Saltar ao contido

Educación preescolar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Escola infantil»)
Sistema educativo español
Réxime xeral
Réxime especial
nenos e nenas tocando instrumentos na escola infantil de Logan Campbell en Auckland
Nenos e nenas na escola infantil de Logan Campbell en Auckland (1965)

Enténdese por etapa de educación preescolar á que precede a educación obrigatoria. A partir de 1990, coa implantación da LOGSE en España,[1] denomínase Educación infantil e define a educación de 0 a 6 anos. Segundo os países, pode formar parte do sistema educativo ou considerarse só como centros ou servizos de coidado ou gardería dos cativos e cativas.

Orixe da etapa

[editar | editar a fonte]

En España, a Lei xeral de educación e financiamento da reforma educativa[2] de 1970, tamén coñecida como Lei Xeral de Educación ou Lei Villar Palasi, define no artigo 13 a Educación Preescolar como aquela que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento harmónico da personalidade dos nenos e nenas. Dálle carácter voluntario e divídea en dúas etapas:

  1. O Xardín da Infancia, de dous a tres anos, orientada á formación semellante á vida no lar.
  2. A Escola de Párvulos, de catro a cinco anos, orientada a promover as virtualidades dos petís.

Esta lei ficou derogada coa implantación da LOGSE en 1990.

A Educación Preescolar na LOCE

[editar | editar a fonte]

A Lei orgánica de calidade da educación (España) de 2002 prevía recuperar unha etapa preescolar de 0 a 3 anos con carácter educativo e asistencial segregada da Educación Infantil (de 3 a 6) que consideraba etapa escolar coa primaria, secundaria e bacharelato. Non chegou a aplicarse.

Profesorado de Educación Preescolar

[editar | editar a fonte]

De acordo co Lei Xeral de Educación, o profesorado de educación preescolar e educación xeral básica formábase nas escolas universitarias de profesorado de EXB (diplomaturas). Aínda así, durante varios anos, só se ofertou formación para as especialidades de profesorado da educación xeral básica e atrasaron a aprobación da especialidade de educación preescolar até 1981 coa Resolución do 5 de marzo, da Dirección Xeral de Ordenación Académica e Profesorado, “pola que se confire carácter definitivo ás autorizacións outorgadas con carácter experimental ás escolas universitarias de profesorado de EXB para impartir a especialidade de educación preescolar”[3]. En Galiza, a primeira promoción de profesorado especialista en educación preescolar saíu en 1984 das cinco escolas universitarias galegas situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, e Santiago, daquela todas elas da Universidade de Santiago. A efectos formais, o profesorado especialista de educación preescolar estaba integrado no Corpo de Profesores de Educación Xeral Básica[2].

Centros de educación infantil

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Educación infantil.

En Galiza, a etapa desenvólvese en centros autónomos que se chaman tradicionalmente garderías e máis modernamente centros/escolas de educación infantil, ou en centros ou colexios que agrupan a etapa infantil con etapas posteriores de educación primaria ou mesmo de educación secundaria, bacharelato e formación profesional. Así se dan denominacións como a de Centro/Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) que se localiza nun único lugar ou Colexio Rural Agrupado (CRA) que se sitúa na contorna rural e agrupa aulas de diversas localidades con pequerrechos e pequerrechas de Educación Infantil e Educación Primaria[4].

Preescolar na Casa

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Preescolar na Casa.

En Galiza e dando resposta á dispersión de poboación que dificulta a asistencia dos máis novos a centros educativos, desenvolveuse un programa chamado Preescolar na Casa de 1977 a 2012 que reforzaba a educación dos meniños e meniñas de 0 a 6 anos nos fogares a través da formación dos pais e mais. Desde 2012, mantivo a actividade a través da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy[5][6].