Conversa Wikipedia:Erros de ortografía e desviacións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Acabo de lanzar o meu bot na procura dos adverbios en -mente, polo que non será preciso engadir máis :-). Controlalo aqui. De todas as maneiras, un cálculo rápido dime que non deben de chegar a 100, ou sexa que estamos mellor do que esperábamos. Constatación: hai moitos máis. --Xosé (✉) 22:34, 5 outubro 2007 (UTC)

  • Feito. Corrixíronse uns 1.300, incluíndo algúns co acentos insospeitados. O bot correu automaticamente e só se produciron seis ou sete falsos positivos. --Xosé (✉) 09:23, 6 outubro 2007 (UTC)
  • Deixo aquí ligazón de interese con castelanismos e as súas correccións, é amplo e xa existe no Galizionario, polo que non me parece que o debamos reproducir integramente neste artigo; mais ao mellor algún erro moi frecuente si, ou alguén igual non o coñecía e apetécelle ter a ligazón: [1]. --Xoán Carlos Fraga 16:43, 6 outubro 2007 (UTC)
  • Tamén era ben elaborar outro artigo con frases feitas castelás que non se deben usar en galego. Xa existe Xiros idiomáticos galegos, que pode ser útil, mais eu refírome a expresións castelás traducidas literalmente ao galego e que non son correctas. --Xoán Carlos Fraga 17:17, 6 outubro 2007 (UTC)
  • Vou propor dúas cuestións: 1ª Talvez sería máis didáctico pór en negriña as entradas correctas, para que destaquen. E proposta 2ª: crear un 2º artigo Wikipedia:Erros de ortografía revisados, que sería unha copia deste (Wikipedia:Erros de ortografía, que se alixeiraría de notas adicionais relativas á wikipedia en si). Sería nese 2º artigo onde iría as indicacións daqueles usuarios que queiran deixar notas adicionais (como revisións feitas na Galipedia con tal data, ou outras). A verdade penso na pedagoxía de quen le, e tamén no proveito de quen corrixe e quer deixar constancia. --Xoán Carlos Fraga 11:23, 11 outubro 2007 (UTC)
  • Symbol support vote.svg Concordo. semellan útiles as propostas, e grazas polo enlace de castelanismos. Tamén me parece interesante o tema de frases feitas castelás. Lansbricae (Ti dirás) 11:36, 11 outubro 2007 (UTC)

Recursos[editar a fonte]

No servizo de normalización da Universidade da Coruña teñen material interesante, en concreto un manual de calidade da lingua que é moi útil.

http://www.udc.es/snl/recursos_crite.html#heading2

a páxina estana reformando e fai cousas raras, mais se facedes click dereito no link e gardades o pdf vai ben.

Ten moitas cousas úteis, eu estou incluíndo os erros mais comúns na wiki, tamén hai fraseoloxía. --emilio juanatey(talk) 11:57, 11 outubro 2007 (UTC)

  • Non teño moi claro que vilancico sexa incorrecto en galego. O Volga non o trae, o dicionario da RAG do ano 1997 si que o admite como sinónimo de panxoliña, o Xerais (2000) admite ambos pero dálle preferencia a panxoliña, O Pequeno dicionario Século 21 de Sinónimos e Antónimos (2006) dáos como sinónimos, a lingua portuguesa recolle vilancico. Carlos Villanueva, investigador de vilancicos galegos, diferencia panxoliña de vilancico (a panxoliña é cantada ante o Belén ou na festa do Nadal, e o vilancico é típico da liturxia). Por todo isto, non sei que dicir. --Xoán Carlos Fraga 15:56, 24 outubro 2007 (UTC)


  • Na páxina web do diccionario da RAG aparece como correcto bacallao e non bacallau, pero na páxina do VOLGA aparece como correcto bacallau e bacallao non aparece. No caso de diccionario e dicionario pasa o mesmo. Cal é o correcto?
    • En caso de discrepancia, aplíquese o VOLGa, que recolle as Normas Ortográficas de 2003. O Dicionario da RAG é anterior ás Normas e a versión online tampouco recolle as modificacións introducidas por estas. Pedro --Lameiro (conversa) 16:59, 23 novembro 2007 (UTC)
    • "Anque" ven recollido como palabra correcta tanto no VOLGa como no dicionario da RAG, por que o incluides como erro?
  • Tes razón cando dis que o VOLGa on line non o marca como correcto, por raro que me resulte. Eu manexo o VOLGa en papel (2004), onde *anque vén marcado con asterisco e remite a aínda que. Máis: nas Normas ortográficas non se inclúe *anque entre as conxuncións, e si aínda que/inda que. E outro máis: en Ortografía da lingua galega (Begoña González Rei, Galinova 2004) di: "elimínanse alomenos, anque, entonces, nembergantes e sen embargo" (p. 428). Supoño que se sigo buscando aparecerían máis fontes que o ratifiquen pero creo que estas tres abondan para xustifica-la inclusión na lista de erros. Pedro --Lameiro (conversa) 18:29, 23 novembro 2007 (UTC)


Hai tempo[editar a fonte]

Porque hai tempo e non fai tempo ?. Eu teño ouvido, a zes pobiño, os dous, e tamén vai tempo. Creo que os tres son válidos, cfr. o portugués: Ola Rosa, como vas ? / Faz tempo que te nâo vejo /..., dicía unha cançâo dos oitenta - Montes, 3 de decembro de 2007, 1:46.

