Cotovía pequena
Cotovía pequena | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||
ver texto | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
|
A cotovía pequena[2][3][4] (Lullula arborea) é a única especie existente do xénero Lullula. Encóntrase na maior parte de Europa, Oriente Próximo, oeste de Asia e as montañas do norte de África. En Galicia é unha ave sedentaria pero escasa.[3] É principalmente unha ave sedentaria non migratoria na parte occidental da súa área de distribución, pero as poboacións orientais son máis migratorias, trasladándose ao sur en inverno.
Existen dúas subespecies de cotovía pequena, L. a. arborea e L. a. pallida. A primeira é nativa de rexións do norte de Europa, mentres que a segunda pode encontrarse no sur da área de distribución da especie. A súa dieta está composta principalmente de sementes, pero tamén inclúe insectos durante o período de reprodución. É unha ave comparativamente pequena, de entre 13,5 e 15 centímetros de longo e un 20% máis curta que a laverca común. É marrón con partes inferiores claras e ten unha cola con punta branca.
Taxonomía e sistemática
[editar | editar a fonte]A cotovía describiuna o naturalista sueco Carl Linnaeus en 1758 na 10ª edición da súa obra Systema Naturae, dándolle o nome de Alauda arborea.[5] Este nome binomial é idéntico ao nome latino usado en 1676 polo ornitólogo inglés Francis Willughby na súa obra Ornithologiae libri tres.[6] A cotovía pequena está agora situada no xénero Lullula, que foi introducido polo naturalista alemán Johann Jakob Kaup en 1829.[7] O actual nome do xénero é onomatopéico a partir do francés “lulu”, o nome que lle deu á ave Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon. O nome francés alouette lulu, e o binomial científico, Lullula arborea, deriva do son da canción do animal.[8] O nome específico arborea procede do latín arbor, arboris, 'árbore'.[9]
Subespecies
[editar | editar a fonte]Hai dúas subespecies de cotovía pequena:[10]
- L. a. arborea (do norte) - (Linnaeus, 1758): encóntrase no norte, oeste e centro de Europa ata o oeste de Rusia e Ucraína.
- L. a. pallida (do sur) - Zarudny, 1902: encóntrase no sur de Europa e noroeste de África e a través de Oriente Próximo ata Irán e Turkmenistán.
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha ave de 13,5 a 15 cm de longo, lixeiramente menor que a laverca común,[11] un 20% máis curta que esta última.[12] A cotovía pequena é principalmente marrón pola parte superior e clara pola inferior, pero cunha distintiva banda superciliar branca que chega á caluga.[13] Ten unha crista bastante pequena e a maior parte do tempo pouco visible.[8] En voo mostra unha curta cola e unhas ás curtas e anchas. A cola ten as puntas brancas, pero a diferenza da laverca, os laterais da cola e o bordo posterior das ás non están beireados de branco.
É unha ave canora, que ten unha canción melodiosa, trilante a miúdo descrita onomatopeicamente como un lu-lu-lu-[14] ou máis precisamente como un "lū-lū-lū-lū-lū- en serie", tuluit tuluit tuluit.[11]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Encóntrase principalmente en Europa, as montañas do norte de África e no oeste de Asia. En Europa, a ave prece estar máis a gusto nos parámos areentos de Bélxica, onde a súa densidade era de 7,5 parellas por km2 en 1988.[15] No mesmo ano, as densidades en Alemaña Oriental eran de 0,29 a 5,0 parellas por km2 e de entre 0,1 e 0,25 parellas por km2 no sur de Inglaterra, e os hábitats máis óptimos eran os máis densamente habitados. Porén, as poboacións flutuaron en Europa nas décadas de 1990 e 2000 e non se dispón de datos de densidades máis actualizados. A amplitude da área de distribución da cotovía pequena vai desde Inglaterra no oeste, partes do norte de Exipto no sur, Irán e Turkmenistán no leste a Escandinavia no norte.[11][12][14] O declive das poboacións tivo como resultado que a súa área de distribución se fixo menor, por exemplo en Gran Bretaña reproducíase antes en Gales e centro de Inglaterra, pero agora encóntrase só no sur de Inglaterra. Dentro do seu rango é principalmente sedentaria no oeste, mentres que as poboacións do leste migran ao sur no inverno. En Galicia é sedentaria pero pouco abondosa.[3]
O seu hábitat natural son os páramos e espazos abertos con árbores espalladas.[16] Prefire os claros en bosques de piñeiros e páramos e plantacións de piñeiros novos.[8] Traballos experimentais indican que unha alteración anual do chan pode incrementar a abundancia de cotovías pequenas en terras baixas con páramos herbáceos e uceiras.[17] Esta ave pode tamén encontrarse máis raramente en áreas urbanas.[8]
Comportamento e ecoloxía
[editar | editar a fonte]O macho da cotovía pequena canta unha canción en voo similar á da laverca común pero aletea máis a medida que se eleva e fai espirais cara a adiante, facendo círculos sobre o chan mentres canta a unha altura bastante constante. Tanto o macho coma a femia cantan desde o chan ou pousados nunha árbore.[14]
