Saltar ao contido

Cíclidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tilapias (Oreochromis niloticus)
Área de distribución dos cíclidos

Os cíclidos (Cichlidae) son unha familia de peixes, principalmente de auga doce, pertencente á suborde Labroidei da orde dos Perciformes.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

Os distintos membros da familia presentan unha gran diversidade de formas e tamaños, desde os 25 mm do Neolamprologus multifasciatus ata tamaños máximos de cerca de 80 cm do Boulengerochromis microlepis. A forma do corpo varía desde a comprimida lateralmente ata formas cilíndricas (como Julidochromis).

Características comúns son a presenza dun par de mandíbulas farínxeas, que axudan ás mandíbulas orais. Grazas a esta estrutura poden capturar e procesar unha ampla variedade de alimentos, o que quizais pode explicar a variedade de formas corporais e mesmo de especies.

Así mesmo posúen unha soa fosa nasal a cada lado da cabeza, en lugar das dúas doutros peixes. A liña lateral está dividida en dúas seccións (excepto nos xéneros Teleogramma e Gobiocichla).

A aleta dorsal posúe xeralmente 7-25 radios espiñosos e 5-30 radios brandos. Na aleta anal, 3-15 espiñas (normalmente, 3) e 4-15 radios brados (nalgunhas especies, 30).

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Distribúense por zonas tropicais, principalmente en auga doce, polos cursos dos ríos e lagos africanos e centro e suramericanos, pero tamén hai especies de auga salgada e salobres da desembocadura dos ríos. Algunhas especies de Tilapia resisten perfectamente en augas salobres e poden dispersarse ó longo da costa de río en río. Tamén hai especies de cíclidos en Asia (Oriente Medio, Irán, India e Sri Lanka) e Centroamérica (Cuba e A Española). Noutras zonas, como Florida, México, Xapón ou Australia, tamén se describiron especies asilvestradas.

Existen especies omnívoras e herbívoras. En liberdade aliméntanse de pequenos crustáceos e peixes, algas etc.

Depositan os ovos sobre un substrato e os dous proxenitores coidan da posta durante semanas, e incluso das crías acabadas de nacer, se ben nalgunhas especies é a femia a encargada destes coidados case en exclusividade. Hai casos nos que se dá a incubación oral. Algunhas especies (como as do xénero Apistogramma) poden mostrar un forte dimorfismo sexual, con cores e tamaños moi diferentes entre machos e femias.

Interese pesqueiro e comercial

[editar | editar a fonte]

As tilapias (xen. Tilapia e Oreochromis) representan un importante recurso pesqueiro para consumo humano, e outras moutas especies son moi valoradas para acuariofilia.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
Symphysodon aequifasciatus

Os cíclidos clasifícanse en máis de 200 xéneros e 1.300 a 3.000 especies distintas, aínda que constantemente están a descubrirse novas especies e reclasificarse outras.

Tamén se estima que é unha das familias de vertebrados con maior número de especies en perigo de extinción, moitas delas dentro do xénero Haplochromi. En 2007 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza catalogou 156 especies de cíclidos como especies vulnerables, 40 como en perigo de extinción e 69 como perigo crítico de extinción. Polo menos 39 especies déronse por extinguidas desde comezos de 1990.

Moitos cíclidos foron dispersados fóra da súa área natural, liberados deliberadamente para a pesca ou accidentalmente a partir de acuarios, e algúns casos se converteron en especies daniñas, como foi o caso da tilapia no sur dos Estados Unidos, grazas á súa gran adaptación a case calquera ecosistema. En xeral, os cíclidos son agresivos e territoriais.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]