Xiros idiomáticos galegos
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2007.) |
Os xiros idiomáticos son expresións propias dunha lingua cun significado unitario que non pode deducirse do significado das palabras que os forman e que carece de tradución literal noutra lingua. Tamén podemos denominalos locucións ou mesmo frases feitas,[1] as cales na actualidade son interferidas continuamente pola lingua castelá, sobre todo nas xeracións máis novas, nas cidades e mesmo nos medios de comunicación.
A seguinte lista contén unha serie de xiros idiomáticos e ditos propios da lingua galega.
Expresión | Significado |
---|---|
Onde (el) vai! Vaiche boa! | Hai moito tempo que pasou |
Estache bo o choio! Vaiche boa! | Non anda nada ben a cousa |
A unha carreiriña dun can | A pouca distancia |
Vai nun corrediño! | Vai enseguida |
Ir/andar con xeito, Ir con pés de la, ir/andar con tino, andar con pés de manteiga | Ir con coidado, con precaución |
Andar a paso de boi | Andar con lentitude |
Quen veña detrás que tanga/sache | Que se esforce, que traballe quen me suceda |
Estar coma tres nun zapato | Estar amolado, fastidiado |
Estar/ir coma un rei nunha cesta | Estar moi ben, cómodo |
Traballar de balde | Traballar gratis, sen cobrar nada |
Chegar e encher | Conseguir algo moi doadamente |
Caer coma un peixe, coma un paxariño | Caer, deixarse sorprender inesperadamente |
Caer coma a sopa no mel | Chegar oportunamente, a tempo |
Estar na horta e non ver as verzas | Non decatarse, non darse conta de nada |
Mexar fóra de testo | Dicir ou facer algo que non vén a conto |
Ser ruín coma a fame | Ser mala persoa |
Saber o que esqueceu o demo | Saber moitas cousas |
Outra vaca máis no millo! | O que nos faltaba! Outro que tal baila! |
Verlle o cu á carriza/curuxa! | Pasar por unha situación moi má; presentir un perigo ou dificultade |
Quen ten cu ten medo! | Que as fai, ten medo ou está intranquilo. |
Poñerse na fura de diante | Alporizarse, axitarse |
Estar levado do diaño/demo | Estar moi enfadado |
Non me gustaría estar no seu pelello! | Non me gustaría estar no seu lugar |
Facerlle as beiras (a alguén) | (1) Gabar alguén para conseguir algo. (2) Namorar alguén |
Facer bo a alguén | Levar alguén polo bo camiño |
Nin fai nin desfai, nin arre nin xo, nin ata nin desata | Nin unha cousa nin a outra, a medias tintas |
Estalle a vir Pedro Chosco! | Estalle a vir o sono |
Medirlle o lombo, sacarlle do lombo, calcarlle as costas a alguén | Baterlle a alguén |
Encher a andorga, o bandullo | Fartarse de comida |
Mallar en alguén coma en centeo verde | Pegarlle unha gran malleira a alguén |
Parar todo en fume | Quedar en nada, non se levar a cabo un asunto |
Andar ao rabo dun | Andar detrás, xeralmente molestando |
Andar á xaneira | Andar en celo |
Estache bo o choio! Estache bo o biolo! | Estar mal ou complicado o asunto |
Manda carallo! Vaites, vaites! | Expresións que indican sorpresa |
Tras do que non corro non canso | Non me importa nada,non se me dá nada |
Aínda non lle caeu a casca do cu | Ser inmaduro, infantil |
Confundir o cu coas témporas | Estar completamente desinformado |
Andar con díxome-díxomes | Andar con contos |
Andar de cacho para cribo, de cacho para cabazo | Andar dun sitio para outro |
Falar dos biosbardos, falar do xato e esquecer o trato, falar das nubes | Irse do tema |
Andar na(s) verza(s)/uvas, estar nas patacas, andar aos biosbardos | Estar despistado |
Diga a miña veciña e teña o meu fol fariña | Non importar o que digan os máis |
Vaillo contar a túa avoa | Non crer nada do que se está a dicir |
Acabouse o conto, morra o conto! | Dar por rematada unha polémica, non se fale máis |
Orneos de burro non chegan ao ceo | Desacreditar o que se está escoitando |
Aprendiz de moitas ciencias, mestre de poucas sabencias | O que di saber de todo, non sabe de nada |
Varrer para a casa, leva-la auga para o seu muíño/rego | Antepoñer os seus intereses |
Coller folgos, coller azos | Coller ánimo |
Madia leva | Así calquera; úsase para expresar acordo. |
A máis non dar, a correr | Con moita présa, ás carreiras |
Cada moucho no seu souto,cada rato no seu burato | Cada un ao seu |
Non hai quen lle tusa, ser o galo do poleiro | Ter moitos fumes |
Cara de ferreiro/can | Cara de poucos amigos |
Botar terra ao asunto | Dar por rematado un asunto ou discusión |
Chegar e encher | Ter ou dar moitas facilidades |
Dar a roncha | Causar molestia |
De bo/mal aire/lúa | De bo/mal humor |
De bo ano | con bo aspecto |
Pola/coa boca pequena | Por detrás |
Ás carreiras, a lume de carozo | Con moita présa |
Con pés de la, con pés de manteiga | Con moito coidado |
Chorar ás cuncas, chorar os sete chorares, chorar a fío | Chorar desconsoladamente |
De tal pau, tal acha; fillo de porco marrán seguro; de tal pano, tal saia | O carácter e os costumes xustifícanse por cuestións hereditarias; fai como o pai ou como a familia. |
Nunca choveu que non escampase | Todos os males teñen remedio |
Dime con quen vas e direiche o que fas | Pódese coñecer a un polas compañías que frecuenta |
Meu dito, meu feito | "Dito e feito" |
Baixar as orellas, marchar coas orellas gachas, co rabo entre as pernas | Acovardarse |
Durmir coma unha pedra | Ter un sono moi profundo |
Duro de cascos | Pouco intelixente |
Non hai mellor palabra que a que está por dicir | É mellor estar calados |
Deus é bo e o demo non é malo | Nin si, nin non |
En todas partes hai cans descalzos, toda a terra éche país | En todas partes é parecido |
Estache boa a navalla! (que non corta o queixo fresco) | Sorpresa ou estrañeza ante algo novo, xeralmente con matiz de desacordo ou rexeitamento |
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para frase.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
- Exercicios con xiros idiomáticos galegos en Wikibooks
- Exercicios con refráns galegos en Wikibooks