Eufemia de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEufemia de Ourense

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoséculo II Editar o valor em Wikidata
Gallaecia, Roma Antiga Editar o valor em Wikidata
Morteséculo II Editar o valor em Wikidata
Lobios Editar o valor em Wikidata
Familia
PaiLucio Castelio Severo Editar o valor em Wikidata
IrmánsMariña de Augas Santas, Marciana, Xenibera, Basilia, Quiteria, Liberata, Vitoria e Xermana Editar o valor em Wikidata

Eufemia de Ourense, coñecida simplemente como Eufemia (nada en 119 ou 120 e finada o 10 de xullo de 138 ou anterior), é unha santa que morreu martirizada en tempos do emperador Hadriano. Por mor da escaseza e orixe dubidosa dos datos haxiográficos, Santa Eufemia non figura entre os santos oficiais que aparecen no martiroloxio, sendo en ocasións confundida con Eufemia de Calcedonia.[1]

Haxiografía[editar | editar a fonte]

Segundo o bispo Juan Muñoz de la Cueva, Eufemia, nada supostamente en Baiona ou Braga no ano 119 ou 120, foi unha das nove fillas que Calsia, esposa do entón gobernador romano de Gallaecia e Lusitania Lucio Castelio Severo, deu a luz nun único parto. Asustada polo múltiple alumbramento e temendo ser repudiada por infidelidade, Calsia decidiu desfacerse das nenas, polo que lle encomendou á serva Sila afogalas en segredo no río Este (segundo outras fontes o río Miñor).[2] Sila, que era cristiá, optou por deixar as meniñas en casa de varias familias coñecidas, que as educaron na fe católica, sendo todas elas bautizadas por San Ovidio, bispo de Braga. Tras comparecer anos despois ante o seu propio pai acusadas de ser cristiás e sabendo este que eran as súas fillas, Eufemia e as súas irmás (Liberata, Mariña, Vitoria, Xermana, Quiteria, Marciana, Xenevra e Basilia) rexeitaron a súa oferta de vivir arrodeadas de luxos e comodidades a cambio de renegar de Cristo. Lucio tomou a decisión de encarcelalas co fin de atemorizalas, se ben as irmás lograron escapar, véndose na obriga de fuxir a diferentes lugares e sendo finalmente todas elas martirizadas.[3] Outra versión afirma, non obstante, que Lucio descubriu a súa paternidade durante o proceso após advertir o parecido das irmás coa súa esposa Calsia, quen acabaría por confesar a verdade a verdade, concedendo o gobernador as súas fillas un día de prazo para elixir entre renunciar ao cristianismo ou morrer, momento en que todas elas fuxiron.[2]

De acordo coa tradición, Eufemia evanxelizou na área da serra do Xurés, na comarca de Baixa Limia, polo que sufriu martirio, sendo soterrada nun lugar actualmente coñecido co nome de serra de Santa Eufemia tras ser guindada polos precipicios do norte da zona, preto da antiga cidade romana de Obróbiga, actual Manín, Lobios.[4][5] Segundo unhas placas do século XV da catedral de Ourense, Eufemia foi sometida ao tormento da roda, aínda que o máis probábel é que este feito se tomase da haxiografía de Santa Eufemia de Calcedonia.

Reliquias[editar | editar a fonte]

Altar de Santa Eufemia na catedral de Ourense. As súas reliquias custódianse nunha furna situada detrás da estatua.

Séculos despois da súa morte, no ano 1060 (segundo algunhas fontes no 1090),[5] unha pastora que se atopaba gardando as ovellas do seu pai descubriu en Campelo, preto de Manín, unha tumba da que saía unha man que levaba un anel de ouro nun dos seus dedos. A muller tomouno, e por consecuencia, perdeu a fala, recobrándoa só tras devolver a xoias á man do cadáver en compaña do seu pai, a quen acudira en busca de auxilio e explicándolle por acenos o acontecido.[6] Segundo a lenda, escoitouse unha voz que afirmou que alí se atopaba a tumba de santa Eufemia:

Aquí está o corpo de Santa Eufemia, apresúrate a pasalo coa reverencia debida á igrexa de Santa Mariña.[7]