Grúa[editar a fonte]

Grúa é correcto como sinónimo de guindastre.--Alex 16:08, 29 decembro 2007 (UTC)

Taquilla[editar a fonte]

alguén sabe como se di taquilla en galego?? cómo traduciriades en galego "La película fue un exito en taquilla". Procurei en dicionarios pero non ven a palabra.--79.151.25.20 22:50, 11 febreiro 2009 (UTC)

  • Despacho (de billetes). Pedro --Lameiro (conversa) 23:19, 11 febreiro 2009 (UTC)
  • Aínda que como expresión non creo que sexa moi galego dicir "foi un éxito de despacho de billetes". Creo que a mellor fórmula é "foi un éxito de recadación". Alberte Si, dígame? 23:23, 11 febreiro 2009 (UTC)
  • Vaia, deixeille unha mensaxe á IP mentre escribiades. O certo é que normalmente úsase "venta en billeteira", pero a fórmula proposta por Alberte, para o caso concreto de "éxito de recadación" é correctísima. --Estevo(aei)pa o que queiras... 23:26, 11 febreiro 2009 (UTC)

Grazas[editar a fonte]

Moitas grazas a todos pola vosa axuda, serviume de moito

Saudos

Nova ligazón[editar a fonte]

Vexo que hai unhas horas un usuario engadiu unha ligazón externa con vocabulario da páxina de Fillos de Galicia. Ao meu ver, deberiámola quitar, pois non aporta nada nova e está bastante ensarillada a telo dividido por letras no canto de todo nunha soa páxina. Amais, a outra ligazón é máis que de abondo. Opinións?--Atobar (conversa comigo) 11:58, 11 maio 2009 (UTC)

Cómpre estruturar esta páxina[editar a fonte]

Cómpre que alguén con formación lingüística divida esta páxina en varias subpáxinas. Temos aquí mesturados erros léxicos, gramaticais, castelanismos xunto a erros ortográficos (que é o título da páxina). ¿Quen se atreve a facelo? Pedro --Lameiro (conversa) 14:43, 6 xuño 2009 (UTC)

  • Paréceme ben que haxa tales subpáxinas, sobre todo para os lingüistas e/ou afeccionados á lingüística. Mais para a maioría dos usuarios, eu creo que é máis práctico ter todo xunto, pois no caso contrario, tería dificultades en encontrar moitos desvíos. Tamén se pode manter esta páxina e crear as subpáxinas (penso que é a mellor solución). Así e todo, tes razón nos distintos tipos de erros, e penso que sería bon mover a páxina a Wikipedia:Erros máis frecuentes ou Wikipedia:Erros e desviacións máis frecuentes ou Wikipedia:Erros máis frecuentes e as súas correspondencias. --Xoán Carlos Fraga 19:10, 10 de abril de 2010 (UTC)
  • Outra cousa, debido a que sobra moito espazo, esta páxina sería moitísimo máis práctica a dobre columna. Se alguén sabe facelo, pode probar o resultado e decidir. --Xoán Carlos Fraga 19:11, 10 de abril de 2010 (UTC)
Sobre isto, coido que quedaría mellor a dobre columna por letras, non no total da páxina. --Toliño Fala aquí comigo 14:53, 17 de abril de 2010 (UTC)
Estou de acordo con Toliño. Tal como está agora non achega ningunha mellora. --Atobar (conversa comigo) 15:00, 17 de abril de 2010 (UTC)
  • Feito! Feito! Xa fixen a separación en columnas por letra. Paréceme mellor estruturado e queda tamén mellor esteticamente. --Toliño Fala aquí comigo 09:56, 18 de abril de 2010 (UTC)

Propostas de eliminacións[editar a fonte]

  • Propoño eliminar o hiperenxebrismo "soupa", pois a verdade é que creo que non ten nin tivo éxito nin na escrita nin na fala. --Xoán Carlos Fraga
  • "Seculo" sen acento (o correcto é século) non creo que deba aparecer nesta lista, pois se aparece este tamén terían que aparecer todas as esdrúxulas sen acento gráfico, ou non? --Xoán Carlos Fraga 22:57, 3 febreiro 2010 (UTC)
  • Detectei a cadea [[Isótopo|iso.]] nas táboas de navegación de elementos químicos (p.ex. cinc). Traballo doado para un bot. Merci moitas. Flag of the Sahrawi Arab Democratic Republic.svg Sobreira (parlez) 14:46, 21 febreiro 2010 (UTC)
    • Seculo, retirado. Soupa si é un hiperenxebrismo que se escoita e se pode ler. --Atobar (conversa comigo) 14:53, 21 febreiro 2010 (UTC)

