Pepe Miñones comezou a súa andaina no eido da produción de enerxía eléctrica en Úbeda (Xaén), onde fundou en 1928 a central hidroeléctrica de La Loma.[2] Co obxectivo de achegar a incipiente enerxía eléctrica á súa terra de orixe, fundou, o 30 de setembro de 1932, a sociedade Electra Popular Coruñesa. O seu primeiro obxectivo foi a construción dunha liña de alta tensión eléctrica até Carballo, co fin de ampliala até o seu Corcubión natal e a Costa da Morte,[2] mais principalmente ás cidades da Coruña, Ferrol e Betanzos.[3] O seu consello de administración estaba composto, nos seus postos de máis relevancia, por Miñones como conselleiro delegado, Ángel Durán Villarnovo como presidente e Ramón Vilas e Ambrosio Ramos como vicepresidentes. O seu capital inicial foi de 2 500 000 pesetas.
A primeira instalación da empresa foi unha central hidroeléctrica en augas do río Lambre preto de Paderne, onde se iniciou a construción do encoro de Güimir, proxectado polo enxeñeiro italiano Gaudencio Zopetti.[4] Contra o ano 1933 dispuña xa dunha central térmica de 1000 kW nas Pontes de García Rodríguez aproveitando os seus xacementos de lignito, e outra diésel na cidade da Coruña, tamén de 1000 kW de potencia instalada.[3] Estas instalacións estaban unidas por liñas de alta tensión cos centros de distribución na Coruña, Betanzos, Sada, Pontedeume e Ferrol.[3]
Co estalido da guerra civil española en xullo de 1936, a actividade da empresa paralizouse por completo. Pepe Miñones era avogado e deputado por Unión Republicana, e un coñecido simpatizante de esquerdas da cidade da Coruña, polo que foi detido polas forzas golpistas nos primeiros días do golpe. Fóronlle confiscadas todas as súas empresas e impúxoselle unha multa de 1 000 000 de pesetas. Foi fusilado no Campo da Rata o 2 de decembro de 1936. Electra Popular Coruñesa foi integrada nunha sociedade propiedade do Banco Pastor cuxo dono era Pedro Barrié de la Maza, un simpatizante do bando sublevado amigo persoal do ditador Franco,[5] que en 1943 integrou a Electra Popular e a súa empresa eléctrica Fábrica de Gas y Electricidad en Fuerzas Eléctricas del Noroeste, máis coñecida como Fenosa, que ostentaría o monopolio absoluto do mercado eléctrico en Galicia.[4]