Encoro de Suarna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°05′28″N 6°55′38″O / 43.091104, -6.927288 O encoro de Suarna é un encoro en proxecto para construír no leito do río Navia, entre a provincia galega de Lugo e o Principado de Asturias. De se realizar constituiría o cuarto encoro do Navia, logo dos de Arbón, Doiras e Salime. O encoro tería que se localizar no concello de Negueira de Muñiz, na cola do encoro de Salime, e as súas augas, estenderíanse tamén polos concellos lugueses da Fonsagrada e Navia de Suarna e mais polo asturiano de Ibias. O seu aproveitamento, fundamentalmente hidroeléctrico, precisaría unha central hidroeléctrica nas súas proximidades, en concreto na beira esquerda do Navia.

Historia do proxecto[editar | editar a fonte]

A idea de crear un grande encoro nos Ancares xurdiu no medio da febre pola realización de obras hidráulicas que se deu nas primeiras décadas do franquismo. En 1951 presentouse o proxecto denominado Gran Suarna, que pretendía construír un macroencoro de 150 metros de altura que asolagaría catro núcleos de poboación, entre eles a vila de Navia de Suarna e aínda que as obras chegaron a principiar, paralizáronse ao pouco sen dar razón ningunha. Aínda son visibles algunhas das infraestruturas que se levantaron na época:

  • En Riodeporcos, é visible a zona onde se ancoraría o extremo do encoro, na aba dunha montaña; o túnel por onde se desviarían as augas do río Navia durante a construción da presa; o cable para transportar materiais dun extremo ao outro do val ou o predio onde se ían construír edificios para as oficinas dos técnicos.

En 1963 presentouse un novo proxecto, que reduciu considerablemente as pretensións do anterior. O encoro tería unha lonxitude de 97 metros e unha capacidade de 193 hm³, e non ía afectar a núcleo de poboación ningún. Aínda así, a elevada riqueza natural da zona provocou unha gran resposta popular e o proxecto paralizouse de novo, malia concederse xa a concesión administrativa á empresa Saltos del Navia CB, que tamén explotaba a central hidroeléctrica de Salime e que estaba participada ao 50% por Hidroeléctrica del Cantábrico e Endesa.

A concesión de 1963 permitía utilizar un caudal máximo do Navia de 97.50 m³/s, entre as cotas 335 e 224,5, nos concellos de Ibias, A Fonsagrada e Navia de Suarna.

Novas propostas[editar | editar a fonte]

En 1993 as concesionarias eléctricas propuxeron novamente á administración a construción da infraestrutura. Non obstante, o Tribunal Supremo declarou nula unha resolución do ministerio de Medio Ambiente pola que aprobaba a modificación das características da concesión [1].

En 2010, o proxecto volveu tomar forma e as concesionarias tentaron superar os trámites ambientais, o que contou coa oposición unánime do pleno do concello de Navia de Suarna[2]. O 31 de marzo, publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Lugo a apertura do prazo para a presentación de alegacións</ref>[1][3]. Dous anos despois, o 5 de xullo de 2012, anunciouse no BOE que o encoro non se ía poder construír co deseño presentado por recibir unha declaración ambiental negativa por parte do ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente[4]. A resolución indicaba que se verían afectadas especies como a lontra, a troita, a anguía, o morcego e o oso pardo europeo, así como os lugares de importancia comunitaria do Alto Navia, dos Ancares-Courel e as reservas da biosfera Eo, Ozcos e Terras de Burón e Os Ancares.[5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "La Xunta desbloquea la construcción, en Lugo, del cuarto embalse del río Navia". La Nueva España. 8 de abril de 2010. 
  2. "O pleno de Navia oponse por unanimidade ao encoro de Suarna". El Progeso. 17 de marzo de 2010. 
  3. "El Estado avala un permiso de época de Franco para un pantano". El País. 9 de decembro de 2008. 
  4. "O Encoro do Río Navia rexeitado". Amigos da Terra. 6 de xullo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2022. Consultado o 21 de marzo de 2022. 
  5. Rodríguez, Pepe (7 de xullo de 2012). "Medio Ambiente rechaza el embalse del Suarna porque pone en peligro el hábitat del oso pardo". La Nueva España. 
  6. Gómez, Isabel (6 de xullo de 2012). "Medio Ambiente rechaza el embalse de Suarna por su impacto ambiental". El Comercio.