Deus ex máchina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Deus ex máchina na traxedia Medea de Eurípides (2009, Siracusa, Italia)

Deus ex máchina[1] é unha locución latina que significa «o deus [que baixa] da máquina», tradución da expresión grega «ἀπὸ μηχανῆς θεóς» (apò mēchanḗs theós). Orixínase no teatro grego e romano, cando un guindastre (máchina) ou calquera outro medio mecánico introducía desde fóra do escenario un actor que interpretaba unha deidade (deus) para resolver unha situación ou dar un xiro á trama.[2]

Utilízase para referirse a un elemento externo que resolve unha historia sen seguir a súa lóxica interna. Desde o punto de vista da estrutura dun guión, deus ex máchina fai referencia a calquera acontecemento cuxa causa vén imposta por necesidades do propio guión, a fin de que manteña o que se espera del desde o punto de vista do interese, da comercialidade, da estética ou de calquera outro factor, incorrendo nunha falta de coherencia interna.[3]

Teatro grego clásico[editar | editar a fonte]

O deus ex máchina foi usado orixinalmente no teatro grego, xa Esquilo e Sófocles o usaron, aínda que con moderación, o primeiro en Euménides e o segundo no seu Filoctetes. Non sería senón a partir de Eurípides cando se convertería nun recurso común nas obras helénicas usándoo en nove de dezaoito obras coñecidas e atribuídas a el.[4]

Xa nesa época se lanzaron críticas contra este recurso. É famoso o reproche realizado por Aristóteles sobre a falta credibilidade do deus ex máchina, ao realizar unha análise de como debe ser a traxedia:

«Por esta razón é necesario, así na descrición dos costumes como dos feitos, ter sempre presente ou o natural ou o verosímil; que tal persoa faga ou diga as tales cousas, e que sexa probable ou necesario que isto suceda tras isto. De onde consta tamén que as solucións das dificultades han de seguir naturalmente da mesma fábula, e non como en Medea mediante o aparello (deus ex máchina)».

Coherencia[editar | editar a fonte]

Non é necesario investigar demasiado nos guións para atopar exemplos de deus ex machina. Ben sexa a chegada do heroe no último momento, a inesperada carga de cabalaría, a oportuna eclipse, ou a sorprendente necidade do vilán perdendo o tempo ao contarlle os plans aos protagonistas, é moi difícil evitar a aparición destes elementos. O motivo en xeral é simple: en moitos guións, a trama é o fío primario de creación ao que se teñen que adaptar todos os demais elementos.

O principal problema deste tipo de acontecementos é que, ao percibirse a falta de coherencia interna, pode producir incomodidade nas persoas, xa sexa entre as lectoras, espectadoras, ou nas que actúan, dependendo da obra. A cantidade xusta de causalidade imposta pola narración é un ingrediente difícil de manexar para quen fai o guión: por unha banda, é un método fácil para obter a trama desexada, mais tamén pode facer que o conxunto non resulte críbel ou que mesmo roce no absurdo.

Como evitalo[editar | editar a fonte]

Unha das formas de evitalo é recorrendo ás técnicas narrativas coñecidas como planting e pay-off. Planting é a introdución dun elemento ou escena para desenlazalo mediante un pay-off que o vincula ao primeiro elemento.[5]

Outra forma é demostrar ou recoñecer abertamente o improbábel ou azaroso que resulta. Na película Casablanca (1942), tras un encontro nun recóndito lugar do mundo, o propio protagonista recoñéceo:[5]

«De tódolos restaurantes de tódalas cidades de todo o mundo, ela tiña que entrar no meu».
Rick Blaine (Humphrey Bogart) en Casablanca (1942).

Na cultura clásica[editar | editar a fonte]

  • En Medea de Eurípides, Helios salva a Medea de morrer mandándolle o carro do Sol, no que escapa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para deus_ex_máchina.
  2. Ceccarelli, Marco (2004). International Symposium on History of Machines and Mechanisms. Kluwer Academic Publishers. ISBN 1-4020-2203-4. In some anEn cient Greek drama, an apparently insoluble crisis was solved by the intervention of a god often brought on stage bya an elaborate piece of equipment. This "god from the machine" was literally a Deus Ex Machina. 
  3. "Deus ex Machina". Figuras literarias. Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2016. Consultado o 25 de febreiro de 2016. 
  4. Shipley, Joseph T. (1943). "Deus ex machina". Dictionary of World Literature: Criticism, Forms, Technique. New York: Philosophical Library. p. 156. 
  5. 5,0 5,1 "Deus Ex Machina: ¿qué es y cómo evitarlo?". Literaturas. Consultado o 25 de febreiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]