Ferenc Szusza
Szusza | |||
---|---|---|---|
![]() | |||
Información persoal | |||
Nome | Ferenc Szusza | ||
Nacemento | 1 de decembro de 1923 | ||
Lugar de nacemento | Budapest | ||
Falecemento | 1 de agosto de 2006 | ||
Lugar de falecemento | Budapest | ||
Altura | 172 centímetros | ||
Posición | dianteiro, dianteira | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1940–1961 | Újpest Dózsa | 462 | (393) |
Adestrador | |||
1962–1964 | ETO | ||
1964–1965 | Újpest Dózsa | ||
1966–1968 | ETO | ||
1969 | Egri Dózsa | ||
1970–1971 | Górnik Zabrze | ||
1972–1976 | Betis | ||
1978–1979 | Atlético de Madrid | ||
1980–1981 | Újpest Dózsa | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Ferenc Szusza, nado en Budapest o 1 de decembro de 1923 e finado na mesma cidade o 1 de agosto de 2006, foi un futbolista e adestrador húngaro. Dianteiro histórico do Újpest, militou nese club durante 21 anos, marcando 393 goles. Considerado un dos mellores xogadores húngaros da historia, foi 24 veces internacional, marcando 18 goles, e formou parte da selección húngara coñecida como a dos "Maxiares máxicos" ou "Equipo de ouro". Como adestrador destacou en Hungría e Polonia, gañando varios títulos, e adestrou tamén en España, onde dirixiu o Betis e o Atlético de Madrid. O estadio do Újpesti Dózsa leva o seu nome.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Como futbolista[editar | editar a fonte]
Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Újpest Dózsa, no que xogou durante 21 anos, entre 1940 e 1961, converténdose nun dos maiores símbolos da historia do club. Gañou catro ligas húngaras co club de Budapest, a primeira delas en 1945 e a última en 1960.
Szusza aparece nas listas da IFFHS como o sexto xogador con máis goles nunha mesma liga, con 393 tantos en 462 partidos, só superado por Lionel Messi, Pelé, Josef Bican, Imre Schlosser e Jimmy McGrory.[1]
Selección nacional[editar | editar a fonte]
Debutou coa selección de Hungría o 14 de xuño de 1942 nun partido contra Croacia que rematou con empate. Formou parte da chamada selección dos "Maxiares máxicos" ou "Equipo de ouro". xunto a outros xogadores como Kocsis, Puskás ou Czibor. Proclamouse campión da Copa dos Balcáns en 1947.
En total, e ata 1956, xogou un total de 24 partidos internacionais, marcando 18 goles.[2]
Como adestrador[editar | editar a fonte]
Finalizada a súa carreira como xogador, non se desvencellou do fútbol, e pouco despois, en 1962, comezou a súa etapa como adestrador. A súa primeira experiencia nos bancos foi no Győri ETO FC, na cidade de Győr. Despois de só dúas tempadas, nas que conseguiu gañar unha liga, regresou a Budapest para dirixir durante dous anos o seu equipo de toda a vida, o Újpest Dózsa.
En 1966 comezou unha segunda etapa no Győri ETO FC, na que conseguiu dous títulos da Copa de Hungría. Tras un breve paso polo Egri Dózsa, marchou a Polonia, dirixindo na tempada 1970/71 o Górnik Zabrze, club co que conseguiu ese ano a Liga e a Copa de Polonia.
En 1971 deu o salto á liga española, fichando polo Real Betis. Sufriu un descenso a Segunda División na tempada 1972/73, conseguindo ascender de novo á Primeira División na tempada seguinte, como campión de Segunda. Foi adestrador do club andaluz ata 1976, cando as autoridades húngaras puxeron trabas á súa permanencia en España e viuse obrigado a regresar ao seu país.[3]
Malia as dificultades, regresou a España dous anos despois, cando foi contratado polo Atlético de Madrid trala destitución de Héctor Núñez poucas xornadas despois do comezo da tempada 1978/79. Conseguiu endereitar o rumbo do equipo e acabou terceiro, só por detrás do Real Madrid e o Sporting de Gijón.
A súa última campaña no banco volveu ser no Újpest Dózsa, que dirixiu na tempada 1980/81.[4]
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
En 2001 deu nome ao estadio onde o club disputa os seus partidos, o Estadio Ferenc Szusza.
Palmarés[editar | editar a fonte]
Como xogador[editar | editar a fonte]
- Újpest Dózsa
- Liga húngara (4): 1945, 1945/46, 1946/47 e 1959/60.
- Selección de Hungría
- Copa dos Balcáns (4): 1945, 1945/46, 1946/47 e 1959/60.
Como adestrador[editar | editar a fonte]
- Győri ETO FC
- Liga húngara (1): 1963.
- Copa de Hungría (2): 1966, 1967.
- Górnik Zabrze
- Ekstraklasa (1): 1970/71.
- Copa de Polonia (1): 1970/71.
- Betis
- Segunda División (1): 1973/74.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "NEW ONE LEAGUE WORLD GOAL SCORER RECORD FOR LIONEL MESSI !". IFFHS (en inglés). 23 de abril de 2021. Consultado o 8 de marzo de 2022.
- ↑ "Hungary - Record International Players". rsssf.com (en inglés). Consultado o 8 de marzo de 2022.
- ↑ "La vuelta de Ferenc Szusza" (en castelán). 9 de febreiro de 2020. Consultado o 8 de marzo de 2022.
- ↑ Pérez Torres, Laura (4 de agosto de 2006). "Ferenc Szusza, legendario futbolista húngaro". El Mundo (en castelán). Consultado o 8 de marzo de 2022.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Datos do adestrador en BDFutbol (en castelán).