Clave (notación musical)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Clave (música)»)

Na notación musical, unha clave serve para indicarlle ao músico como ler o pentagrama. Como a notación musical é relativa, cada nota pode ocupar calquera liña ou espazo na pauta. A clave indica cal é a posición dunha das notas e todas as demais son lidas en referencia a esa nota. Cada tipo de clave define unha nota diferente de referencia. A figura de abaixo mostra as claves máis frecuentes e as notas que elas definen. A nota destacada ao final de cada pauta é a nota de referencia.

Tipos de claves[editar | editar a fonte]

Liñas e espazos suplementarios.

As distintas claves existen para permitir a escrita para instrumentos musicais ou voces, que posúen tesituras diferentes, ou sexa, algúns son moito máis graves ou agudos que os outros. Cando se utilizan só as cinco liñas e catro espazos da pauta, só é posíbel representar nove notas musicais, mais a maior parte dos instrumentos posúe unha extensión moito maior, o que esixe a utilización de liñas e espazos suplementarios enriba ou debaixo da pauta. O uso de até tres liñas suplementarias por arriba ou por abaixo é practicamente inevitábel na maior parte das composicións, mais se usamos moitas liñas suplementarias a lectura tórnase moi difícil.

Ao utilizar claves diferentes pódese lograr que a maior parte das notas utilizadas polo instrumento estean representadas dentro da pauta e que se utilice o mínimo de liñas suplementarias.

Aínda que xa existiron moitas claves, só tres continúan a ser usadas na notación musical moderna: a clave de sol, a de fa e a de dó. O deseño das claves sufriu diversas alteracións desde a súa creación. Na súa forma moderna, unha clave de sol aseméllase a unha letra "S" maiúscula na súa forma cursiva. A de fa aseméllase a un "F" e a de dó parece un "B" maiúsculo ou dous "Cs" invertidos, un sobre o outro. A liña indicada pola clave recibe o nome da clave, ou sexa, a clave de Sol, define o Sol da oitava 3 (enriba do Dó central do piano). A clave de Fa define que a liña por ela indicada representará o Fa da oitava 2 e o de dó indica o Dó-3 (o dó central do piano).

Cada unha das claves pode, teoricamente, ocupar calquera liña na pauta, mais como só algunhas posibilitan os mellores resultados, na práctica as posicións utilizadas son as mostradas na figura de embaixo.

Clave de sol[editar | editar a fonte]

A clave de sol, xuntamente coa clave de fa na cuarta liña, é a máis utilizada na música actual. Coa posición mostrada na figura, a nota Sol-3 ocupa a segunda liña de baixo para arriba, indicada polo inicio do deseño (punta da liña curva). Nalgunhas partituras antigas ou para fins de estudo, principalmente en Francia, esta clave tamén pode ocupar a primeira liña, permitindo representar unha tesitura lixeiramente máis aguda.

Cando está na segunda liña, o Do central do piano ocupará a primeira liña suplementaria inferior. Por esta razón, esta clave utilízase para representar a man dereita en instrumentos de teclado. Utilizan esta clave a maior parte dos instrumentos de madeira (frautas, clarinete, óboe), os metais máis agudos (trompeta, trompa, flugelhorn), así como o violín, o violón e algúns instrumentos de percusión afinábeis. As voces máis agudas (soprano, contralto e tenor) tamén se escriben normalmente en clave de sol.

Clave de fa[editar | editar a fonte]

Nesta clave, a liña de referencia está indicada polos dous puntos e asume a nota Fa-2. A posición máis frecuente é a cuarta liña. Con esta configuración, a nota Dó-3 do centro do piano ocupa a primeira liña suplementaria superior. Por esta razón, acostúmase dicir que a clave de fa comeza onde a de sol termina.

Esta clave é utilizada na escrita da man esquerda dos instrumentos de teclado, instrumentos de rexistro grave, como o violoncello, o contrabaixo, o fagot e o trombón, ben como as voces máis graves (barítono e baixo).

Tamén é posíbel escribir a clave de fa na terceira liña, posibilitando un rexistro lixeiramente máis agudo. No pasado esta clave era utilizada para o barítono, mais o seu uso na música actual é raro.

Clave de dó[editar | editar a fonte]

A nota Dó-3 é indicada polo centro da figura (o encontro entre os dous Cs invertidos). Orixinalmente a clave de dó foi creada para representar as voces humanas. Cada voz escribíase coa clave de dó nunha das liñas. O alto representábase coa clave na terceira liña, o tenor na cuarta liña e o mezzo-soprano representábase coa clave de Dó na segunda liña. Este uso tornouse cada vez menos frecuente e esta clave foi substituída polas de sol para as voces máis agudas e a de fa para as máis graves.

Hoxe en día, a posición máis frecuente é a mostrada na figura, co dó na terceira liña, representando unha tesitura media, exactamente entre as de sol e fa. Un dos únicos instrumentos en utilizar esta clave na súa escrita normal é a viola. Esta clave tamén pode aparecer ocasionalmente en pasaxes máis agudas do trombón. Ten aínda un uso vocal cando se empregan partituras antigas.

Clave de percusión[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Clave de percusión.

Esta clave non ten o mesmo uso que as demais. A súa utilización non permite determinar a altura das liñas e espazos da pauta. Serve só para indicar que a clave será utilizada para representar instrumentos de percusión de altura non determinada, como unha batería, un tambor ou un conxunto de congas. Neste caso as notas posiciónanse arbitrariamente na pauta, indicando só as alturas relativas. Por exemplo, nunha batería, o bombo pode ser representado na primeira liña por ser o tambor máis grave e un timbal pode estar nunha das liñas máis altas por se tratar dun instrumento máis agudo.

Os instrumentos de percusión afinábeis utilizan notación coas claves melódicas. Os tímpanos, por exemplo, escríbense na clave de fa.