Saltar ao contido

Churro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
  • Este artigo trata sobre un doce, para a raza ovella véxase: Ovella churra.
Churros con chocolate quente

Un churro[1] é unha masa frixida, xeralmente de forma cilíndrica e estriada, elaborada con fariña e auga, que adoita servirse cuberta de azucre[2]. É un alimento de orixe ibérica, moi popular tamén nos países latinoamericanos.

As persoas que elaboran e/ou venden churros chámanse de churreiros ou churreiras[3].

Preparación

[editar | editar a fonte]

O doce prepárase cunha masa a base de fariña triga e auga, de forma cilíndrica e frixido en aceite vexetal. Despois adóitaselle engadir unha camada de azucre por fóra (opcionalmente, tamén con canela). Sendo un doce orixinario de Portugal e España, consómese bastante nos países hispano-americanos, desde México até a Arxentina.

A preparación do churro faise cunha ferramenta na cal a masa fica almacenada e, a través dun dispositivo de presión, como unha manivela, envía a masa a un molde, que lle dá o aspecto estriado á mesma. Despois fríxese en aceite vexetal e déixase en repouso até que se lle bota o azucre ou o chocolate por riba ou se rechea.

Variantes

[editar | editar a fonte]

Unha variante dos churros, e máis grosas, son as porras[4], feitas cunha masa semellante mais incorporando bicarbonato sódico, e un chisco máis de auga, facéndoas máis ocas e crocantes. Son típicas de Madrid. Outra variante de igual masa son os chamados buñuelos (semellantes á masa das chulas galegas), e vinculadas nalgúns lugares de España á festividade de Todos os Santos (1º de novembro), mais en forma de bólas frixidas. Os coñecidos coma buñuelos de viento adoitan ir recheos de nata, chocolate, crema, moka... Posteriormente se empoan con azucre glas. Nalgúns países como no Brasil, o Uruguai ou na Arxentina os churros van recheos de doce de leite ou chocolate; tamén se poden atopar en España e Portugal recheos de chocolate, nata ou crema, ou cubertos de chocolate; mais non son tan comúns.

Porras recheas de crema pasteleira e chocolate.

En Galicia e Portugal, aínda que hai churrarías, adoitan frixilos e distribuílos vendedores ambulantes en carrociñas semellantes ás dos bocadillos de salchichas (hot-dogs) en eventos a ceo aberto, como feiras e festas municipais. Tamén é común mollar os churros en chocolate quente nas tardes de inverno, como almorzo, merenda, ou na mañá de Aninovo despois de saír na Noitevella.

Os churros xa aparecen nomeados na obra da literatura galega: O Tío Marcos da Portela en 1917:

  • E logo? - Qu'aquelo nin foi festa nin cousa que se lle parecese: un rincuncho de feira con media ducia de tabernas i unha de caldeiros de pulpo, catro postos de rosquillas, un de churros, luz escasa, múseca a do río, e pare vosté de contar...[5].

A historia do churro é antiga. Comeza na China, cando os comerciantes portugueses probaron o youtiao (en chinés: "demo frixido en aceite"), unha especie de pauciños de masa dourada salgada que se comían polo almorzo. Cando levaron a Portugal a receita engadiron azucre no canto de sal e introduciron a coñecida forma estriada que hoxe en día temos. Chamóuselle finalmente churro porque a forma do doce lembra aos cornos das ovellas churras; de feito foron os pastores os que popularizaron a receita, pois levaban churros ao monte porque o pan poñíaselles reseso. Os conquistadores levaron os churros a América do Sur[6].

  1. Denominación galega en Vocabulario ortográfico da lingua galega A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  3. {{Cita web |url=http://www.portaldaspalabras.gal/buscador?id=1151032&sinom=0 |título=Denominación en Portal das Palabras da [[RAG |data-acceso=06 de novembro de 2014 |urlarquivo=https://web.archive.org/web/20141106174235/http://www.portaldaspalabras.gal/buscador?id=1151032&sinom=0 |dataarquivo=06 de novembro de 2014 |urlmorta=yes }}
  4. Denominación galega en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  5. Tesouro Informatizado da Lingua Galega
  6. "Churros: a secret history". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2012. Consultado o 6 de novembro de 2014.