Saltar ao contido

Crema catalá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Crema catalá nun cacharro de barro.
Presentación clásica da crema catalá.

A crema catalá é unha sobremesa moi típica da cociña catalá consistente nunha crema pasteleira con base de xema de ovo que se acostuma cubrir superficialmente cunha capa de azucre caramelizado, o que lle dá un contraste crocante. Cómese durante todo o ano, mais en Cataluña é costume o día de San Xosé, o 19 de marzo, polo que tamén ten o nome de crema de Sant Josep.[1]

A crema catalá actual está amplamente documentada na literatura catalá. Xa aparece nos receitarios medievais cataláns Llibre de Sent Soví (século XIV) e Llibre del Coch (século XVI), e considérase unha das sobremesas máis antigas en Europa dentro da súa categoría, a pesar de ser unha evolución da crema clásica, que xa existían na República romana varios séculos antes de Cristo. É unha das sobremesas que aparecen moitas veces no Calaix de sastre (século XVIII) do barón de Maldà e, parece, que Casanova comeu en Barcelona.

No século XX aparece na obra de Josep Pla e do poeta Miquel Martí i Pol, entre outros moitos. A única variación que tivo a receita foi, no século XX, o feito de que algunhas persoas utilicen fariña de maínzo (maicena) en vez de amidón, e que hai preparados de pos para facer esta crema rapidamente. Os sopretes caseiros, antes utilizados só en grandes restaurantes ou na industria, son tamén cada vez máis habituais nos fogares do século XXI, onde se utiliza para queimar unha capa de azucre superficial e outras versións tradicionais ou improvisadas con ela, como o recubrimento de pan con crema, a crema con piña natural, as manzás recheas de crema etc.

Características

[editar | editar a fonte]

A crema catalá faise con xema de ovo, azucre, fariña de trigo ou fariña de millo e leite aromatizado con canela e tona de limón, ou, ás veces, tamén de laranxa. A crema cócese sen deixala ferver nun cazolo até que espese e déixase arrefriar na neveira.

A crema catalá pódese utilizar para encher ensaimadas, cocas, tortells, xuixos, e todo tipo de bolería e pastelería. Cando non se utiliza como recheo senón que queda na superficie, adóitase espolvorear con azucre branco e queimar cunha pa de ferro ou cun soprete.

Cando se serve como sobremesa, acostúmase distribuír a crema en pratos de sobremesa individuais ou tradicionalmente en cazolas de barro, e quéimase. Para queimala, como nos outros casos, espolvoréase de azucre branco e posteriormente pásaselle por riba unha pa de ferro moi quente, ou actualmente, normalmente quéimase cun pequeno soprete.

Variantes

[editar | editar a fonte]

En Cataluña existe unha versión xeada da receita, con xeado de crema catalá e cuberto de confeitura de xema de ovo queimada. A crème brûlée da cociña francesa pódese considerar unha variante ou versión da crema catalá. A variante francesa cócese ao baño maría, ás veces empréganse os ovos enteiros, utiliza nata en vez de leite e aromatízase con vainilla. Adóitase queimar con azucre moreno para compensar o branco.

Nos chamados países cataláns, a crema espésase tradicionalmente con amidón, non inclúe nata nin claras de ovo e aromatízase con canela e tona de limón, ou eventualmente de laranxa, nunca con vainilla.

O sabor da crema catalá inspira variantes e perfumes de todo tipo de produtos como: xeados, espumas, a variante do torró (turrón) catalán que posúe o mesmo nome etc. A crema emprégase na elaboración dalgunhas variedades dos tés "Earl Grey crema".


  1. "Crema Cremada / Crème catalane". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 11 de febreiro de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]