Cumprindo co cometido, os restos mortais foron trasladados e soterrados baixo o altar da ermida de Santa Mariña, entre as dioceses de Braga e Ourense. En 1159 o bispo de Ourense, Pedro Seguín, coa axuda dunha veciña de Manín de nome Estefanía,[8] intentou trasladar o corpo da santa á catedral da cidade, o que contou coa firme oposición dos fregueses de Braga, orixinándose unha disputa entre ambas as dioceses. Co fin de resolver o dilema, tomouse a decisión de colocar a furna co corpo da santa nun carro tirado por bois e sepultar os seus restos no lugar onde os animais se dirixisen. Os bois encamiñáronse cara a Ourense, deténdose nas inmediacións da cidade, na zona da parroquia de Seixalbo, lugar onde se erixiu un cruceiro e dende o cal os restos foron trasladados até a capital, explicando este feito o protagonismo que alí recibe a santa, onde ten dúas parroquias e unha praza dedicadas a ela, así como un altar colateral situado na capela maior da catedral de Ourense, lugar onde se veneran as súas reliquias, unha das cales, a saba de liño que cubría o seu corpo cando foi trasladado (datada no século XII), era empregada antigamente para envolver nela aos doentes baixo a crenza das súas propiedades curativas.

O anel atopado na súa tumba, outra das súas reliquias, foi custodiado na catedral até a súa desaparición no século XVI.[4][5][6] Segundo Ambrosio de Morales, o culto a Santa Eufemia estendeuse a outros lugares fóra de Galicia, como o antigo Reino de León,[9] chegando o propio Fernando II de León e Galicia a ser curado dunha grave doenza supostamente por intercesión da santa e de Martiño de Tours en 1160.[10] O 23 de xuño de 1720, Muñoz de la Cueva colocou o corpo de Santa Eufemia de modo solemne xunto as reliquias dos mártires Facundo e Primitivo na capela maior da catedral,[11] moi preto do seu anterior sepulcro.

Apropiación[editar | editar a fonte]

Debido ao escaso rexistro documental e á dubidosa veracidade dos datos haxiográficos, existe a posibilidade de que aínda que Eufemia de Ourense e Eufemia de Calcedonia sexan dúas santas distintas, unha delas tome datos e feitos haxiográficos da outra, coñecéndose isto como "apropiación" (fenómeno mediante o que se produce a adaptación dos elementos que conforman a concepción dun santo dun determinado lugar a outro). Xa que o culto a Eufemia de Calcedonia é anterior, o autor José Ramón Hernández Figueiredo chegou á conclusión de que a haxiografía de Eufemia de Ourense foi construída, por un lado, a partir dalgúns dos datos coñecidos sobre Eufemia de Calcedonia, e por outro, mediante lendas propias dos relatos haxiográficos.[1]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ulloa, Fina (24 de novembro de 2016). De la santa Eufemia ourensana sabemos realmente muy poco. 
  2. 2,0 2,1 "Santa Quiteria". aciprensa.com. 
  3. Montes González, Andrea (21 de setembro de 2019). "O culto a santa Eufemia na catedral medieval de Ourense". Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2019. Consultado o 05 de agosto de 2022. 
  4. 4,0 4,1 "Igrexa de Santa Eufemia". Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Santa Eufemia". Consultado o 27 de setembro de 2019. 
  6. 6,0 6,1 Rodríguez González, Avelino (xaneiro de 2013). "Museo arqueolóxico provincial de Ourense". 
  7. de Morales, Ambrosio (1765). Viage a los reynos de Leon y Galicia y Principado de Asturias. Para reconocer las reliquias de santos, sepulcras Reales y libros manuscritos de las cathedrales y monasterios. Dale a luz con notas, con la vida del autor y con su retrato Henrique Florez. 
  8. "Santa Eufemia de Lobios". 
  9. "Catedral, Museo. Sábana de Santa Eufemia, fragmento, (s. XII ?)". 
  10. Espana Sagrada. Theatro geographico-historico de la iglesia de Espana. Origen, divisiones, y limites de todas sus provincias. Antiguedad, traslaciones, y estado antiguo y presente de sus sillas en todos los dominios de Espana, y Portugal. Con varias dissertaciones criticas, para ilustrar la historia eclesiastica de Espana. ... su autor el P.M. Fr. Henrique Florez, del orden de San Augustin ... tomo 1.[-51!: De la santa Iglesia de Orense en su estado antiguo y presente. Su autor el r.p.m. fr. Henrique Florez, .., Volumen 17. 1763. p. 225. 
  11. "Santa Eufemia de Ourense, Virgen y Mártir".