Clement Greenberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Clement Greenberg
AlcumeK. Hardesh
Nacemento16 de xaneiro de 1909
 Bronx
Falecemento7 de maio de 1994
 Nova York
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterUniversidade de Syracuse, Art Students League of New York e Erasmus Hall High School
Ocupacióncoleccionista de arte, historiador da arte, crítico de arte e xornalista
Coñecido/a porAvant-Garde and Kitsch
editar datos en Wikidata ]

Clement Greenberg, nado en Nova York o 16 de xaneiro de 1909 e finado na mesma cidade o 7 de maio de 1994, foi un influente crítico de arte estadounidense moi relacionado co movemento abstracto no seu país. En particular, promoveu o movemento do expresionismo abstracto e tivo relacións moi estreitas co pintor Jackson Pollock. Ocasionalmente escribiu baixo pseudónimo de K. Hardesh.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Clement Greenberg naceu no barrio do Bronx en 1909. Os seus pai eran inmigrantes xudeus de clase media, e el era o máis vello de tres fillos. Dende a súa infancia, Greenberg debuxaba compulsivamente, ata que na súa mocidade se centrou na literatura.

Greenberg asistiu ao Erasmus Hall High School, a escola Marquand para nenos e á Universidade de Syracuse, da que se graduou cun bacharelato en artes en 1930, cum laude.[1] Durante os seguintes anos, viaxou polos Estados Unidos traballando no negocio de mercadorías do seu pai, mais o traballo non era axeitado para as súas inclinacións, así que o deixou para traballar como tradutor. Greenberg casou en 1934, tivo un fillo o ano seguinte, e no seguinte estaba divorciado. En 1936, Greenberg tivo unha serie de empregos co goberno federal, dende a Administración de Servizos Civís ata a Administración de Veteranos e finalmente da división de avaliacións do servizo de aduanas en 1937. Nese momento comezou a escribir en serio, e pouco despois publicou nunha serie de pequenas revistas e xornais literarios.[2]

Kitsch[editar | editar a fonte]

Destacou por vez primeira como crítico de arte co seu artigo "Avant-Garde and Kitsch", publicado por vez primeira no xornal Partisan Review de 1939. Neste artigo Greenberg afirmou que a vangarda e a arte moderna foi un medio de resistirse á nivelación da cultura producida pola propaganda capitalista. Greenberg apropiouse da palabra alemá kitsch para describir este consumismo, aínda que as súas connotacións cambiaron dende entón cara a unha noción máis afirmativa de materiais de refugallo da cultura capitalista. A arte moderna, como a filosofía, explorou as condicións baixo as que se experimenta e se entende o mundo.

Expresionismo abstracto[editar | editar a fonte]

Nos anos posteriores á segunda guerra mundial, Greenberg considerou que os mellores artistas de vangarda estaban a xurdir nos Estados Unidos e non en Europa.[3] Defendeu en particular a Jackson Pollock como o mellor pintor da súa xeración, conmemorando os lenzos de «pintura xestual» all over. No artigo do ano 1955 titulado "American-Type Painting", Greenberg defendeu a obra dos expresionistas abstractos, entre eles Pollock, Willem de Kooning, Hans Hofmann, Barnett Newman, e Clyfford Still, como a seguinte etapa na arte moderna, afirmando que estes pintores estaban a avanzar cara a unha maior énfase na «planeidade» do plano pictórico. Greenberg afirmou que este carácter plano separaba a súa obra da dos antigos mestres, que consideraban o carácter plano do lenzo como un obstáculo para a pintura. Greenberg defendeu un método de autocrítica que permitise que a pintura abstracta pasase de ser «decorativo papel pintado» a unha auténtica arte. Consideraba que os Estados Unidos se converteron no gardián da «arte avanzada». Encomiou movementos similares que estaban a ter lugar no estranxeiro e, despois do éxito da exposición de Painters Eleven en 1956 cos artistas abstractos estadounidenses na galería Riverside de Nova York, viaxou a Toronto a ver a obra do grupo en 1957. Quedou particularmente impresionado polo potencial de pintores como William Ronald e Jack Bush, e máis tarde trabaou unha íntima amizade con Bush. Greenberg viu na obra post-Painters Eleven de Bush unha clara manifestación do cambio dende o expresionismo abstracto cara á pintura dos campos de cor e a abstracción lírica, un cambio que el reclamara na maior parte dos seus escritos da época.

Rexeitou o pop art da década de 1960, unha tendencia claramente influída pola cultura kitsch. A súa oposición ás teorías postmodernas e aos movementos socialmente comprometidos dentro da arte levaron a que fose rexeitado por artistas e historiadores da arte posteriores.

Abstracción postpictórica[editar | editar a fonte]

Co tempo, Greenberg preocupouse porque algúns expresionistas abstractos quedaran reducidos a un «conxunto de manierismos» e buscou unha nova serie de artistas que alcanzasen unha certa pureza que revelase a veracidade do lenzo, e os aspectos bidimensionais do espazo («planeidade»). Greenberg cuñou a expresión «abstracción postpictórica» para distinguilos do expresionismo abstracto, ou abstracción pictórica, tal como Greenberg prefería chamala. A abstracción postpictórica reaccionou contra a abstracción xestual e ramificouse en dous grupos, os pintores Hard-Edged como Ellsworth Kelly e Frank Stella, que exploraron as relacións entre formas e bordos, e os pintores Color-Field como Helen Frankenthaler e Morris Louis, quen verteron pintura diluída no lenzo sen imprimación para explorar os aspectos da cor pura e fluída.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Greenberg foi interpretado polo actor Jeffrey Tambor no filme de 2000 Pollock, sobre a vida de Jackson Pollock.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alice Goldfarb Marquis, "Art Czar: The Rise and Fall of Clement Greenberg", MFA Publications, Boston, 2006, pp. 7–9, 12–13
  2. Greenberg, Clement (1995). "Autobiographical Statement". The Collected Essays and Criticism, Volume 3: Affirmations and Refusals, 1950–1956. Chicago: University of Chicago Press. p. 195. ISBN 0226306232. 
  3. Frances Stonor Saunders, The Cultural Cold War: The CIA and the World of Arts and Letters, New York: The New Press, 1999, pp. 158, 199, 255, 258, 275, 277.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]