Saltar ao contido

Derramamento pleural

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Radiografía de tórax nun derramo pleural. A frecha A sinala o espazo ocupado polo líquido estancado na cavidade pleural dereita. A frecha B mostra a cavidade pleural fisiolóxica que debería ocupar o pulmón.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O derramamento pleural é a acumulación excesiva de líquido na cavidade pleural, isto é, a cavidade corporal na que se sitúan os pulmóns. Este proceso pode chegar a comprometer e ventilación xa que o líquido non permite expandir os pulmóns para se encheren de ar. Normalmente, na cavidade pleural o líquido non adoita superar os 100 cc, que facilita a lubricación das dúas follas pleurais que delimitan a cavidade pleural. Se se supera esta cantidade poderíamos estar a falar xa de derramamento pleural.

O líquido que se atopa na cavidade pleural pode ter dúas orixes diferentes segundo o tipo de líquido. Pode ser un exsudado, cando o líquido contén unha alta cantidade de leucocitos, ou pode ser transudado cando o que predomina un desequilibrio osmótico. O transudado adoita acontecer en casos de insuficiencia cardíaca (40-72%), mentres que é máis común o exsudado en cadros infecciosos derivados de pneumonías (50-70%), cancros (42-60%) e tuberculose (24%).

Hidrotórax (transudados)

[editar | editar a fonte]

Dase na maioría dos casos de insuficiencia cardíaca, e no 80% son derramamentos bilaterais, isto é, en ámbolos dous pulmóns. Outras posíbeis etioloxías de transudado son a cirrose hepática, a insuficiencia renal crónica, a síndrome nefrótica ou a diálise perioneal.

O pH do hidrotórax é neutro, e o líquido caracterízase por ter menor densidade e menor concentración de proteínas ca o exsudado. Porén, aumentan as LDH (Lactato Deshidroxenase), uns marcadores químicos de necrose.

Exsudados

[editar | editar a fonte]

As orixes dun exsudado pleural pódense clasificar en pulmonares ou extrapulmonares:

Pulmonares

[editar | editar a fonte]

Son principalmente: carcinoma, inflamación, linfoma, metástases, infarto, traumatismo, pneumonía, embolismo pulmonar, empiema, tuberculose, infeccións por virus, fungos, riketsias ou parasitos e doenzas do tecido conectivo.

Extrapulmonares

[editar | editar a fonte]

Pode ser causa idiopática, cirrose, Lupus eritematoso sistémico (LES), pancreatite, absceso subfrénico, embarazo, uremia, exposición a asbestos, síndrome de Meigs, quilotórax, sarcoidose, reacción a fármacos e postinfarto de miocardio.

Síntomas

[editar | editar a fonte]

A sintomatoloxía máis frecuente no derramamento pleural e a dor pleurítica, isto é, unha dor no tórax que aumenta co movemento e coa tose ou o esbirro, e que adoita comezar de xeito agudo. A localización da dor é normalmente nos costados do tórax. Outros síntomas que adoitan acompañar á dor pleurítica son a dispnea, a febre ou a tose non produtiva.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

O tratamento do derramamento depende do tipo e da cantidade de líquido aloxado no pulmón. Os transudados adoitan responder ao tratamento da causa subxacente. A toracocentese con intención terapéutica só se emprega en casos nos que exista un derramamento pleural masivo que cause dispnea severa. Os casos de derramamento pleural por mor dunha doenza maligna han de tratarse con quimioterapia ou radioterapia. Pode tentar facerse unha pleurodese química instalando algúns compostos dentro do espazo pleural para producir unha reacción fibrosa que oblitere o espazo nalgúns doentes seleccionados que teñen derramamento maligno persistente malia a quimio e a radioterapia.

O derramamento paraneumónico non complicado xeralmente responde á terapia con antibióticos sistémicos. Nos casos máis complicados cómpre drenaxe por un toracostomía, isto é, nos casos de empiema, cando a glicosa do líquido fose menor de 40 mg/dL ou o pH sexa menor de 7.2.

A maioría dos hemotórax drénanse cun selo de tórax. Cómpre unha toracotomía cando non se poida controlar a perda de sangue. Pola contra, os hemotórax pequenos e estábeis pódense resolver de xeito conservador.


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre medicina é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.