Cruz de Peñalba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Cruz de Peñalba[1] é unha cruz votiva regalada, no século X, polo rei leonés Ramiro II a San Xenadio, abade do desaparecido mosteiro de Santiago de Peñalba en agradecemento ao auxilio recibido do Apóstolo Santiago na batalla de Simancas (ano 939) contra Abderraman III. Do devandito mosteiro, fundado polo bispo Salomón, no ano 937, e situado no val do Oza, centro da Tebaida berciana e non moi afastado do Camiño de Santiago; só se conserva a igrexa mozárabe de Santiago de Peñalba, situada na aldea de Peñalba de Santiago, veciña ao concello de Ponferrada, na bisbarra do Bierzo.

Cruz de Peñalba.

Descrición e simboloxía[editar | editar a fonte]

É unha peza de ourivaría mozárabe con forma de cruz grega, equilátera (49 x 49 cm x 0,4 cm de grosor), realizada nun material non nobre: latón. Os chatóns de pedraría que a adornan, trinta en total, son de pouco valor e non teñen carácter simbólico. Foron engadidos posteriormente, ao igual que as letras alpha e omega que colgan dos brazos horizontais; se ben estas puideron complementala inicialmente e remitir á Apocalipse de san Xoán cuxo comentario iluminado, que tan ampla difusión tivo nesa época, os coñecidos Beatos, reproducen a imaxe deste tipo de cruz en nove dos exemplares conservados.

Os brazos de láminas de latón insírense nun disco central composto de dúas chapas cravexadas. O anverso órlase dunha fita cicelada a base de talos ondulados, arredor dos seus brazos, só interrompida no extremo inferior: A monarquía asturleonesa recupera sen complexos o aparato asociado ao poder real e imperial desenvolvido polos reis visigodos, de marcada influencia bizantina. Isto pode facernos supoñer que foi concibida, dada a súa simplicidade orixinal, para uso procesional e como insignia real e emblema de batalla máis que eclesiástico; ao modo do vexilo cruciforme bizantino. Aínda que tamén o seu uso como exvoto colgante deriva destas dúas fontes. Non é moi diferente polo tanto doutras cruces da época como a Cruz dos Anxos, custodiada na Cámara Santa de Oviedo. A Cruz de Peñalba é considerada a máis antiga peza do culto a Santiago da arte mozárabe; culto e padroado, este, que os reis asturleoneses fomentaron, asociándoo á dignidade real e ao éxito militar das súas campañas contra o califato de Córdoba.

No anverso da cruz, repartido entre os catro brazos, está burilado con grafía mozárabe o lema:

"IN NOMEE DOMINI NSI / IHU XPI OBONOREM / SANCT IACOBI / APLOSTOLI RANEMIRUS REX OFRT": En nome Do noso Señor / Xesucristo para honra de / Santiago / Apóstolo o Rei Ramiro (a) ofrece.

Doazón ao museo de León[editar | editar a fonte]

A Cruz de Peñalba foi doada en 1879 por Mariano Brezmes y Arredondo, bispo de Astorga,(1875-1885), ao Museo de León. Feito que seguramente evitou o espolio ou desaparición.[2] O Cáliz e Patena de Santiago de Peñalba,[3] contemporáneos, foron levados a Astorga e remataron vendidos a un anticuario polos familiares dun arcebispo de Valladolid, no Museo do Louvre, en 1886. A desaparecida Cruz de Santiago de Compostela, doada por Afonso III en 874, foi roubada da catedral en 1906; por citar só dous exemplos relacionados. O erudito Ramón Álvarez de la Braña,[4]Cronista Oficial de León, escritor e arquiveiro do Museo Arqueolóxico de León; menciona esta cesión:

"De ela [da igrexa de Santiago de Peñalba] procede a cruz votiva de estilo bizantino, que posúe o Museo Arqueolóxico Provincial de León e que lle foi doada hai poucos meses polo Ilustre Señor Bispo de Astorga,".

Foi exposta por primeira vez fóra da provincia na Exposición Internacional de Barcelona en 1929.[5] Para posteriores mostras, xa a finais do século XX, realizouse un facsímile que actualmente se exhibe no Museo do Bierzo.

A Cruz de Peñalba como icona do Bierzo[editar | editar a fonte]

A Cruz de Peñalba é reivindicada, hoxe en día, como un dos principais sinais de identidade do Bierzo, figurando no centro do seu escudo e da bandeira. É utilizada como icona da identidade berciana[6] por distintas asociacións,[7] institucións[8] e, mesmo empresas.

Dende distintos grupos políticos e asociacións culturais realizáronse numerosas campañas a prol do seu retorno e en defensa do seu valor como símbolo do territorio berciano.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Levi-Provençal, Evaristo; García Gómez, Emilio (1950). Una Crónica anónima de Abd al-Rahman III al-Nasir (en castelán). Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 978-84-00-00271-8. 
  • Sánchez-Albornoz, Claudio (1969). León y su historia: miscelánea histórica. Tomo I (en castelán). Centro de Estudios e Investigación San Isidoro/Patronato José María Cuadrado. ISBN 978-84-87667-56-5. 
  • Grau Lobo, Luis A. (1993). Cruz votiva de Santiago de Peñalba (en castelán). Instituto de Estudios Bercianos/Museo de León. 
  • Rodríguez Fernández, Justiniano (1998). Ramiro II, rey de León (en castelán). La Olmeda. ISBN 978-84-89915-01-5. 
  • Menéndez Pidal, Marcelino (2011). Historia de España (en castelán). El Buey Mudo. ISBN 978-84-938040-9-1.