Defense of the Ancients

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Defense of the Ancients
Deseñador(es) Eul
Steve Feak "Guinsoo"
IceFrog
Lanzamento 2003
Última versión 6.83d(9 de xuño de 2015)
Xénero MOBA
Modos de xogo Multixogador
Plataforma(s) Mac OS, OS X, Microsoft Windows
editar datos en Wikidata ]

Defense of the Ancients (DotA) é un mod dentro do xénero multiplayer online battle arena para o videoxogo de estratexia Warcraft III: Reign of Chaos e a súa expansión Warcraft III: The Frozen Throne, baseado no mapa "Aeon of Strife" de StarCraft. O obxectivo do xogo é que cada equipo destrúa un edificio central da base do inimigo, fortemente protexidas e situada cada unha delas en esquinas opostas do mapa. Cada xogador controla unha unidade ou "heroe", formando equipo con outros xogadores así como con outras unidades controladas pola IA. Ao igual que nos xogos de rol, os xogadores poden subir de nivel ós seus heroes e usan ouro que van conseguindo durante a partida para mercar e mellorar o seu equipamento.[1]

O escenario do xogo desenvolveuse empregando o editor de mapas do Warcraft III, recibindo unha actualización trala publicación da expansión The Frozen Throne. Dende ese momento xurdiron diversas variacións do concepto orixinal, sendo a máis popular delas a chamada DotA Allstars, que pasou a chamarase DotA cando se publicou a versión 6.68.[2] O mantemento deste escenario tivo a varios responsables durante o seu desenvolvemento, sendo o último deles o desenvolvedor anónimo coñecido como "IceFrog", quen se encargou esta tarefa dende o 2005.

Dende a súa publicación orixinal DotA foi incluído en varios torneos mundiais de deportes electrónicos, incluíndo a BlizzCon organizada por Blizzard Entertainment e os World Cyber Games de Asia, así como outros torneos e ligas menores. Nun artigo de 2008 da revista electrónica Gamasutra, o autor afirmou que DotA era "probablemente o mod gratuíto e sen soporte oficial máis popular do mundo".[3] DotA está considerado como a inspiración máis importante para o xénero de videoxogos multiplayer online battle arena.[4] Valve Corporation adquiriu os dereitos sobre a propiedade intelectual de DotA para desenvolver un novo videoxogo de continuación independente deste primeiro, titulado Dota 2 e publicado no 2013.[5][6]

Mecánica de xogo[editar | editar a fonte]

En DotA dous equipos de xogadores enfróntanse o un ó outro, baixo os nomes de "Sentinel" (sentinela) e "Scourge" (azoute). Os xogadores do equipo Sentinel comezan na esquina suroeste do mapa, mentres que o equipo Scourge comeza na esquina nordeste. Cada unha das bases está defendida por unha serie de torres e grupos de unidades que protexen os camiños principais que levan á súa base. No centro de cada unha das bases atópase o chamado "Ancient" (ancián), o edificio central que cada equipo debe destruír para gañar a partida.[7][8] Cada xogador controla un heroe, unhas unidades máis poderosa que as controladas pola IA que posúen habilidades únicas. Cada xogador pode escoller un heroe de entre os 112 dispoñibles en total,[9] cada un destes con habilidades diferentes e vantaxes tácticas fronte a outros heroes determinados. Ata 10 xogadores poden participar nunha partida, organizados nun formato por equipos de cinco contra cinco.[10]

Ó contrario que os xogos de estratexia en tempo real máis tradicionais, o xogo desenvólvese ó redor da mellora dos heroes individuais controlados por cada xogador, desbotando o manexo de recursos e a construción de bases. O xogador consegue puntos de experiencia eliminando outras unidades neutrais ou controladas pola computadora, gañando niveis de experiencia consecutivos tras conseguir acumular unha serie destes puntos. Ó subir de nivel os heroes aumentan a súa resistencia e o dano que inflixen, ademais de permitirlle ó xogador mellorar os feitizos e habilidades particulares de cada heroe. A maiores da experiencia, os xogadores manexan un recurso único, o ouro. A recolección de recursos habitual do Warcraft III substitúese por un sistema de ingresos orientado ó combate. Os xogadores reciben un pequeno ingreso constante, e poden conseguir cantidades maiores eliminando unidades inimigas, estruturas da base inimiga e heroes do equipo contrario.[11] Isto favorece a técnica denominada "ultimo golpe" ("last-hitting"), consistente no ataque a unha unidade inimiga cando os seus puntos de vida son o suficientemente baixos como para poder eliminala nun só ataque.[12] Os xogadores poden mercar obxectos e equipo para os seus heroes co ouro conseguido, mellorando desta forma as capacidades do heroe e conseguindo novas habilidades. Certos obxectos poden combinarse entre eles por medio de receitas predefinidas para crear outros obxectos máis poderosos. Esta mecánica provoca que a adquisición de obxectos particularmente beneficiosos para cada tipo de heroe sexa outro dos elementos tácticos máis importantes deste mod.[13]

