Exposición Internacional de París de 1937
A Exposición Internacional de París de 1937, baixo o lema Exposición Internacional das Artes e das Técnicas na vida moderna, foi a sexta celebrada nesta cidade [1] desde que naceron en Londres, en 1851. Anteriormente a esta data celebráranse outras exposicións similares pero tiñan un carácter nacional ou sectorial.
Inaugurouse o 25 de maio de 1937 [2], da man do presidente Albert Lebrun (1871-1950), e pechou o 25 de novembro. No pavillón que instalou o Goberno republicano español estivo exposto o Guernica, o coñecido mural de Picasso que denuncia o bombardeo da cidade vasca do mesmo nome pola aviación alemá no transcurso da Guerra civil española.
Organización e construción
[editar | editar a fonte]Constituíu un notable traballo de organización e urbanístico, con máis de dous quilómetros de paseos e un número considerable de pavillóns que representaban a países de todo o mundo. Construíuse no centro de París, ó redor da Torre Eiffel, inicialmente sobre o Campo de Marte e os xardíns de Trocadero, para irse ampliando ó longo das beiras do Sena, entre Inválidos e Trocadero. A maior parte dos pavillóns foron construcións temporais pero algúns permanecen actualmente, como o palacio de Chaillot, que substituíu o antigo Palacio de Trocadero.
A declaración de intención de organizar a mostra internacional adoptouse o 7 de outubro de 1932, e o nomeamento de comisario xeral, na persoa de Edmond Labbé, o 15 de xullo de 1934. A exposición presentouse como proba de que a arte e a tecnoloxía non eran conceptos incompatibles. Dada a situación internacional do momento, trala depresión económica de 1929 e ante o crecemento das tensións políticas derivadas dos fascismos alemán e italiano, a Exposición Internacional tamén se marcou como obxectivo promover a paz mundial.
Dentro dese obxectivo de exaltar a incidencia da ciencia, dos novos coñecementos científicos, creouse unha mostra para ser expostos ós visitantes, no Palacio do Descubrimento.
A inauguración estaba prevista para o 1 de maio, día dos traballadores, pero as obras sufriron continuos atrasos por mor de folgas e sabotaxes, polo que a apertura non tivo lugar ata o día 25, case un mes despois da data prevista. Mesmo numerosos pavillóns continuaron en obras despois da inauguración, como foi o caso do español, que non se remataría ata o 12 de xullo.
Datos estatísticos
[editar | editar a fonte]- Foi clasificada como de segunda categoría.
- Superficie: 105 hectáreas.
- Países participantes: 45 (27 europeos, 10 americanos, 3 asiáticos, 2 africanos, 1 de Oceanía, máis Chile e a China como participantes non oficiais).
- Expositores: 11.000.
- Visitantes: 31 040 955.
- Custo: 1 443 288.391 francos franceses, cun beneficio de cerca de 218 millóns de francos.
Os pavillóns
[editar | editar a fonte]Entre os distintos pavillóns abertos destacaron como máis espectaculares o de Alemaña, do arquitecto nazi Albert Speer, e o da Unión Soviética, do arquitecto Borís Iofan, que mereceron a medalla de ouro da Exposición.
O pavillón de España nesta Exposición Internacional foi deseñado polos arquitectos Josep Lluís Sert e Luis Lacasa, e realizado por Sert e Antonio Bonet, nunha clara mostra do racionalismo español. Os arquitectos foron nomeados para construílo o 17 de decembro de 1936 e a finais de mes xa presentaran o proxecto. A primeira pedra colocouse o 27 de febreiro [3].
Situouse na avenida de Trocadero, sobre un terreo irregular e en pendente, cunha superficie de 1.400 m2. O edificio, de tendencia racionalista, construíuse nunha estrutura de aceiro á vista pintada en cores planos (branco, negro, gris e vermello). Sert, máis vangardista, foi quen decidiu o deseño final, de liñas básicas e modernistas, sobre a idea de Lacasa, de carácter máis historicista. Parece ser que se trataba dun dos pavillóns máis pequenos e humildes da Exposición, o que non impediu que recibise os eloxios dos críticos contemporáneos pola moderna concepción arquitectónica, unha obra mestra de deseño vangardista [3].
