Feiraco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «FEIRACO»)

Coordenadas: 42°53′50.44″N 8°42′10.30″O / 42.8973444, -8.7028611

Feiraco
TipoCooperativa
Fundación20 de outubro de 1968
MatrizFeiraco Sociedad Cooperativa Galega
LocalizaciónPontemaceira S/N 15864 Ames, A Coruña Galicia Galicia
FundadorJesús García Calvo
Persoas claveJosé Montes Pérez (presidente)
IndustriaLáctea
ProdutosLeite
Produtos lácteos
Penso
Beneficio114 millóns de euros (2013)[1]
editar datos en Wikidata ]

Feiraco é unha empresa agrícola galega, fundada en Negreira en 1968. Actualmente as súas instalacións están situadas na parroquia de Agrón (Ames), entre os lugares de Arufe e A Ponte Nova. Está xestionada en réxime de cooperativa, desenvolvendo todo o proceso desde a recollida até a comercialización do leite e os produtos derivados. En 2014 contaba con 2.114 socios, 213 empregados e 490 explotacións produtoras de leite nas que recollía arredor de 126 millóns de litros anuais.

Historia[editar | editar a fonte]

Publicidade de Feiraco na Coruña.

Feiraco, Sociedade Cooperativa Galega foi formada en 1968 por 125 persoas da comarca da Barcala. O rexistrador da propiedade Jesús García Calvo, impulsor do proxecto, foi elixido primeiro presidente, cargo que ocupou até 2008, ano en que o sucedeu o gandeiro de Olveira (Dumbría) José Antonio Casais. Dende 2012 a cooperativa está presidida por José Montes Pérez.[2]

En 1970 construíuse unha fábrica de pensos propia, e ao ano seguinte iniciouse a recollida e comercialización do leite. En 1974 foi unha das primeiras empresas en introducir en España o sistema UHT de envasado.

En 2011 creou a marca Unicla, vinculada ao selo Galega 100% promovido pola Xunta de Galiza que identifica o leite de orixe galega. A marca Feiraco tamén está certificada por Galicia Calidade e foi a primeira empresa española certificada por AENOR coa "Letra Q" do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.

Esta marca recibiu o primeiro Premio Europeo á Innovación Cooperativa. No ano 2011 recibiu o distintivo de Igualdade na Empresa, outorgado polo Ministerio de Sanidade, pola súa política de responsabilidade social, e en 2016 a Xunta outorgoulle o Premio RSE polo seu proxecto Responsabilidade Social en Movemento para afianzar prácticas responsables en todas as áreas de traballo da compañía. Recentemente recibiu o distintivo de Igualdade na Empresa pola súa política de responsabilidade social, e foi distinguida como «empresa socialmente responsable.

Entre 2011 e 2012 lidera o proceso de adquisición, xunto a outras nove cooperativas galegas integradas en ACOLACT, da planta de CLESA en Caldas de Reis. Este proceso foi apoiado pola Xunta de Galiza a través do IGAPE, e culminou coa sinatura formal das escrituras de compra o 19 de xullo de 2012.

En novembro de 2016, funda Cooperativas Lácteas Reunidas (CLUN) xunto a Melisanto e Os Irmandiños.[3] Esta sociedade cooperativa de segundo grao, que xestiona arredor do 15% da produción láctea galega, comercializa as marcas Feiraco, Feiraco Unicla e Clesa.

Moi vencellada á cultura e o patrimonio galego, Feiraco colabora coa Xunta de Galiza para difundir a celebración do Día das Letras Galegas con accións como a edición especial de cartóns de leite ou a convocatoria de concursos de microrrelatos.[4]

Produtos[editar | editar a fonte]

  • Leite Feiraco: enteiro, semidesnatado e desnatado.
  • Leite Feiraco Unicla: enteiro, semidesnatado e desnatado.
  • Leite Feiraco Unicla sen lactosa: semidesnatado e desnatado.
  • Feiraco Yogu+: iogur bebible sabor amorodo, macedonia e natural.
  • Feiraco Batido de Chocolate
  • Feiraco Nata para montar e cociñar.
  • Queixos: de barra, Tetilla e Arzúa-Ulloa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Feiraco dice adiós a la crisis con un récord de ventas en 2013" Arquivado 02 de abril de 2015 en Wayback Machine. Economía Digital, 14/6/2014 (en castelán).
  2. B., G. "José Montes se hace con la presidencia de Feiraco con el 81% de los votos". campogalego.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2016. Consultado o 26 de novembro de 2018. 
  3. Redacción (15 de novembro de 2016). "El grupo lácteo liderado por Feiraco se llamará Clun". galicia.economiadigital.es (en castelán). Archived from the original on 29 de maio de 2020. Consultado o 22 de febreiro de 2022. 
  4. Redacción/EFE (2 de maio de 2017). "Un millón de envases de Feiraco levarán impresa a imaxe de Carlos Casares". galiciae.com. Archived from the original on 14 de agosto de 2017. Consultado o 22 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]