DotA ofrece varios modos de xogo, seleccionados polo anfitrión da partida ó comezo da mesma. Estes modos de xogo determinan a dificultade do escenario así como a capacidade de cada xogador para escoller un heroe da súa elección ou manexar un asignado de forma aleatoria. Moitos destes modos de xogo poden combinarse entre eles, permitindo así unha maior flexibilidade e diversidade nas partidas.[14]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Warcraft III foi o terceiro título da serie de videoxogos de estratexia en tempo real Warcraft, desenvolvidos por Blizzard Entertainment. Da mesma forma que no caso do Warcraft II, Blizzard incluíu un editor de mapas gratuíto no xogo que lle permitía ós xogadores crear escenarios a medida e mapas para o xogo, que podían usarse en partidas en liña con outros xogadores a través do servizo Battle.net.[15] Estes escenarios a medida podían consistir en pequenos cambios de terreo no mapa para xogar da mesma forma que nas partidas normais de Warcraft, ou podían ser escenarios de xogo completamente novos con obxectivos, unidades, obxectos e eventos a medida, como ocorreu no caso de Defense of the Ancients.[15]

A primeira versión de Defense of the Ancients publicouna no 2003 un deseñador de mapas baixo o alcume de Eul, baseando o mapa nun escenario xa existente para o xogo StarCraft coñecido como "Aeon of Strife".[14] A expansión The Frozen Throne engadiu novas características ó editor de mundos do Warcraft III, pero Eul non fixo ningunha actualización no escenario empregando estas novas características.[16] Outros deseñadores de mapas produciron novos mapas e escenarios derivados que incluían novos heroes, obxectos e características. De entre tódalas variantes de DotA que se crearon destacou o escenario denominado DotA Allstars, creado orixinalmente polos deseñadores coñecidos como Meian e Ragn0r, que recompilaron os heroes máis populares de tódalas variacións existentes ata ese momento e fixeron unha recompilación deles nun só mapa.[17] En marzo de 2004 o deseñador Steve Feak, coñecido como Guinsoo, tomou o control do desenvolvemento de DotA Allstars, encargándose das versións 3.xx ata as 5.xx.[18] Trala publicación das primeiras versións 6.x, o 28 de febreiro de 2005 Guinsoo anunciou que deixaba a creación de mapas para Warcraft III, deixando a cargo do proxecto ós coñecidos como Neichus e IceFrog. Ó pouco deste anuncio, Neichus retirouse do equipo, quedando o desenvolvemento nas mans de IceFrog, quen comezou coa serie de versións 6.xx do DotA Allstars.[18]

O mantemento de Defense of the Ancients lévase a cabo por medio do foro oficial do mod. Os usuarios poden publicar ideas para novos heroes e obxectos no foro, e algúns destes inclúense no mapa. Os xogadores tamén contribúen creando iconas, engadindo descricións para os heroes ou creando debuxos para as pantallas de carga do mapa.[3] Tamén existen versións do escenario nas que os heroes inimigos están controlados pola intelixencia artificial. A páxina dota-allstars.com acadou en maio de 2009 uns 1 500 000 de usuarios rexistrados, cun número de visitantes únicos de un millón ó mes.[19] Ese mesmo mes IceFrog anunciou que pasaría a desenvolver unha nova web oficial, playdota.com, ó mesmo tempo que continuaría co desenvolvemento do mod.[20]