A arquitectura do pavillón de París foi o resultado de expor o proxecto desde a eficacia máis alá da forma. A eficacia construtiva, modulando o espazo mediante a repetición dunha estrutura porticada de gran facilidade de montaxe. A eficacia comunicativa, deixando toda a expresión a os contidos, o volume nedutro e elemental resultante, no que só os accesos de escaleras e ramplas alteraban a súa retícula prosperou máis tarde no exilio exterior de Bonet.
(Hacia una arquitectura racional española. Epílogo: de Barcelona (1929 a París (1937)(Summa Artis Antología XIII, Espasa 2004, 157-160).)
A participación nesta obra supuxo para os dous arquitectos ser posteriormente xulgados por responsabilidades políticas, e foi a última obra construída por Sert en España. Pero a represión non só alcanzou a Sert: Giner de los Ríos publicou en 1952 a listaxe completa dos arquitectos españois represaliados e exiliados, concluíndo que a ausencia de tan excelentes artistas explica a profunda caída sufrida pola arquitectura española a partir de 1939.
A construción, descrita como moi barata, fíxose con fortes limitacións temporais e económicas, froito das circunstancias que atravesaba o país, polo que se recorreu a elementos prefabricados (de fibrocemento ondulado, paneis de aglomerado e de material sintético) que permitiran unha fácil montaxe (construíuse nun prazo de tan só cinco meses). O edificio estaba repartido nunha planta baixa, destinada a administración e servizos, e dúas plantas, destinadas a exposicións; estas comunicábanse entre si cunha rampla en ferradura, aínda que tamén existía unha escaleira interior. Abríase a un espazo central aberto, de grandes dimensións, cuberto cun toldo pregable, que se utilizou para proxeccións, actuacións musicais e teatro ó aire libre. Parte das fachadas estaban cubertas por grandes fotomontaxes móbiles.
Os críticos coinciden en que o principal obxectivo do Goberno republicano era achegar a simpatía do mundo ante a Guerra Civil que desde un ano antes dividía España. As circunstancias derivadas da guerra determinaron a concepción do proxecto, esquecendo o lema inicial da Exposición referido á arte e as ciencias. Intentaba ser un manifesto ó mundo con resonancias antifascistas e acabou converténdose na testemuña da tráxica situación política do país. Da intencionalidade política do proxecto e o seu contido é exemplo a inscrición que figuraba na fachada: "Hai máis de medio millón con baionetas nas trincheiras que non vai deixar avanzar máis" [4].
"O carácter que debe ter a Sección Española da Exposición (...) pode e debe representar o momento presente e o esforzo marabilloso do pobo español por defender a súa independencia e a causa da paz no mundo".
O pavillón inaugurouse o 12 de xullo, coa asistencia dos artistas alí representados (Picasso, Miró ou Calder) e outros artistas que daquela residían en París, como Vicente Huidobro ou Juan Larrea. Celebrouse unha gran festa, con música popular e actuacións de grupos de bailes rexionais. Á noite, celebrouse outra festa na sede da embaixada de España en París. Durante a Exposición proxectáronse doce películas e documentais de carácter histórico, cultural e político, sen especial referencia á Guerra Civil. Este aspecto da mostra foi programado por Luis Buñuel, daquela Coordinador de Propaganda ó Servizo da Información na Embaixada española en París. Buñuel foi, tamén, o produtor da longametraxe La hija de Juan Simón (1935), que se proxectou no patio cuberto do pavillón.
Exterior
[editar | editar a fonte]No exterior do pavillón colocáronse catro esculturas.
- A de Alberto Sánchez, El pueblo español tiene un camino que conduce a una estrella, ante a fachada principal.
- De Pablo Picasso, unha titulada Gran cabeza de muller, baixo a escalinata da entrada. Foi creada en 1931 no estudio de Boisgeloup (Gisors), e representaba a imaxe de Marie Thérèse Walter.
