Cortadeira
Cortadeira (Cortaderia selloana) | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Cortaderia selloana (Schult. & Schult. f.) Asch. & Graebn., 1900 |
A cortadeira[1][2], herba da Pampa, penacho da Pampa, plumeiro da Pampa ou carrizo da Pampa[3] (Cortaderia selloana), é unha planta rizomatosa, que forma matas moi altas, endémica dos pastos do sur de Suramérica, nas pampas e na Patagonia.
Descrición
[editar | editar a fonte]Medra en densa mata, que pode acadar 3 m de altura, con raíces profundas e amplas. As follas sempre verdes, longas e estreitas, duns dous metros de longo e até 2 centímetros de largura; con beiras moi afiadas e cortantes, de cor verde azuladas a gris prateadas. Flores en densa panícula branca de 30–90 cm de longo, sobre varas florais de 2–3 m de altura; con espigas de 15–25 mm cada unha, con 4-6 flores. Flores masculinas con 3 estames e un ovario rudimentario; as femininas cun ovario desenvolvido e dous estilos plumosos. Florece de setembro a outubro.
Foi nomeada por Alexander von Humboldt no 1818, e despois polo botánico alemán-brasileiro Friedrich Sellow (1789-1831), que participou en expedicións botánicas no interior do Brasil e estudou a flora de Suramérica.
A cortadeira como especie invasora
[editar | editar a fonte]A cortadeira está considerada a sétima especie máis daniña da Península Ibérica[3][4], e en lugares como Galicia, Cantabria, Asturias ou Euskadi xa ten consideración de praga[5][6].
En California ou Hawai a cortadeira tamén é unha especie invasora, e polas mesmas razóns en Nova Zelandia e en Suráfrica prohíbese a súa venda e propagación. Acostuma a medrar de xeito doado e ficar como monocultivo en zonas onde houbo movementos de terras. Pola contra cóstalle máis atopar espazo en bosques asentados, onde a súa presenza xeralmente é escasa e a propagación nesas condicións resúltalle difícil.
Posúe unha alta agresividade, tende a facerse dominante onde se establece e a desprazar a vexetación existente. Tamén pode comportarse como unha especie pirófita e favorecer a expansión de incendios forestais. É moi corrente en lugares urbanos, beiras das estradas, desmontes, cultivos abandonados, terreos removidos e outros, e vai ocupando cada vez máis espazos forestais periurbanos, zonas de bosques ou plantacións abertas[7].
Medidas de control da praga
[editar | editar a fonte]No norte da Península Ibérica as autoridades xa comezaron a tomar medidas para tentar frear a praga e controlar a expansión desta especie[8].
Comezouse a actuar contra o plumeiro da Pampa en zonas protexidas e vías de comunicación[9].
Aínda que as medidas en Galicia están sendo poucas, algúns colectivos comezaron a tomar medidas de control, por exemplo análises de distribución da planta[10].
- Medidas mecánicas: As plantas só poden ser arrancadas coa man cando son pequenas, cando son individuos adultos hase empregar maquinaria. En ambos os casos a tarefa non é sinxela, xa que os bordos aserrados das follas poden cortar as mans, e porque a forma lanceolada das mesmas fai que se enreden na maquinaria bloqueándoa. As plantas arrancadas teñen que recollerse, xa que as que se deixen deitadas no terreo poden rebrotar[3].
- Medidas químicas: Os herbicidas empregados han conter glifosatos (36 %) diluídos a un 2 %, pulverizando as cortadeiras con coidado de que non pinguen, para non afectar a especies contiguas[3].
- Medidas biolóxicas: Estase a estudar o emprego de cepas agresivas de Fusarium[3].
- Medidas culturais/sociais: Pasan pola concienciación social. Para non espallar as sementes, recoméndase non cortar as inflorescencias da planta, especialmente hase evitar o transporte destas dun lugar a outro: é usual ver a persoas portando os penachos por rúas e camiños, algo que favorece o espallado da semente. Tamén hase desbotar o emprego desta planta en xardinería e florarías.
En xeral un control efectivo da praga ha combinar, polo menos, medidas de control mecánicas e químicas. Isto estase a facer nas medianas e beiravías dalgunhas zonas da AP-9.
Cultivo e emprego
[editar | editar a fonte]Foi introducida en Europa e Norteamérica como planta ornamental e, en menor medida, como forraxe. As flores, ao secaren, son moi empregadas en floraría.
Hai varios cultivares:
- Albolineata — pequeno cultivar que só chega a 2 m de altura. Follas variegadas, con manchas amarelas.
- Sunningdale Silver — chega a 3 m, con plumaxes florais densas. Esta variedade foi galardoada pola Royal Horticultural Society co Award of Garden Merit.
É moi adaptable e pode medrar nunha ampla gama de ambientes e climas, se ben medra mellor en zonas cálidas e non soporta a xeada. Moi prolífica, cada planta pode producir máis de 1 millón de sementes durante a súa vida.
Emprégase para adornar floreiros, ás veces tinguida doutras cores, para iso córtase cando é nova e sécase boca abaixo. Non empregar no caso de ter alerxia ás gramíneas. Coas súas follas obtense celulosa. É planta medicinal como febrífugo infantil, diurética e sudorífera.
Galería de fotos
[editar | editar a fonte]-
A cortadeira xa é unha especie 'naturalizada' en Galicia.
-
Inflorescencia da cortadeira en Francia.
-
Inflorescencia da cortadeira.
-
Detalle das follas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Termos esenciais da botánica. USC Arquivado 14 de marzo de 2009 en Wayback Machine. (en galego)
- ↑ Ficha de flora na Universidade de Santiago de Compostela (en galego)
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Ficha na páxina web da Xunta Arquivado 15 de decembro de 2009 en Wayback Machine. (en galego)
- ↑ Nova en diario vasco (en castelán)
- ↑ Nova en público.es[Ligazón morta](en castelán)
- ↑ Nova en 'La Voz de Asturias'[Ligazón morta](en castelán)
- ↑ "O plumeiro ou carrizo da Pampa" (PDF). Consellería do Medio Rural. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de decembro de 2016. Consultado o 4 de decembro de 2016.
- ↑ Nova en Deia Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Guerra ao plumeiro da Pampa (nova en diariovasco.com) (en castelán)
- ↑ Análise de distribución do plumeiro da Pampa no Baixo Miño Arquivado 20 de decembro de 2016 en Wayback Machine. (en galego)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cortadeira |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cortadeira |