Debido a que as partidas a medida de Warcraft III non posúen características deseñadas para a mellora da calidade do xogo, como por exemplo a organización de xogadores en base ás velocidades de conexión a Internet de cada un, empréganse varios programas externos para manter Defense of the Ancients. Estas ferramentas externas poden determinar os retardos de conexión de cada xogador segundo a súa localización, e as partidas poden configurarse para excluír determinadas rexións xeográficas.[3] Tamén existen clans e grupos de xogadores que manteñen as súas propias regras e normas oficiais, e pódese expulsar a determinados xogadores das partidas incluíndoos nunha lista de bloqueo.[3]

Recepción[editar | editar a fonte]

Os tres equipos finalistas da primeira edición do campionato Defense of the Ancients no World Cyber Games

A popularidade de Defense of the Ancients incrementouse dende a súa publicación inicial. O escenario foi incluído nun artigo de 2004 da revista Computer Gaming World que trataba sobre novos mapas e mods do Warcraft III.[21] DotA Allstars converteuse nun escenario importante nos torneos, destacando na primeira edición da convención BlizzCon de 2005.[22] DotA Allstars tamén formou parte dos xogos incluídos no World Cyber Games de Malaisia e Singapur que comezaron no 2005, e nos World Cyber Games Asian Championships que deron comezo na tempada de 2006.[23] Defense of the Ancients tamén foi incluído nos torneos Cyberathlete Amateur League e CyberEvolution.[24] Posteriormente, o mod formou parte da Electronic Sports World Cup (ESWC) de 2008.[25][26] Oliver Paradis, o director de competición do ESWC, afirmou que os motivos para incluílo no torneo foran o gran nivel de apoio da comunidade que tiña o escenario e o seu atractivo global.[27]

O mod acadou unha notable popularidade en diversas partes do mundo. Nas Filipinas e Tailandia o número de xogadores igualouse ó do videoxogo Counter-Strike.[28][29] No norte de Europa tamén conseguiu un certo nivel de popularidade, inspirando a canción "Vi sitter i Ventrilo och spelar DotA" do músico sueco Basshunter, que acadou o posto 116 na lista "European 2006 charts" e chegou a estar entre os dez primeiros nas listas de sinxelos de Suecia, Noruega,[30] e Finlandia.[31] Os torneos en LAN supuxeron unha gran parte da popularidade mundial deste mod,[27] incluíndo torneos importantes dentro da escena dos videoxogos en Suecia e Rusia. Porén, a falta deste tipo de torneos en LAN e campionatos en Norteamérica causou que varios equipos profesionais deste xogo se separasen.[28] Blizzard chegou a usar a DotA como exemplo do que os deseñadores de mapas podían chegar a conseguir empregando ferramentas fornecidas polos desenvolvedores de xogos.[32]

En xuño de 2008, Michael Walbridge afirmou nun artigo de Gamasutra que DotA era "con toda probabilidade o mod gratuíto sen soporte oficial máis popular do mundo". En relación á comunidade construída ó redor do xogo, Walbridge afirmou que unha das fortalezas de DotA era precisamente o mantemento que recibía da propia comunidade.[3] O xornalista de videoxogos Luke Smith cualificou a DotA como "o RTS definitivo".[33]

Influencia e legado[editar | editar a fonte]

Defense of the Ancients acreditouse como unha das influencias do videoxogo de 2009 Demigod de Gas Powered Games,[34][35] e GameSpy indicou que a premisa deste xogo centrábase ó redor de "semideuses que xogaban a DotA na vida real".[36] Steve Feak "Guinsoo" aplicaría posteriormente moitas das mecánicas e leccións aprendidas de Defense of the Ancients no videoxogo League of Legends, publicado por Riot Games.[37] Outro dos xogos derivados de DotA foi Heroes of Newerth de S2 Games.[38][39] Blizzard Entertainment tamén desenvolveu un xogo propio inspirado no DotA, titulado Heroes of the Storm, que inclúe diversos heroes das diversas series de videoxogos publicados pola compañía.[40]

Continuación: Dota 2[editar | editar a fonte]

En outubro de 2009, IceFrog foi contratado por Valve Corporation para liderar un equipo de desenvolvemento nun novo proxecto que el mesmo describiu como "grandes novas para os fans de DotA".[41] Valve anunciou de forma oficial unha continuación independente do mod orixinal baixo o título de Dota 2 en outubro do 2010.[42] Dota 2 continúa cun estilo e mecánicas de xogo moi semellantes ó DotA, adaptando directamente a estética e heroes do mod orixinal. A maiores das constantes de xogo habituais do orixinal, Dota 2 inclúe soporte de Steam e seguimento de perfís, deseño que pon énfase e da soporte á organización de xogadores en partidas para este xogo.[43]

