Clärenore Stinnes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Clärenore Stinnes
Nacemento21 de xaneiro de 1901
 Mülheim an der Ruhr
Falecemento7 de setembro de 1990
 Suecia
NacionalidadeAlemaña
Ocupaciónpiloto de automobilismo e escritora
PaiHugo Stinnes
CónxuxeCarl-Axel Söderström
editar datos en Wikidata ]
Adler Estándar 6, o modelo que Stinnes conduciu na súa viaxe.

Clärenore Stinnes, nada en Mülheim an der Ruhr, foi un expedicionaria alemá e a primeira muller en dar a volta ao mundo en coche.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Seu pai era o magnate da industria e político alemán Hugo Stinnes. Con tan só 24 anos participou na súa primeira carreira automobilística, e en 1927 xa se atopaba entre as mellores pilotos europeas daquela época. O 25 de maio de 1927 emprendeu unha viaxe ó redor do mundo xunto con Carl-Axel Sóderström, a quen coñecera só dous días antes de saíren nun Adler/Standard 6 de serie xunto con dous mecánicos e unha camioneta de apoio con pezas de recambio e o resto do equipo. A aventura contou cunha subvención de 100.000 marcos aportados pola industria automobilística alemá (Adler, Bosch e Aral).

Atravesaron os Balcáns e logo de pasar por Beirut, Damasco, Bagdad e Teherán chegaron a Moscova, onde abandonou a expedición por enfermidade un dos mecánicos. Cando atravesaban Siberia o segundo mecánico tamén decidiu deixar a aventura, de modo que a partir de entón só quedaron Clara e Carl-Axel. Ao chegaren a Irkurst, nas beiras do lago Baikal, tiveron que facer unha parada en medio do cru inverno siberiano. Foron os primeiros en atravesar nun vehículo a motor o lago Baikal xeado.

Cruzaron Mongolia, o deserto do Gobi e chegaron a Pequín e de alí, en transbordador pasaron a Xapón, onde escalaron o monte Fuji. Atravesaron o Pacífico con escala en Hawai ata América do Sur.

Atravesaron a cordilleira dos Andes, onde sufriron numerosas penurias e estiveron a piques de morrer de inanición. Chegaron entón a Valparaíso (Chile), onde embarcaron en dirección aos Estados Unidos, pasando por Panamá. Dende Os Ánxeles atravesaron os Estados Unidos, onde recibiron o recoñecemento xeral da poboación e das autoridades. En Detroit o propio Henry Ford amosoulles a súa fábrica e, logo de chegaren a Washington, foron recibidos na Casa Branca polo presidente Herbert Hoover. Viaxaron en barco ata Le Havre e de alí a Berlín, onde de novo foron recibidos con honores polos seus compatriotas o 24 de xuño de 1929, tras completar un periplo de 47.000 quilómetros en coche.

Á volta da viaxe, Carl-Axel Sóderström divorciouse da súa esposa sueca para casar coa súa compañeira de aventura. A parella instalouse en Suecia e tiveron 3 fillos naturais e varios adoptados. Carl-Axel morreu en 1976 e Clara en 1990.

Nos anos 80 un cineasta alemán elaborou unha película a partir das gravacións realizadas durante a viaxe, a cuxa presentación en Hamburgo acudiu a propia Clara Stinnes[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Vor 80 Jahren um die Welt". Welt Online (en alemán). 3 March 2007. Consultado o 22 May 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Artigo na revista Time do 26 de setembro de 1927: a filla de Stinnes.
  • Artigo na revista Time do 11 de xuño de 1928: Fraulein and Swede.
  • Entrada na IMDb sobre o documental do ano 2009 titulado "Fräulein Stinnes f¨hart um die Welt (a señorita Stinnes dá a volta ó mundo).