Saltar ao contido

Cuadrilátero (ditadura de Primo de Rivera)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
De esquerda a dereita (en negras, os catro xenerais membros do Cuadrilátero): o xeneral Primo de Rivera, o rei Afonso XIII, e o xeneral José Cavalcanti, en primeira fila; o xeneral Antonio Mayandía Gómez, o xeneral Federico Berenguer e o xeneral Leopoldo Saro Marín, en segunda fila; o xeneral Antonio Dabán Vallejo, o xeneral Francisco Ruiz do Portal e o xeneral Luís Navarro e Alonso de Celada, en terceira fila; o xeneral Luís Fermosa e Kith, o xeneral Dalmio Rodríguez Pedré, o xeneral Adolfo Vallespinosa Vior, o xeneral Francisco Gómez-Jordana Sousa, e o xeneral Mario Muslera Planes, na derradeira fila.

Coñécese co nome de Cuadrilátero ao núcleo de conspiración formado por catro xenerais do exército español[1] que nos primeiros meses de 1923 colaborou no golpe de estado de Primo de Rivera que puxo fin ao período constitucional do reinado de Afonso XIII e estableceu a ditadura de Primo de Rivera en España. Os catro xenerais que o integraron foron: José Cavalcanti de Alburquerque (xeneral de división de cabalaría), Federico Berenguer Fusté, Leopoldo Saro Marín e Antonio Dabán Vallejo (xenerais de brigada de infantería), todos monárquicos.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Contexto[editar | editar a fonte]

A comezos de 1923, a indignación dun importante sector do exército cara ao goberno liberal de Manuel García Prieto foi evidente debido á demanda de responsabilidades aos militares polo desastre de Annual de 1921, que se estaban investigando no chamado Expediente Picasso e , en xeral, pola súa política "claudicante" sobre o Protectorado Español de Marrocos.

Creación[editar | editar a fonte]

Nese contexto, o xeneral José Cavalcanti de Alburquerque, organizou unha tertulia na súa casa en Madrid con outros tres xenerais, entre os que estaba o irmán do xeneral Dámaso Berenguer, alto comisario español en Marrocos cando se producira o desastre de Annual e que, polo tanto era un dos investigados. Ademais do xeneral Cavalcanti e o xeneral Federico Berenguer, os xenerais Leopoldo Saro Marín e Antonio Dabán Vallejo formaron parte do grupo. A reunión pronto deu lugar a un núcleo de conspiración, que sería coñecido como o Cuadrilátero quen tiña como obxectivo muda-la política do goberno en Marrocos mediante a formación dun goberno civil ou militar que, co apoio do rei, designaría un xeneral "enérxico" á cabeza do protectorado. Porén, non atoparon demasiados apoio entre os seus compañeiros de armas que, aínda que eran hostís para o goberno, non estaban dispostos a comprometerse cunha conspiración para derrubalo.[3]

A trama[editar | editar a fonte]

Os xenerais do Cuadrilátero pensaron que a única solución que tiñan era convencer a un prestixioso xeneral no exército para liderar o movemento e que o rei o nomease presidente do goberno. Non obstante, Primo de rivera non fora o primeiro candidato.[1] Antes, pensárase en Valeriano Weyler, de 85 anos, por ser o xeneral de graduación máis alta e de maior antigüidade mais, finalmente, os conspiradores non se atreveron a contactalo por mor da súa idade e da súa coñecida independencia. A seguir, no escalafón, estaba o xeneral Francisco Aguilera e Egea, presidente do Consello Supremo de Guerra e Mariña e senador vitalicio, quen si foi sondeado polo Cuadrilátero, malia estar a favor da investigación sobre responsabilidades dos xenerais e xefes militares polo desastre de Annual. Mais tamén, Aguilera quedou descartado tras recibir unhas cachetadas, o 30 de xuño, nos salóns do Senado do ministro José Sánchez Guerra, ao acusalo de mentir sobre un presunto atraso na entrega da documentación sobre Dámaso Berenguer para solicitar o suplicatorio do Senado paro podelo procesar. sobre o feito, Cardona ten escrito:

"O desprestixio de Aguilera foi inmediato. Os militares que confiaron nel para meter en cintura os políticos non aceptaron que se deixase golpear por un deles. Sánchez Guerra remachou o cravo, acusando a Aguilera de golpista, ata que o xeneral, acurralado, desautorizou publicamente calquera plan de intervención militar na política. O Cuadrilátero volveu quedar sen candidato ...."