A publicidade e rexistro da marca Dota como franquía por parte de Valve foi obxectivo de crítica e oposición por parte dos contribuidores de DotA Allstars que traballaban nese momento para Riot Games, así como por parte de Blizzard Entertainment, e as dúas compañías presentaron unha denuncia legal opoñéndose a este rexistro da marca por parte de Valve.[44] A disputa legal resolveuse o 11 de maio do 2012. Valve retivo os dereitos comerciais da marca rexistrada, mentres que o uso non comercial mantívose aberto ó público xeral.[5] Dota 2 publicouse finalmente o 9 de xullo de 2013.[45]

Notas[editar | editar a fonte]

Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario
  1. Tok, Kevin (25 de xaneiro de 2006). "Defense of the Ancients 101, Page 2". GotFrag. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2009. Consultado o 4 de agosto de 2007. 
  2. IceFrog (28 de xullo de 2010). "Official DotA: Map Archive". GetDotA.com. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2010. Consultado o 28 de xullo de 2010. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Walbridge, Michael (12 de xuño de 2008). "Analysis: Defense of the Ancients – An Underground Revolution". Gamasutra. Consultado o 26 de febreiro de 2016. 
  4. Sharkey, Mike (11 de agosto de 2010). "Evidence Mounting for a Valve Defense of the Ancients Game". Gamespy.com. Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2010. Consultado o 17 de novembro de 2010. 
  5. 5,0 5,1 Reilly, Jim (11 de maio de 2012). "Valve, Blizzard Reach DOTA Trademark Agreement". Game Informer. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  6. Hernandez, Patricia (9 de xullo de 2013). "Valve Finally "Releases" DOTA 2". Kotaku. Consultado o 10 de xullo de 2013. 
  7. "Learn Dota". PlayDota.com. Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2011. Consultado o 23 de outubro de 2010. 
  8. Lodaya, Punit (9 de febreiro de 2006). "DotA: AllStars Part 1". TechTree.com. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2009. Consultado o 4 de agosto de 2007. 
  9. "DotA Heroes". PlayDotA.com. Consultado o 30 de maio de 2013. 
  10. Nair, Neha (30 de outubro de 2007). "Why Defense of the Ancients?". GotFrag. p. 1. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2009. Consultado o 1 de novembro de 2007. 
  11. Lodaya, Punit (9 de febreiro de 2006). "DotA: AllStars Part 2: What Do I Do?". TechTree.com. Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2009. Consultado o 4 de agosto de 2007. 
  12. Lo, Jaclyn (3 de abril de 2008). "DotA 101: The Killing Blow". GotFrag.com. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2009. Consultado o 26 de outubro de 2009. 
  13. "PlayDotA.com Items Database". PlayDotA.com. Arquivado dende o orixinal o 2 de xaneiro de 2010. Consultado o 1 de marzo de 2007. 
  14. 14,0 14,1 Tok, Kevin (25 de xaneiro de 2006). "Defense of the Ancients 101". GotFrag. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2009. Consultado o 4 de agosto de 2007. 
  15. 15,0 15,1 "World Editor". Warcraft III Instruction Manual. Blizzard Entertainment. 2002. p. 16. 
  16. Waldbridge, Michael (30 de maio de 2008). "The Game Anthropologist: Defense of the Ancients: An Underground Revolution". GameSetWatch. Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2009. Consultado o 20 de xaneiro de 2009. 
  17. Mowen (14 de maio de 2009). "THE HISTORY OF MOBA". mobafire.com. Consultado o 19 de febreiro de 2015. 
  18. 18,0 18,1 YaphetS (1 de xuño 2013). "A History of Dota: Part 1". Facebook. Consultado o 19 de febreiro de 2015. 
  19. Nair, Neha (28 de abril de 2009). "Interview with Pendragon, The future of DotA-Allstars.com". Dota-Allstars.com. Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2009. Consultado o 15 de maio de 2009. 
