Conflito polo nome de Macedonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Conflito polo nome Macedonia")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
A República de Macedonia (en vermello) e a Macedonia grega (en verde).

Cos nomes de conflito polo nome de Macedonia ou disputa sobre o nome de Macedonia coñécese un conflito entre Grecia e a República de Macedonia causado polo desacordo entre os dous países polo uso do termo Macedonia.

O goberno grego opúñase ao uso de dita denominación por parte do goberno macedonio debido á ambigüidade que este termo creaba entre a República de Macedonia e a rexión grega de Macedonia.

Esta disputa intensificouse até o punto de requirir mediación internacional por parte da Organización das Nacións Unidas.

Frecuentemente usouse a referencia provisional "Antiga República Iugoslava de Macedonia" (ARIM polas súas siglas en galego, FYROM polas siglas en inglés de Former Yugoslav Republic of Macedonia) por parte daqueles países que non recoñecían o nome constitucional República de Macedonia. Pese a iso, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aceptaría calquera conclusión que acabase coa disputa entre ambos os países.[1] O debate causado polas posturas de ambas as nacións involucrou a participación de políticos, académicos e medios de comunicación.[2]

Realizáronse toda unha serie de negociacións para a resolución da disputa, incluíndo o cumio da OTAN de 2008 en Bucarest. Estes intentos de resolver a contenda fracasaban e impedían o ingreso de Macedonia na OTAN debido a obxeccións por parte de Grecia. O 12 de xuño de 2018, alcanzouse un acordo segundo o cal a república de Macedonia sería rebautizada como república de Macedonia do Norte.

Historia[editar | editar a fonte]

Bandeira da República de Macedonia entre 1992 e 1995 co Sol de Verxina no centro.
Bandeira actual da República de Macedonia.
A bandeira azul coa estrela arxéada, usada na rexión grega de Macedonia.

Despois da independencia da República de Macedonia en 1991, atrasouse constantemente o seu ingreso na Organización das Nacións Unidas e na Comunidade Económica Europea (CEE) (despois de 1992, Unión Europea (UE), tas o Tratado da Unión asinado en Maastricht), pola oposición de Grecia. A CEE durante o Comité de Arbitraxe Badinter declarou que a República de Macedonia satisfacía as condicións para o seu recoñecemento internacional, aínda que o goberno grego declarou á súa inconformidade respecto a esta declaración polas súas diferenzas co goberno macedonio polo nome do país, a súa constitución a a súa bandeira (debido ao uso do símbolo do Sol de Verxina ou estrela arxéada, un símbolo propio da histórica rexión grega de Macedonia).[3][4]

Nun intento de invalidar a decisión do recoñecemiento internacional da República de Macedonia, o goberno grego intentou persuadir (infrutuosamente) a CEE para que aprobase un decreto de recoñecemento pero coa condición de vetalo, se sostiña "unha posición hostil cara a Grecia mediante o uso de propaganda e dunha denominación que implique reclamacións territoriais".[5]

Os máis importantes partidos políticos de Grecia acordaron o 13 de abril de 1992 que a palabra Macedonia non podería usarse no nome do novo país.[6]

A diáspora grega en Estados Unidos tamén apoiou a decisión do goberno grego por medio de anuncios nas edicións do New York Times entre o 26 de abril e o 10 de maio de 1992 que exhortaban o presidente George Bush a "non ignorar as inquedanzas do pobo grego recoñecendo a República de Skopje como Macedonia".[7]

Como consecuencia, o Consello Europeo en 1992 expresou a súa disposición de "recoñecer a Antiga República Iugoslava de Macedonia e as súas fronteiras (...) baixo un nome que non incluíse o termo Macedonia".[8]

Macedonia intentou ingresar na ONU o 30 de xullo de 1992, pero só uns poucos países como Bulgaria e Turquía recoñeceran o seu nome constitucional antes da súa admisión na ONU, en 1993.[9]

O estalido na rexión da guerra de Bosnia, ocorrida en Bosnia e Herzegovina e Croacia, obrigou a comunidade internacional a acelerar a estabilización de Macedonia. O conflito motivou o envío da misión de paz por parte da UNPROFOR en decembro de 1992 para evitar posíbeis violacións das fronteiras por parte de Serbia.[10][11]

Grecia e a República de Macedonia estableceron un acordo provisional firmado en Nova York o 13 de setembro de 1995 con mediación da ONU. Baixo este convenio, a República de Macedonia retirou o símbolo do Sol de Verxina da súa bandeira, así como as cláusulas da súa constitución de 1991 que fomentaban o irredentismo.[12]

Este compromiso permitiu a integración da República de Macedonia en varios organismos internacionais como o Consello de Europa, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa e a Asociación para a Paz.[13]

Así e todo, non houbo un consenso en identificar cada un dos países polo seu nome, o que evitou o rexeitamento dos representantes gregos a usar o termo Macedonia para referirse a este país.[14] Finalmente o acordo fíxose efectivo o 15 de outubro de 1995, e Grecia levantou o embargamento económico a Macedonia.