Reprodución
[editar | editar a fonte]O niño está normalmente feito de herbas, fentos, raíces e musgos e construído nunha depresión no chan.[14] A nidación empeza cedo, e ás veces os primeiros ovos póñenos a finais de marzo. Normalmente poñen de tres a cinco ovos. A femia incuba os ovos, que son brancos con manchas marróns, durante de 13 a 15 días.[11] Ambos os pais alimentan despois os xoves no niño e os polos abandonan o niño pasados outros 11 a 13 días.[16] Proxenitores e crías permanecen xuntos durante o verán e ata o outono. Pode criar dúas ou ás veces tres roladas de polos nun ano.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Igual que ocorre con moitas especies da familia das lavercas, a cotovía pequena é principalmente vexetariana cando é adulto, pero durante a estación reprodutora tamén comen insecto de tamaño medio.[12] A dieta está principalmente composta de sementes e insectos como escaravellos, moscas e avelaíñas.[11][14] Durante a estación reprodutora, a femia incuba os ovos en quendas de aproximadamente en 45 minutos e con intervalos de oito minutos de alimentación.[16]
Ameazas
[editar | editar a fonte]As poboacións de cotovía pequena de Europa estiveron en declive nos últimos anos e o seu rango reduciuse.[14] A perda de hábitat é o principal factor que contribuíu a isto, e moitas pradeiras secas, terras en barbeito, páramos de terras baixas e pastos perdéronse debido á agricultura, ao abandono ou ao desenvolvemento, especialmente no norte de Europa.[18]
Status
[editar | editar a fonte]En Europa en 2004, a poboación reprodutora de cotovías pequenas estimouse en de 1,3 a 3,3 millóns de parellas reprodutoras. En Europa vive entre o 75 e o 94% da poboación global, o que significa que hai entre 4,15 e 13,2 millóns de individuos na súa área de distribución mundial.[19] As poboacións flutuaron por toda Europa, por exemplo, había unhas 400 parellas reprodutoras en Inglaterra en 1981,[8] 241 en 1986, 1633 en 1997 e 3064 en 2007.[20]
A cotovía pequena foi categorizada pola IUCN como especie en estado "pouco preocupante", o que quere dicir que actualmetne non está ameazada de extinción.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Lullula arborea". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Dicionario Digalego cotovía pequena
- ↑ Linnaeus, Carl (1758). Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en Latin). Volume 1 (10th ed.). Holmiae:Laurentii Salvii. p. 166.
- ↑ Willughby, Francis (1676). Ornithologiae libri tres (en Latin). London: John Martyn. p. 149.
- ↑ Kaup, Johann Jakob (1829). Skizzirte Entwickelungs-Geschichte und natürliches System der europäischen Thierwelt (en German). Darmstadt: Carl Wilhelm Leske. p. 92.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Campbell, Donald (1999). The Encyclopedia of British Birds. Bath: Paragon. p. 165. ISBN 9780752541594.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 53, 232. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ "IOC World Bird List 6.4". IOC World Bird List Datasets. doi:10.14344/ioc.ml.6.4.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Černý, Walter (1975). A Field Guide in Colour to Birds. Traducido por Margot Schierlová. Illustrated by Karel Drchal. London: Octopus Books Limited. pp. 156–157. ISBN 070640405X.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Snow, David; Perrins, Christopher M., eds. (1998). The Birds of the Western Palearctic concise edition 2. Oxford: Oxford University Press. pp. 1041–1043. ISBN 0198501889.
- ↑ "Woodlark". Birds by name. Royal Society for the Protection of Birds. Consultado o 29 July 2013.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 Harbard, Chris (1988). Songbirds: How to attract them and identify their songs. London: Quarto Publishing plc. p. 53. ISBN 9780862724597.
- ↑ Simms, Eric (1992). British Larks, Pipits and Wagtails (1st ed.). HarperCollins. pp. 66–67. ISBN 0002198703.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Hayman, Peter; Burton, Philip (1979). The Birdlife of Britain. London: Mitchell Beazley Publishers Limited. p. 78. ISBN 0855330872.
- ↑ Hawkes, Robert W.; Smart, Jennifer; Brown, Andy; Jones, Helen; Dolman, Paul M. (2019). "Experimental evidence that ground-disturbance benefits Woodlark Lullula arborea". Ibis (en inglés) 161 (2): 447–452. ISSN 1474-919X. doi:10.1111/ibi.12696.
- ↑ "Woodlark Lullula arborea" (PDF). Joint Nature Conservation Committee. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de febreiro de 2019. Consultado o 29 July 2013.
- ↑ BirdLife International. 2004. Birds in Europe: population estimates, trends and conservation status. BirdLife International, Cambridge, U.K.
- ↑ Conway G et al. (2009) The status of breeding woodarks Lullula arborea in Britain 2006. Bird Study 56.3 pp310-325