Ernő Rubik
Ernő Rubik | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 13 de xullo de 1944 |
Lugar de nacemento | Budapest |
Nacionalidade | Hungría |
Alma máter | Moholy-Nagy University of Art and Design e Universidade de Tecnologia e Economia de Budapeste |
Ocupación | arquitecto, profesor universitario, enxeñeiro, deseñador, matemático, inventor, escultor e emprendedor |
Pai | Ernő Rubik |
Fillos | Zoltán Ernő Rubik |
Coñecido por | Cubo de Rubik |
Premios | Prémio Kossuth, Order of Saint Stephen, National Artist Award, State Award of the People's Republic of Hungary, International Dennis Gabor Award, Haztörekvés m-díj, honorary doctor of the Moholy-Nagy University of Art and Design, Order of Saint Stephen of Hungary, Commander with Star of the Order of Merit of Hungary e cidadão honorário de Budapest |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Ernő Rubik, nado en Budapest o 13 de xullo de 1944, é un inventor, escultor e profesor de arquitectura do Departamento de Deseño de Interiores na Academia de Artes e Traballos Manuais Aplicados, mundialmente coñecido polo seu invento, o cubo de Rubik.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Ernő Rubik naceu en Budapest, Hungría, durante a segunda guerra mundial. O seu pai foi un enxeñeiro aéreo na fábrica de avións do aeroporto de Esztergom, e a súa nai foi unha poetisa. Graduouse na Universidade de Tecnoloxía e Economía de Budapest (Műszaki Egyetem) no 1967 como enxeñeiro arquitectónico e comezou os estudos trala graduación en escultura. Dende 1971 ata 1975 traballou como arquitecto, logo retornou á academia e converteuse en profesor na Universidade Húngara de Artes Aplicadas (Iparművészeti Főiskola). Pasou toda a súa vida en Hungría, o seu país natal.
O espazo sempre me intrigou, coas súas tantas posibilidades, espazo alterado por obxectos (arquitectónicos), transformacións dos obxectos no espazo (escultura, deseño), movemento no espazo e tempo, a súa correlación, a súa repercusión na humanidade, a relación entre o home e o espazo, o obxecto e o tempo. Penso que o cubo nace deste interese, desta busca da expresión e pola sempre crecente agudeza destes pensamentos.
A comezos dos anos 80, foi o editor dunha revista sobre xogos e puzzles chamada ...És játék ("...e xogos"), máis tarde converteuse en traballador autónomo 1983, fundando a Rubik Stúdió, onde deseñaba mobles e xogos. En 1987 fíxose profesor, envorcándose de cheo nesta nova profesión; en 1990 converteuse no presidente da Academia de Enxeñaría Húngara (Magyar Mérnöki Akadémia). Na Academia, creou a Fundación Internacional de Rubik para apoiar aos novos enxeñeiros e deseñadores industriais con talento.
Actualmente está principalmente traballando no desenvolvemento de videoxogos, temas arquitectónicos e aínda segue á cabeza dos Rubik Studios.
Sábese que é unha persoa tímida e apenas accesible, é case imposible poñerse en contacto con el ou pedirlle que che asine un autógrafo. Tamén se sabe que refusa acudir aos eventos de speedcubing (termo que se refire a resolución do cubo no menor tempo posible).
Cubo de Rubik[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Cubo de Rubik.
Descrición[editar | editar a fonte]

O cubo de Rubik é un crebacabezas mecánico inventado en 1974 por Rubik. O cubo, de plástico, ten catro versións distintas: unha de 2×2×2 (denominado o "cubo de Peto"); o estándar, de 3×3×3; o de 4×4×4 (tamén chamado "A Vinganza de Rubik"), e outra de 5×5×5 (coñecido como "O cubo do Profesor"). Hoxe en día tamén se desenvolveron outras dúas versións: de 6×6×6 e de 7×7×7.
O seu inventor bautizouno orixinalmente como o cubo Máxico. Foi en maio de 1980, ano da súa comercialización a nivel mundial, cando se lle rebautizó como o cubo de Rubik. Díxose del que é o xoguete mellor vendido do mundo enteiro, con ao redor de 300 millóns de cubos de Rubik e imitacións vendidos.
Concepto e desenvolvemento[editar | editar a fonte]
O cubo Máxico foi inventado en 1974 por Ernő Rubik, escultor e profesor de arquitectura interesado na xeometría e mais no estudo das formas tridimensionais. Rubik obtivo a patente HU170062 para o seu cubo, aínda que non solicitou ningunha a nivel internacional. O primeiro lote de proba foi producido a finais de 1977 e distribuído nas xoguetarías de Budapest.
A popularidade do cubo medrou en Hungría en pouco tempo. En setembro do 1979, alcánzase un acordo con Ideal Toys para distribuír o cubo de Rubik en todo o mundo. A súa presentación a nivel internacional tivo lugar a comezos de 1980 nas "Feiras do Xoguete" de Londres, Nova York, Nuremberg e París.
Máis adiante, Ideal Toys comercializou un cubo máis lixeiro, e decidiu rebautizalo. Baralláronse nomes como nó gordiano e Ouro Inca, pero a compañía finalmente decidiu chamalo cubo de Rubik, exportándoo por primeira vez desde Hungría en maio do 1980.
Aproveitando que o produto se esgotou inicialmente, xurdiron moitas imitacións baratas. En 1984, Ideal Toys perdeu un preito contra Larry Nichols, que rexistrara o produto coa patente US3655201. Terutoshi Ishigi rexistrouno no Xapón coa patente JP55-8192.