Os preparativos do golpe de 1923[editar | editar a fonte]

O Cuadrilátero pronto atopou o substituto de Aguilera: o capitán xeneral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, quen estaba en Madrid chamado polo goberno para afastalo de Cataluña onde estaba a desenvolver unha política oposta á de García Prieto, e que mantivo unha entrevista con eles. Non obstante, a acusación, a principios de xullo, contra do xeneral Cavalcanti pola súa actuación en Marrocos foi un grave contratempo para os plans dos conxurados, así como o nomeamento como novo gobernador civil de Barcelona de Manuel Portela Valladares, quen restableceu a autoridade do poder civil na capital catalá.[4]

Entre o 4 e o 9 de setembro de 1923, Primo de Rivera viaxou a Madrid onde se reuniu de novo cos xenerais do Cuadrilátero, na casa de Cavalcanti,[2] onde o recoñeceron como xefe da conspiración.[5] Ao retornar da súa viaxe a Madrid, Primo de Rivera parou en Zaragoza para se reunir co do xeneral Sanjurjo, quen lle outorgou o seu apoio a un golpe.[2] Tamén contou co apoio dos xenerais con mando en Cataluña mais fóra da súa capitanía xeral, coa excepción de Sanjurjo en Zaragoza e os xenerais do Cuadrilátero en Madrid, non conseguira o apoio de ningún outro xeneral para se comprometer co golpe, aínda que moitos mostraran o seu acordo coa idea de establecer un réxime militar.[6]

Real decreto no que El-Rei Afonso XIII, o 16 de decembro de 1923, nomea Xefe de Goberno ao Tenente xeneral D. Miguel Primo de Rivera y Orbaneja, Marqués de Estella.

O 12 de setembro aceleráronse os preparativos. En Barcelona, ​​ás 9.30 da mañá, reuníronse con Primo de Rivera na Capitanía, os xenerais e xefes comprometidos co golpe.[7] En Zaragoza, trala chegada do comandante José Cruz-Conde Fustegueras, quen era o enlace dos conspiradores co gobernador militar, o xeneral Sanjurjo, faciltou que se avanzaran os plans fronte a pasividade do capitán xeneral. En Madrid, os xenerais do Cuadrilátero conseguiron o apoio do propio gobernador militar, o xeneral Juan O'Donnell, duque de Tetuán, pero non o do capitán xeneral Muñoz Cobos, aínda que tampouco actuou en defensa do goberno.[8]

O golpe[editar | editar a fonte]

O xeneral Primo de Rivera lanzou o golpe de estado na medianoite do 12 ao 13 de setembro, que triunfou en Cataluña, Zaragoza e Huesca. Unha das poucas medidas firmes tomadas polo goberno de García Prieto foi ordenar ao capitán xeral de Madrid, o xeneral Muñoz Cobos, que arrestase os catro xenerais do Cuadrilátero, mais este se negou se a orde non estaba asinada polo rei. Como sinalou Ben-Ami, "en realidade, para todos os propósitos prácticos, Muñoz Cobos actuou como se fose membro da conspiración. Sentíase reticente, dixo, loitar contra os pronunciados por medo a dividir o exército e provocar outro Alcolea ".[9]

Co triunfo final do golpe de Primo de Rivera cando, o 14 de setembro de 1923, o rei Afonso XIII nomeou a este xefe de goberno e marchou cara a Madrid. Porén, segundo ía chegando, mudou a idea de aceptar a presidencia dun goberno de civís, tutelado por militares (o plan inicial do Cuadrilátero), para crear un Directorio general inspector.[2] Na reunión co rei o día 15, no Palacio Real, tralas deliberacións entre os dous, se decidiu que Primo de Rivera tería que xurar o cargo como presidente e ministro universal dun Directorio militar perante o ministro de Xustiza cesado, Antonio López Muñoz, para atende-lo requisito constitucional e non involucrar á monarquía.[2] No Real decreto asinado polo rei esa tarde, suprímese o poder executivo que recae en Primo de Rivera[10] e, pouco despois, con outro decreto disólvense o Congreso e o Senado.

Finalmente, os xenerais do Cuadrilátero non formaron parte do Directorio militar que asumiu o poder baixo a presidencia de Primo de Rivera mais si apareceron, os catro, na foto que se fixeron os membros do Directorio co rei e con Primo de Rivera o 15 ou o 16 de setembro de 1923.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Pons, Marc (17 de setembro de 2023 [actualizado o 18 de setembro de 2023]). "Cien años del golpe de Estado militar de Primo de Rivera... y de Alfonso XIII". elnacional.cat (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2024. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Muñoz, Gerardo (9 de setembro de 2023). "Un siglo del golpe de Estado del primer populista español". informacion.es (en castelán). Consultado o 30 de maio de 2024. 
  3. Cardona (2003), p. 20
  4. Tusell (2003), pp. 16-19
  5. Tusell (2003), pp. 20-22
  6. Ben-Ami, 2012, p. 61
  7. Ben-Ami, 2012, p. 63
  8. Tusell, 2003, p. 23
  9. Ben-Ami, 2012, p. 68
  10. "Real Decreto" (PDF). boe.es (en castelán). 16 de setembro de 1923. Consultado o 30 de maio de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]