Porén, o diferendo seguía sen resolverse, e aínda en outubro de 2010 o presidente do Consello Europeo Van Rompuy pedía, nunha visita a Skopje unha solución ao litixio sobre o nome de Macedonia.[15]

O 12 de xuño de 2018, alcanzouse un acordo[16] entre o primeiro ministro grego Alexis Tsipras e o seu homólogo macedonio Zoran Zaev,[17] segundo o cal a república de Macedonia sería rebautizada como "república de Macedonia do Norte".[18][19] O 30 de setembro de 2018 realizouse un referéndum en Macedonia do Norte en que os votantes afirmaban o seu apoio á entrada na Unión Europea e a OTAN aceptando o acordo, aínda que cun 37% de participación.[20] O 12 de febreiro de 2019, despois de que o acordo fose ratificado por ambas as partes, entrou en vigor resolvendo a disputa e desbloqueando os obxectivos euroatlánticos do país.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Macedonian Airport Lifts Name Dispute to New Heights". Balkan Investigative Report Network (en inglés). 18/1/2007. Consultado o 16/12/2011. 
  2. Danforth, Loring M. (1997): The Macedonian Conflict. páx. 28.
  3. Hamilakis, Yannis (2007): The Nation and Its Ruins: Antiquity, Archaeology, and National Imagination in Greece. Oxford University Press, páx. 131.
  4. Cowen, Regina (1993): Central and Eastern Europe: The Challenge of Transition. Oxford University Press, páx.191.
  5. Veremis, Thanos (2004): Greece: The Modern Sequel: from 1831 to the Present. C. Hurst & Co. Publishers, páx. 316.
  6. Couloumbis, Theodore C. & al. (2003): Greece in the Twentieth Century. Routledge, páxs. 146-147.
  7. Shea, John (1997): Macedonia and Greece: The Struggle to Define a New Balkan Nation. McFarland & Company. páxs. 185-186.
  8. "European Council in Lisbon 26/27 June 1992 (pdf)" (PDF) (en inglés). Consultado o 16/12/2011. 
  9. Jeffries, Ian (2003): The Former Yugoslavia at the Turn of the Twenty-first Century. Routledge, páx. 54
  10. Pachón, Mabel (2006): Diccionario Enciclopédico Mega Siglo XXI. Editorial Norma, páx. 552
  11. "Former Yugoslavia - UNPROFOR, Department of Public Information, United Nations. 31 August 1996" (en inglés). Consultado o 16/12/2011. 
  12. Grecia y Macedonia firman un primer acuerdo diplomático vinculante y normalizan relaciones Diario El Mundo (España) (en castelán) Consultada o 16/12/2011.
  13. Osmańczyk, Edmund Jan (2002): Encyclopedia of the United Nations and International Agreements, páx. 1355.
  14. Frowein, Jochen A. (1998): Max Planck Yearbook of United Nations Law 1997. Martinus Nijhoff Publishers, páx. 239-240
  15. Diario El Mundo (España) (en castelán) Consultada o 16/12/2011.
  16. "The Prespa Agreement (English)" (PDF). 
  17. "‘We have a deal,’ Greek PM says over FYROM name row | Kathimerini". ekathimerini.com (en inglés). Η Καθημερινή. 12 de xuño de 2018. Consultado o 12 de xuño de 2018. 
  18. "Greece ends 27-year Macedonia name row". BBC News. 12 de xuño de 2018. Consultado o 12 de xuño de 2018. 
  19. "Tsipras: Republic of North Macedonia' for universal use". Kathimerini. 12 de xuño de 2018. Consultado o 27 de xuño de 2018. 
  20. "Macedonia sets Sept. 30 for referendum on name deal with Greece". Channel NewsAsia (en inglés). Consultado o 19 de outubro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Borza, Eugene N. (1999): Before Alexander: constructing early Macedonia. Claremont, CA: Regina Books. ISBN 0-941690-97-0
  • Danforth, Loring M. (1995), The Macedonian Conflict: ethnic nationalism in a transnational world Princeton, NJ: Princeton University Press. ISBN 0-691-04357-4
  • Fox, Robin Lane (1973): Alexander the Great. Penguin Books.ISBN 0-14-008878-4
  • Wilkinson, Henry Robert (1951): Maps and politics; a review of the ethnographic cartography of Macedonia. Liverpool: Liverpool University Press.
  • Igor Janev, Legal Aspects of the Use of a Provisional Name for Macedonia in the United Nations System, AJIL, Vol. 93. Modelo:Numéro, 1999.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]