polo que foi relevado das súas funcións[4]. Absolto por falta de probas, abandonou Asia para volver a Roma, onde foi comes rerum privatarum do emperador Graciano. Por entón escribiuse co defensor do paganismo e aristócrata romano Símaco, e esta relación e a ausencia no seu Breviarium de todo feito concernente aos cristiáns –salvo unha reserva cara á política relixiosa de Xuliano– induce a crer que Eutropio era de confesión pagá. Entre 379 e 381, Teodosio I nomeouno prefecto da provincia de Ilírico. En 387, compartiu o consulado ordinario con Valentiniano II, unha honra moi destacada.

Obras[editar | editar a fonte]

Eutropio compuxo un Breviarium historiae romanae ou "Compendio de historia romana" en dez libros. Foron escritos durante o goberno de Valente e conta sen demasiada retórica a historia de Roma desde a súa fundación até a época final do emperador Xoviano (364) e a subida ao poder de Valente.

Até o libro VI nárrase a historia dos reis de Roma e do período republicano. No VII trátase sobre as dinastías Xulio-Claudia e Flavia concluíndo co asasinato de Domiciano. Os libros VIII ao X conságranse aos sucesores de Domiciano até o reinado de Xoviano. Coidadosamente compilado, sobresae pola súa imparcialidade e o seu estilo claro, aínda que o seu latín xa non é o clásico. Estes méritos convertérono durante moito tempo en libro de ensino.

Para o período republicano, Eutropio dependeu dun epítome de Tito Livio; para as partes posteriores, parece usar a obra biográfica de Suetonio e o perdido e hipotético Enmannsche Kaisergeschichte. No final, tamén puido empregar á súa propia experiencia persoal.

O Breviarium foi continuado até o tempo do emperador romano oriental Xustiniano o Grande por Paulo Diácono, e esta versión foi á súa vez ampliada polo historiador lombardo Landolfo Sagax (c. 1000), e levada até a época do emperador León V o Armenio (813-820) na Historia Miscella.

Das traducións gregas de Peanio (ao redor de 380) e Capitón Licio (século VI), a versión do primeiro consérvase case completa. A mellor edición de Eutropio é de H. Droysen (1879); contén a versión grega e as edicións ampliadas de Paulo Diácono e Landolfo. Tamén existen numerosas edicións e traducións en inglés.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Marcellus Empiricus, De medicamentis, Pref. 1-2
  2. Eutropio (trad. Joseph Hellegouarch), Abrégé d'histoire romaine, Les Belles-Lettres, coll. « CUF Latin », 1999,p. lxxxi
  3. Eutropio, Breviarium, X, 8
  4. Amiano Marcelino, 29, 1, 36 y 2, 22

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]