Espinaca de Nova Zelandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tetragonia tetragonioides, tamén coñecida como espinaca de Nova Zelandia, é unha especie de fanerógama pertencente á familia das aizoáceas.

Hábitat[editar | editar a fonte]

É nativa de Nova Zelandia, Australia, o Xapón, Chile e a Arxentina.

A especie apenas foi utilizada como hortaliza de folla polos maorís e outros pobos indíxenas; menciónase por primeira vez co capitán Cook, quen fixo que se recollese, se cociñase e se conservase en vinagre para axudar a combater o escorbuto entre os tripulantes do Endeavour. O seu uso empezou a espallarse cando o explorador e botánico Joseph Banks levou sementes ao Real Xardín Botánico de Kew en Londres. Durante dous séculos foi a única hortaliza cultivada procedente de Australia e Nova Zelandia.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

As diferentes especies de Tetragonia tetragonioides prefiren un ambiente húmido para medrar. As súas follas teñen de 3 a 15 cm de longo, forma triangular, cor verde brillante, son grosas e están cubertas por pequenos peliños tanto na face como no envés. As flores da planta son de cor amarela e o froito é unha pequena cápsula dura cuberta de pequenos cornos. A planta é halófita, é dicir, crece ben en terreos con altos niveis de sal.

Cultivo[editar | editar a fonte]

Cultívase principalmente polas súas follas comestibles aínda que tamén pode ser utilizada como planta ornamental para cubrir o chan. Aínda que pertencen a xéneros diferentes, o seu sabor e textura son similares aos das espinacas polo que tamén se cociñan de forma parecida. Polos seus niveis de oxalatos hai que branquear as follas antes de utilizalas.

No norte e sur de América considérase unha planta invasora; o seu cultivo tamén está moi estendido na zona oriental de Asia. Prospera en climas cálidos e poucos insectos a atacan, incluso as lesmas e os caracois.

As súas sementes deben plantarse en primavera, cando non haxa perigos polas xeadas. Antes de plantar as sementes deben deixarse a remollo unhas 12 horas en auga fría ou 3 horas en auga morna. Deben sementarse a 5–10 mm de profundidade e espazadas entre 15 e 30 cm. Xermolarán tras 10-20 días e crecerán continuamente durante todo o verán.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Low, T., Wild Food Plants of Australia, Angus & Robertson, 1991, ISBN 0-207-16930-6
  2. "Espinaca de Nova Zelandia". Real Xardín Botánico: Proxecto Anthos. Consultado o 24 de novembro de 2009. 
  3. Sinónimos en Tela Botánica