. Tamén foi realizada con anterioridade (en 1933), no estudio de Boisgeloup.
- De Julio González, La Monserrat, en ferro vello, de 4 m de altura. Representa unha labrega co fillo no colo e unha fouce na man dereita. Posteriormente, Julio González fixo variacións desta obra, reducindo a escultura ó busto ou á cabeza, cun xesto de máximo sufrimento.
A estatua de Alberto Sánchez foi reconstruída e colocada ante a fachada do Museo Raíña Sofía. O museo conserva dous bosquexos da obra tallados en 1937 co gallo da Exposición.
A Montserrat [6] hoxe exponse no Museo Stedelijk, de Ámsterdan.
Planta baixa
[editar | editar a fonte]Na planta baixa, o elemento máis destacado foi o mural Guernica, pintado por Picasso ex profeso para esta Exposición. Fronte ó cadro, no centro do acceso ó pavillón, instalouse unha escultura de Alexander Calder, baixo o título de A fonte de mercurio [7], na honra dos mineiros de Almadén. A obra estaba construída a ras do chan, para que non obstaculizase a vista do Guernica e de forma que semellase un diálogo entre as dúas obras. As dimensións e protagonismo do mural obrigaron no último momento á eliminación dun piar metálico no edificio, co que se conseguía unha mellor visibilidade.
O mural non resultou satisfactorio para tódolos responsables da embaixada e organizadores do pavillón, de gustos estéticos máis realistas. Mesmo chegou a propoñerse a substitución por outro mural que estaba instalado na segunda planta, de Horacio Ferrer, titulado Madrid 1937 (avións negros) [4], e foi a insistencia de Sert ("La otra guerra del Guernica". La eEvista de El Mundo (en castelán). 13 de xullo de 1997.) a que conseguiu manter o cadro no seu lugar de honra e recollía así o efecto que causou no público:
A xente desfilaba ante a obra en silencio, como se se desen de conta de que ademais do seu valor pictórico era unha premonición do que despuois realizou a guerra mundial. Un grito de protesta contra a barbarie de toda guerra, e máis das dos nosos días. Un grito, entón, dun pobo que loita pola súa liberdade, pola súa dignidade e polos seus dereitos.
No pavillón expuxéronse seis esculturas de Picasso completando a mostra [5], de París entre elas: Busto de muller e Cabeza de muller con ollos saltóns, de cemento, realizadas expresamente para a ocasión, e Bañista, en bronce, propiedade do autor. Igualmente presentáronse na exposición os seus gravados titulados Soño e mentira de Franco, moi críticos coa figura de Franco.
Á esquerda colocáronse varias vitrinas para expoñer folletos e diversas publicacións, e un punto de venda de postais, libros, obxectos e reproducións.
A montaxe de Alexander Calder pretendía poñer en evidencia a importancia estratéxica do mercurio que, ademais do seu elevado prezo, se utilizaba para as baterías antiaéreas. Tratábase dunha cascada de mercurio sobre un vaso pintado de alcatrán, para resaltar o brillo do metal líquido.
Outro elemento salientable neste espazo foi unha gran fotografía do poeta Federico García Lorca, asasinado o 18 de agosto de 1936. Nunha das fotomontaxes transcribiuse parte do poema Romance da Garda Civil.
O Guernica e A dama oferente están hoxe expostas no Museo Raíña Sofía. As outras estatuas do mesmo autor están no Museo Picasso, de Antibes.
O conxunto A Fonte de mercurio atópase na Fundación Miró, de Barcelona.
Primeira planta
[editar | editar a fonte]Na primeira planta colocáronse distintas fotomontaxes sobre as actividades económicas do país, con fotografías e textos sobre a industria nacional, a agricultura, a educación, a sanidade etc. Foron realizados polo artista e cartelista Josep Renau. Incluíase unha sección sobre os desastres da guerra, con grandes fotografías das vítimas, os meniños orfos, a destrución do patrimonio artístico e monumental etc.
