Escudo do Bierzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Escudo do Bierzo
Escudo de El Bierzo.svg
Detalles
ArmigerConsello Comarcal
Adoptado14 de abril do ano 2000
CristaCoroa real
EscudoDe goles, unha cruz grega de ouro, cunha alfa e unha omega do mesmo pendentes do seu traveseiro, que é a Cruz de Peñalba; bordo compoada de oito compós, de prata cargados dunha folla de vide de sinople, e de azur cargados de dous martelos de ouro postos en sotuer

O escudo do Bierzo foi aprobado nunha sesión do Consello Comarcal do Bierzo (León) celebrada o 14 de abril do ano 2000, como elemento integrado na bandeira desta comarca.

Heráldica[editar | editar a fonte]

Posúe a seguinte descrición heráldica ou brasón:

"De goles, unha cruz grega de ouro, cunha alfa e unha omega do mesmo pendentes do seu traveseiro, que é a Cruz de Peñalba; bordo compoada de oito compós, de prata cargados dunha folla de vide de sinople, e de azur cargados de dous martelos de ouro postos en sotuer. Ó timbre, coroa real, forrada de goles, pechada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de perlas que converxen nun mundo azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro".

O elemento máis importante do escudo é a Cruz de Peñalba, símbolo do Bierzo, representada de ouro (amarelo ou dourado heráldico) nun campo de goles (fondo vermello). Enmarcando o campo de goles figura un bordo de compós. Os bordos son as pezas honorables que rodean o interior dos escudos por todos os seus lados. Os compós son cadrados cos seus esmaltes alternados que cobren o fondo de calquera peza ou moble dun brasón. O bordo do escudo do Bierzo conta con oito compós: catro de prata (cor branca ou gris), nos que figura unha folla de vide de sinople (cor verde) como símbolo da agricultura berciana, e catro de azur (cor azul), con dous martelos postos en sotuer (colocados en forma de aspa) representando a minería.

No timbre do escudo aparece representada a coroa real de España, pechada con oito diademas, cinco á vista.

O escudo aparece situado no centro da bandeira do Bierzo. O deseño do escudo, como o da bandeira, foi obxecto de varias polémicas, criticándose o deseño e o seu custo. Presentouse unha variante como alternativa que contaba con dúas vieiras en compós centrais dos laterais, simbolizando o percorrido do Camiño de Santiago que cruza O Bierzo de leste a oeste. Esta alternativa tamén presentaba pequenas diferenzas na cor e a coroa.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]