Crema de leite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
  • Este artigo trata sobre a materia graxa do leite, para a sobremesa véxase crema de ovo.
Nata sobre un prato de froita

A nata[1] ou crema de leite, é unha substancia graxa de consistencia espesa e tonalidade abrancazada ou amarelada, que se atopa de xeito emulsionado no leite.

Está constituída principalmente por glóbulos de materia graxa que se achan na tona do leite cru; por iso disque é unha emulsión de graxa en auga. Esta tona pódese apreciar deixando certa cantidade de leite, sen homoxeneizar nin descremar, nun cunco: pódese ollar como unha primeira camada colle forma na superficie. Esta tona de graxa sepárase mediante un proceso de centrifugación e envásase por separado para o seu uso en gastronomía.

Cómpre non confundirmos esta "nata fresca" coa tona que se forma cando se ferve o leite, e que se produce pola aglomeración da albumina do leite desnaturalizado pola calor. A tona que se forma na superficie do leite fervido, malia ter un aspecto semellar á "nata fresca" transformouse quimicamente por efecto da calor e ten un sabor e unha textura lixeiramente diferente.

Diferentes tipos de nata[editar | editar a fonte]

Brazo de xitano de nata (nata batida)

Segundo a súa elaboración e de acordo coa proporción de graxa que contén, distínguense diversas clases de nata:

  • Tona: é a camada primeira e sólida que aparece na superficie do leite cando este se quece e despois se arrefría en determinadas condicións. O leite descremado non o forma porque ao descremalo tíraselle precisamente a graxa, que é a nata. Tamén se pode formar na superficie dalgunhas sobremesas de culler caseiras a base de leite, coma nas cremas catalás e cremas de ovo. No século pasado unha merenda típica da cociña galega e doutras zonas peninsulares era o de tomar tona con pan e azucre.
  • Natas líquidas: úsase nalgúns países para mesturar co café ou en cremas e mollos.
  • Natas densas: de textura máis mesta que as líquidas, poden chegar a ter até un 55% de contido graxo. Pódense usar tamén para cremas e mollos, ademais de nalgúns doces.
  • Natas agrias.
  • Nata batida[2]: nata, líquida ou espesa, batida enerxicamente para lle incorporar ar até que fique cun aspecto semellante a unha escuma de barbear. Para que a nata suba, esta ten que ter un mínimo dun 30% de materia graxa, en caso contrario non sobe.
  • Chantillí[3]: nata batida ao gusto burgués parisién, tal coma se facía en Francia, é dicir, nata batida, azucrada e perfumada con vainilla. A receita orixinal é de François Vatel, do século XVII.
  • A nata especialmente graxa pódese bater para elaborar manteiga, que consiste basicamente na graxa láctea illada. Para elaborar a manteiga, a nata ten que estar morna, mentres que para conseguir que a nata suba cómpre que estea ben fría. Ás veces, cociñeiros inexpertos poden facer manteiga accidentalmente cando baten tempo de máis unha nata para facer nata batida.
  • A nata batida aromatizada e coloreada con chocolate coñécese co nome de "trufa". Emprégase xeralmente para encher pasteis. Tamén é a compoñente básica para a elaboración das trufas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para nata.
  2. VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. Evitar o termo nata montada
  3. VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]