Creseida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Creseida (estatero) de ouro cuñada en Sardes. Anverso: prótomo de león e de touro en loita. Reverso: dous cadrados incusos. Peso: 8,06 g.
Os característicos touro e león loitando, no anverso dunha creseida de prata

Creseida é a denominación das moedas da Antiga Grecia con valor dun estatero cuñadas en ouro, electro e prata no século VI a. de C. no Reino de Lidia, na Asia Menor, baixo a autoridade do seu derradeiro monarca, Creso (ca. 561-547 a. de C.), de quen toman o nome.[1][2][3]

Caracterización[editar | editar a fonte]

Os primeiros estateros de Creso cuñáronse en electro, unha aliaxe de prata e ouro pobre neste último metal, e tiñan un peso de arredor de 14,3 gramos. Mais adiante emitíronse tamén en ouro e en prata puros, aínda que xa cun peso inferior.[4]

Unha característica da tipoloxía das creseidas é o feito de estaren cuñadas en discos de groso calibre e con forma ovoide. Os seus anversos caracterizábanse preferentemente pola representación de anomais; as máis frecuentes eran o touro e o león en loita, o león en solitario e o cabalo.[5]

Os seus reversos estaban sempre ocupados por un ou dous cadrados incusos gravados mediante golpe de punzón.[6]

Xa na Antigüidade, estimábase que estas moedas eran as primeiras que existiran. Os Lidios, segundo Heródoto "foron os primeiros homes que adoitaron cuñar moedas de ouro e de prata".[7] E tamén Xenófanes expresaba a mesma opinión.[8]

Creseidas aqueménidas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Moeda aqueménida.

Cando Ciro o Grande, rei do Imperio Aqueménida, invadiu Lidia e toda a Asia Menor, adoptou o sistema bimetálico introducido por Creso e continuou coas cuñaxes de ouro e de prata en Sardes seguindo o modelo da creseida ata arredor de 520 a. de C.[9] O deseño dos animais neste período era máis ríxido, menos natural que o das emisións orixinais lidias.[10]

Algunhas destas moedas foron atopadas en moi boas condicións no coñecido como Tesouro de Apadana, achado baixo os cimentos do palacio de Apadana en Persépole, datado ca. 515 a. de C., o que confirma que as moedas foran cuñadas non recentemente baixo administración aqueménida. [11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Creseida". En Alfaro Asins et al. (2009).
  2. "Croesean staters" e "croeseid". En Melville Jones, J. R. (1986)
  3. "Créséide". En Amandry (2001)
  4. "Silver croeseid stater". En Archaeological Exploration of Sardis.
  5. Glandfield, R. "Croeseid Types". En The gold & silver coins of Croesus. Sidney, 2012.
  6. Katsari Konstantina. "Croeseid stater". En Digital Encyclopaedia of the Hellenic World.
  7. Heródoto. Historias. Libro I, 94: πρωτοι δε ανθρωπων των ημεις ιδμεν νομισμα χρυσου και αργυρου κοψαμενοι εχρησαντο ("os lidios foron, polo menos que saibamos, os primeiros que cuñaron para o uso público a moeda de ouro e prata").
  8. Citado en Xulio Pólux. Onomasticon. IX, 83.
  9. Metcalf, W. E. (2016). Páxina 51.
  10. Metcalf, W. E. (2016). Páxinas 49-50.
  11. Fisher, W. B. et al. (1968). Páxina 617.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]