  20. IceFrog (14 de maio de 2009). "IceFrog.com: DotA Website News". PlayDotA.com. Consultado o 15 de maio de 2009. 
  21. "WarCraft Maps Go Mod". Computer Gaming World. 1 de setembro de 2004. Consultado o 12 de agosto de 2007. 
  22. "Blizzcon '05 Tournaments". Blizzard. 2005. Arquivado dende o orixinal o 2 de xullo de 2007. Consultado o 5 de agosto de 2007. 
  23. "About WCG Asian Championships". World Cyber Games. 5 de agosto de 2006. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2007. Consultado o 19 de febreiro de 2007. 
  24. "CyberEvolution – Warcraft 3: Defense of the Ancients – Series 1". cevolved.com. Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2006. Consultado o 19 de febreiro de 2007. 
  25. Banks, James (6 de xaneiro de 2008). "ESWC Gamelist". SK Gaming. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2008. Consultado o 2 de xaneiro de 2008. 
  26. Saylor, Robby (14 de febreiro de 2008). "Rwar and Slahser on Current Issues". GotFrag. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2009. Consultado o 6 de marzo de 2008. 
  27. 27,0 27,1 Nair, Neha (18 de xaneiro de 2008). "ESWC interview, why DotA?". GotFrag. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2009. Consultado o 7 de marzo de 2008. 
  28. 28,0 28,1 Nair, Neha (30 de outubro de 2007). "Why Defense of the Ancients?". GotFrag. p. 2. Arquivado dende o orixinal o 1 de novembro de 2007. Consultado o 1 de novembro de 2007. 
  29. Fahey, Mike (12 de febreiro 2009). "From Warcraft Obsession to Game Creation". Kotaku. Consultado o 12 de setembro de 2009. 
  30. "Basshunter – Vi sitter i Ventrilo och spelar DotA". norwegiancharts.com. Consultado o 7 de agosto de 2007. 
  31. "Bass hunter – Vi sitter i Ventrilo och spelar DotA". finnishcharts.com. Consultado o 7 de agosto de 2007. 
  32. Mielke, James (2007). "Will Work for Vespene Gas; Ten minutes with StarCraft II lead producer Chris Sigaty". Games for Windows: The Official Magazine (8). 
  33. O'Connor, Frank; Smith, Luke (19 de febreiro de 2008). "The Official Bungie Podcast". Bungie. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2008. Consultado o 27 de febreiro de 2008. 
  34. Purchese, Rob (4, de marzo 2008). "GPG "fairly certain" Demigod will make 08". Eurogamer. Consultado o 5 de marzo de 2008. 
  35. Paul, Ure (4 de marzo 2008). "Demigod First Look". ActionTrip. Consultado o 12 de marzo de 2008. 
  36. Lopez, Miguel (21 de febreiro de 2008). "Demigod (PC) Preview". GameSpy. Consultado o 16 de outubro de 2008. 
  37. Perez, Daniel (16 de xaneiro de 2009). "Previews; We talk with new developer Riot Games about its strategy/RPG hybrid and the lead designer's Warcraft roots.". 1UP.com. Consultado o 7 de febreiro de 2009. 
  38. Ng, Keane (14 de xullo de 2009). "League of Legends Will Be Free to Play". The Escapist. Consultado o 15 de xullo de 2009. 
  39. Nguyen, Thierry (1 de setembro de 2009). "Clash of The DOTAs". 1UP.com. Consultado o 21 de outubro de 2009. 
  40. Narcisse, Evan (17 de outubro de 2013). "Blizzard’s Diablo/Starcraft/WoW Crossover Has a New Name". Kotaku. Consultado o 21 de outubro de 2013. 
  41. O'Conner, Alice (5 de outubro de 2009). "DotA Dev Joins Valve, Hints at Future Game". Shacknews. Consultado o 5 de outubro de 2009. 
  42. Biessener, Adam (23 de outubro de 2010). "Valve's New Game Announced, Detailed: Dota 2". Game Informer. Consultado o 16 de decembro de 2010. 
  43. Onyett, Charles (8 de xaneiro de 2011). "Valve's Next Game". IGN. Consultado o 7 de xaneiro de 2011. 
  44. Plunkett, Luke (10 de febreiro de 2012). "Blizzard and Valve go to War Over DOTA Name". Kotaku. 
  45. Hernandez, Patricia (9 de xullo de 2013). "Valve Finally "Releases" DOTA 2". Kotaku. Consultado o 9 de xullo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]