Volver + infinitivo[editar a fonte]

  • A verdade é que se considere erro o feito de lle poñer preposición non está tan claro. Como di Freixeiro Mato (Gramática da lingua galega II, Morfosintaxe), na fala e na literatura alternan os casos con preposición e sen ela. Ademais, o feito de que voltar (tornar) + a + infinitivo sempre leve a preposición parece sustentar a idea de que o a en volver + a + infinitivo non é castelanismo. Antón Santamarina (1974) e Guillermo Rojo (1974) tamén daban as dúas posibilidades de lle poñer a preposición a ou non, aínda que é certo que R. Álvarez et alii(1986) só a citan sen preposición.

--Xoán Carlos Fraga 20:38, 20 de abril de 2010 (UTC)

Anque?[editar a fonte]

Trabúcome eu, ou está mal posto coma termo incorrecto? [2]

Vaia, o certo é que botando unha ollada estoume decatando da morea de erros que cometo..--Es carva 18:35, 22 de agosto de 2010 (UTC)

Louvar[editar a fonte]

  • Louvar no VOLGA é unha entrada tolerada, aínda que se recomenda usar loar (ou sinónimos). Entón, nestes casos, non sei se debemos poñer na lista como erros as entradas toleradas. Sendo estritos, louvar non é erro. --Xoán Carlos Fraga 22:18, 31 de maio de 2011 (UTC)
    • Concordo contigo, as entradas toleradas non son erros. [ Furagaitas * ] 14:45, 13 de xuño de 2011 (UTC)

No entanto?[editar a fonte]

Dise:

  • sen embargo, nembargantes -> porén, non obstante, no entanto, a pesar diso, con todo, así e todo, mais, pero.

Mais "sen embargo" aparece no DIRAE. O que non aparece é "entanto" [3] ! --. HombreDHojalata.conversa 20:08, 28 de decembro de 2011 (UTC)

Coido que ese diccionario (nótese o dobre c) é de antes da reforma. *Sen embargo era correcto noutrora. --Toliño Fala aquí comigo 09:51, 29 de decembro de 2011 (UTC)
A miña dúbida non vai tanto por "sen embargo". O que digo é si "no entanto" é correcto ou non? Non aparece no VOLG por ningures. --. HombreDHojalata.conversa 20:30, 30 de decembro de 2011 (UTC)

Alomenos[editar a fonte]

Este adverbio está admitido pola RAG. Coido que sería recomendable suprimilo da listaxe.

Saúdos. --GleOsp (conversa) 21:44, 12 de abril de 2012 (UTC)

Tes toda a razón, xa o quitei eu. Saúdos, --Elisardojm (conversa) 22:38, 12 de abril de 2012 (UTC)

Nadar ao somorgullo[editar a fonte]

Buceo 080.jpg

Penso que "nadar ao somorgullo" non é sinónimo de mergullar (nin do castelán bucear), un pódese mergullar sen nadar en absoluto, como na imaxe que pese a estar mergullado non está nadando ao somorgullo .--Xián (conversa) 19:47, 21 de abril de 2012 (UTC)

Implementación[editar a fonte]

Ainda que non esté recollida a palabra implementación no diccionario da RAG, esta palabra si existe en galego e amplamente usada no sector TIC en galego tanto na fala popular como nos medios especializados. De todas maneiras envieille un correo a RAG preguntando pola situación desta palabra:

¿Por que en galego non existe a palabra implementazón ou implementación? É ampliamente usada en diferentes medios de comunicación galegos, ensaios, artigos, incluso usado na paxina do portal da lingua galega (páxina pertencente á Xunta da Galiza).

Ademáis de que existe tanto en portugués (implementação) como en castelán (implementación).

Saudos

e esta foi a súa resposta:

Certamente, no ámbito das novas tecnoloxías e outras ciencias experimentais, aparece con frecuencia o verbo “implementar” e o derivado "implementación", por esa razón, estaba previsto inicialmente que se incorporasen ao Dicionario xunto con outras palabras relacionadas con este campo que se engadiron en datas recentes. En concreto, sobre “implementar” e "implementación" a comisión correspondente decidiu pospoñer a entrada, pero están entre as que probablemente non tarden en figurar no Dicionario. Esperamos que esta resposta lle axude a resolver a súa dúbida SsNewHouses (conversa) 1 de xullo de 2019 ás 23:51 (UTC)

SsNewHouses, moitas grazas pola información, en canto apareza no dicionario da RAG eliminarase da lista de palabras con erro. Saúdos, Elisardojm (conversa) 2 de xullo de 2019 ás 11:02 (UTC)