Coencima A
O coencima A ou coenzima A (abreviado como CoA, CoASH, ou HSCoA) é un coencima, moi importante no metabolismo dos ácidos graxos e na oxidación do piruvato e ciclo de Krebs. Todos os xenomas secuenciados ata agora codifican encimas que usan o coencima A como substrato e arredor do 4% dos encimas celulares utilízano como substrato como tal ou como algún tioéster seu (como o acetil-CoA, por exemplo).
A molécula consta dos seguintes compoñentes:
- un nucleótido de adenina con tres fosfatos, un deles no carbono 3', e os outros dous en forma de pirofosfato unido ao carbono 5'.
- un pantotenato (ácido pantoténico) derivado da vitamina B5, unido ao pirofosfato.
- unha cisteamina (ou β-mercaptoetanolamina) unida ao pantotenato. Esta é a molécula que leva o grupo reactivo do coencima, un grupo tiol ou -SH, por onde se enlaza aos acilos que transporta.
Biosíntese
[editar | editar a fonte]O coencima A sintetízase nun proceso en cinco pasos a partir do pantotenato e a cisteína:
- O pantotenato (vitamina B5) fosforílase a 4'-fosfopantotenato por acción do encima pantotenato quinase (PanK; CoaA; CoaX)
- Engádese despois unha cisteína ao 4'-fosfopantotenato polo encima fosfopantotenoílcisteína sintetase (PPC-DC; CoaB) para formar 4'-fosfo-N-pantotenoilcisteína (PPC)
- A PPC é descarboxilada a 4'-fosfopanteteína pola fosfopantotenoilcisteína descarboxilase (CoaC)
- A 4'-fosfopanteteína é adenilada para formar desfosfo-CoA en reacción catalizada polo encima fosfopanteteína adenilil transferase (CoaD)
- Finalmente, a desfosfo-CoA é fosforilada usando ATP para formar o coencima A polo encima desfosfocoencima A quinase (CoaE).
Función
[editar | editar a fonte]Como o coencima A é, quimicamente, un tiol, pode reaccionar con ácidos carboxílicos formando tioésteres, funcionando como un transportador de grupos acilo. O coencima A actúa na transferencia de ácidos graxos do citoplasma á mitocondria. Cando a molécula de coencima A transporta un grupo acetilo denomínase acetil-CoA ou, ás veces, pode escribirse acetil-S-CoA (indicando o S por onde se une ao acilo). Cando non está unida a un grupo acilo abréviase como CoA ou tamén como CoASH ou HSCoA ou CoA-SH, indicando o grupo -SH por onde se enlazaría ao acilo, que está libre.
O coencima A é tamén a fonte do grupo fosfopanteteína que se engade como grupo prostético a proteínas como as proteínas carrexadoras de acilos e a formiltetrahidrofolato deshidroxenase.[1][2]
Lista de grupos acilo activados polo coencima A
[editar | editar a fonte]- Acetil-CoA
- Propionil-CoA
- Acetoacetil-CoA
- Coumaroíl-CoA (usado na biosíntese de flavonoides e estilbenoides)
- Acil derivados de ácidos dicarboxílicos
- Malonil-CoA
- Succinil-CoA (usado na biosíntese de grupos hemo)
- 3-hidroxi-3-metilglutaril-CoA (usado na biosíntese de isoprenoides)
- Pimelil-CoA (usado na biosíntese de biotina)
- acilo graxo-CoA (forma activada dos ácidos graxos; só os ésteres do CoA son substratos de reaccións tan importantes como as biosínteses de mono-, di-, e triacilglicéridos, as reaccións da carnitina palmitoíl transferase, ou a esterificación do colesterol)
- Benzoíl-CoA
- Butiril-CoA
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Elovson J, Vagelos PR (1968). "Acyl carrier protein. X. Acyl carrier protein synthetase". J. Biol. Chem. 243 (13): 3603–11. PMID 4872726.
- ↑ Strickland KC, Hoeferlin LA, Oleinik NV, Krupenko NI, Krupenko SA (2010). "Acyl carrier protein-specific 4'-phosphopantetheinyl transferase activates 10-formyltetrahydrofolate dehydrogenase". J. Biol. Chem. 285 (3): 1627–33. PMC 2804320. PMID 19933275. doi:10.1074/jbc.M109.080556.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Karl Miller (1998). Beta Oxidation of Fatty Acids. Consultado o 18 de maio de 2005.
- Charles Ophard (2003). Acetyl-CoA Crossroads. Consultado o 18 de maio de 2005.
- Lehninger: Principles of Biochemistry, 4th edition, David L. Nelson, Michael M. Cox
- http://www.elmhurst.edu/~chm/vchembook/621fattyacidrx.html Arquivado 17 de maio de 2013 en Wayback Machine.