Dólar de prata do bicentenario da Constitución dos Estados Unidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do bicentenario da
Constitución dos Estados Unidos
A/: Follas de pergamiño, unha pluma e a frase We the People. Trece estrelas. Marca de ceca.

Lendas: THE U.S. CONSTITUTION 200th ANNIVERSARY / 1787 · LIBERTY · 1987 / IN GOD WE TRUST

R/: Trece persoas con indumentaria diversa. Marca de gravador (PV).

Lendas: E PLURIBUS UNUM / UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / DOLLAR 1

O dólar de prata do bicentenario da Constitución dos Estados Unidos é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1987 e cuñada polas Casas da Moeda de San Francisco e de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 99-582, do 29 de outubro de 1986,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha serie de moedas en conmemoración do bicentenario da Constitución dos Estados Unidos, adoptada o 17 de setembro de 1787.[2]

Xunto coa moeda dun dólar de prata, a moeda que completa a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei é a de cinco dólares de ouro.[1][3]

Deseño[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda, deseñado e gravado por Patricia Lewis Verani, represéntase un conxunto composto por catro follas de pergamiño cunha pluma de ave por riba e, no medio, unha reprodución caligráfica da primeira frase da Constitución dos EEUU: We the People. Este conxunto está rodeado pola lenda alusiva ao feito conmemorado: THE U.S. CONSTITUTION 200th ANNIVERSARY / 1787 1987, acompañada polos lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses. A dobre data alude ao mesmo tempo ao bicentenario conmemorado e ao ano de emisión da moeda.[2][4]

Primeira frase do preámbulo da Constitución dos Estados Unidos, fielmente reproducido no anverso da moeda conmemorativa.

Pola súa banda, o reverso, obra da mesma deseñadora, está caracterizado pola representación dun grupo de trece persoas que portan distintas vestimentas, como símbolo do amplo espectro cultural e social que caracterizou os Estados Unidos durante os últimos douscentos anos. Este motivo do reverso está rodeado por lendas alusivas ao nome do país e ao valor facial da moeda, así como o lema E PLURIBUS UNUM.[2][4]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de dez millóns de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][4]

A súa produción foi de 451.629 moedas na súa condición estándar e 2.747.116 en versión proof, o que fai un total de 3.198.745 exemplares.[3] A moeda comercializouse aos prezos de 26 dólares en condición estándar e 28 en versión proof.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]