No relanzo entre esta planta e a superior, un gran mural de Joan Miró representaba unha alegación sobre a liberdade: Payés catalán en rebeldía [8]. Baixo o mural escribiuse o texto do himno catalán Els Segadors. Miró explicou así a súa intervención [6]:
Participei no Pavillón español da Exposición de París en 1937 porque me sentía humanamente solidarizado co que representaba. Presentei o gran panel do «Payés catalán en rebeldía», de grandes dimensións, que pintei directamente subido nuns andamios na mesma sala do edificio... a execución desta obra foi directa e brutal... Escollín este personaxe, cunha estrela azul proxectándose na superficie, porque o payés cunha fouce é un gran símbolo de Cataluña, personaxe que bota as súas raíces máis profundas na terra, materializándose con ela.
O mural foi destruído cando se desmantelou a Exposición.
Segunda planta
[editar | editar a fonte]Estaba destinada ás seccións de artes plásticas e artes populares.
O pavillón español de Barcelona
[editar | editar a fonte]En 1992 e co gallo dos Xogos Olímpicos de Barcelona, o concello encargou a construción dunha réplica exacta do pavillón, incluída unha reprodución do Guernica. Foi realizada polos arquitectos Espinet/Ubach e J. M. Hernández León no parque do val de Hebrón e, tras ser cedido á Universidade de Barcelona, hoxe está dedicado a biblioteca especializada na Segunda República [9].
Algúns elementos da Exposición na actualidade
[editar | editar a fonte]Ademais dos elementos conservados do pavillón español, xa citados anteriormente, moitos outros foron recuperados trala clausura da Exposición e consérvanse hoxe en diferentes países do mundo:
- O pavillón da URSS tiña na parte superior a estatua O obreiro e a kolkosiana, obra da escultora soviética Vera Mujina, feita en aceiro e de 25 m de altura. Trala clausura, a estatua foi colocada na entrada do actual Centro Panruso de Exposicións. Restaurouse en 2003 e colocouse sobre un novo pedestal de 35 metros, co que alcanzou unha altura total de 60 m.
- O palacio que albergaba o Museo da Arte Moderna converteuse no actual Palacio de Toquio.
- O xigantesco mural de Raoul Dufy, La Fée Électricité, exhíbese actualmente no Museo da Arte Moderna de París.
- Os 120 paneis de laca realizados Gaston Suisse para os salóns de recepcións do Comisario Xeral da Exposición, expóñense actualmente no Museo da Década de 1930, en Boulogne-Billancourt.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ París organizou antes as Exposicións de 1855, 1867, 1878, 1889, 1900, á parte doutras locais en 1925 e 1931. Esta de 1937 foi a última ocasión que tivo lugar un evento deste tipo en París.
- ↑ Outras fontes dan como data da inauguración o 4 de maio [1] Arquivado 02 de abril de 2015 en Wayback Machine..
- ↑ A maqueta presentada pode verse aquí e tamén no Museo Raíña Sofía.
- ↑ Hoxe, exposto no Museo Raíña Sofía. Pode verse aquí.
- ↑ En 1985 descubríronse no archivo da Guerra Civil de Salamanca os xustificantes de pago polo goberno republicano destas seis esculturas, que finalmente pasaron a form,ar parte dos fondos do Centro cultural George Pompidou (El País, 3.12.1985)
- ↑ Martín Martín, Fernando El pabellón español en la exposición Universal en París en 1937, Sevilla 1983 .
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Exposición Internacional de París de 1937 |
- L’Exposition internationale de 1937 (Parte 1, Parte 2 e Parte 3) (en francés)
- 1937, exposition internationale des arts et techniques dans la vie moderne (en francés)
- Vestixios da Exposición Internacional de París 1937 (en francés)
- L'Exposition Internationale de 1937 à Paris (en francés)
- Historia da arte Arquivado 28 de outubro de 2011 en Wayback Machine. (en castelán)
- El pabellón español de 1937, de Josep Lluis Sert (en castelán)
- The Paris World Exposition 1937. In the shadow of the war (en inglés)