Chico Mendes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chico Mendes
Nome completoFrancisco Alves Mendes Filho
Nacemento15 de decembro de 1944
Lugar de nacementoXapuri
Falecemento22 de decembro de 1988
Lugar de falecementoXapuri
Causaferida por arma de fogo
NacionalidadeBrasil
Ocupaciónpolítico, sindicalista e ecoloxista
Premioshonorary doctorate of the Vrije Universiteit Brussel
Na rede
IMDB: nm0578938 Musicbrainz: 87798770-16e4-4eee-8975-926fd3f4d549 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Francisco Alves Mendes Filho, máis coñecido como Chico Mendes, nado en Xapuri, Brasil, o 15 de decembro de 1944, e finado no mesmo concello o 22 de decembro de 1988, foi un recolledor de caucho, sindicalista e activista ambiental brasileiro.[1] Loitou de maneira pacífica contra a extracción de madeira e a expansión dos pasteiros sobre a Amazonía ata que foi asasinado por rancheiros.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Chico Mendes naceu en 1944 nunha plantación de caucho chamada "Bom Futuro" no Estado brasileiro de Acre.[2] Era fillo de Francisco Mendes, descendente dos emigrantes nordestinos asentados desde hai un século na Amazonía. Chico Mendes comezou a traballar aos nove anos e até os 14 non aprendeu a ler. Foi recolledor de caucho (chamados no Brasil seringueiros), ambientalista e socialista. Era un loitador nato e desde mozo desenvolveu unha infatigable labor en defensa dos seringueiros. Participou na creación da Central Única de Trabajadores e do Partido dos Traballadores. Chico Mendes foi o principal impulsor do "Conselho Nacional dos Seringueiros". A súa oposición á deforestación que afectaba a Acre e a súa defensa dos pobos da foresta (indios, recolectores de caucho e habitantes das ribeiras dos ríos, entre outros), deulle unha gran proxección internacional. De seringueiro transformouse en sindicalista e de sindicalista en ecoloxista.

Chico Mendes fundou un sindicato de recolectores de caucho e condutores de camións nun intento por preservar os seus traballos e a selva tropical ao mesmo tempo. Tivo un papel importante na fundación do Consello Nacional dos Recolectores de Caucho e a creación da proposta de Reservas Extractivas para os recolectores. Foi o primeiro presidente da ACRE (CUT de ACRE), fundada en 1984.

A mediados da década de 1980, Chico era coñecido como un sindicalista radical e un activista, aínda que tamén se presentou a varios postos políticos locais, como deputado de estado e concelleiro da cidade.[3]

Conseguiu o apoio internacional e en 1987 recibiu o premio Global 500 pola ONU. Foi asasinado o 22 de decembro de 1988.

Empates[editar | editar a fonte]

O 10 de marzo de 1976 os seringueiros organizaron o primeiro empate (acción non violenta para impedir a talla dun "seringal", área de selva explotada de forma sostible polos recolectores de caucho) en Brasiléia, municipio próximo a Xapuri, en Acre. Entre 1976 e 1988 Chico Mendes e outros como Wilson Pinheiro (asasinado o 21 de xullo de 1980) organizaron 45 empates, cun saldo de 400 detidos, 40 torturados e varios mortos, pero lograron impedir a deforestación de 1,2 millóns de hectáreas de selva. Estas accións sempre chocaron cos intereses dos grandes latifundistas.

Poucos días antes de morrer, Chico Mendes, que tiña cando foi asasinado 44 anos, declarou: "Se descendese un enviado dos ceos e garantíseme que a miña morte facilitaría a nosa loita, até valería a pena. Pero a experiencia ensíname o contrario. As manifestacións ou os enterros non salvarán a Amazonía. Quero vivir."

A morte de Chico Mendes atraeu a atención internacional sobre a destrución da Amazonía e a violación dos dereitos humanos, acabou coa impunidade absoluta e sobre todo posibilitou a creación das chamadas reservas extrativistas.

Morte[editar | editar a fonte]

Foi asasinado o 22 de decembro de 1988, en Xapuri, pequena cidade da Amazonía brasileira próxima a Bolivia.[nota 1] Os asasinos materiais foron o terratenente Darly Alves de Silva e un dos seus 21 fillos, Darcy Alves Pereira, da Unión Demócrata Ruralista. Foron xulgados e condenados a 19 anos de cárcere.[1] No entanto, escaparon en 1993 sen moitos problemas do cárcere de Río Branco, capital do estado de Acre, sendo novamente apresados tres anos máis tarde.

"A Chico gustáballe moito xogar ao dominó. Levaba xogando desde as catro da tarde. Ás seis e media pedinlle que parase, para servir a cea. Entón levantouse da mesa, dixo que ía ducharse e preguntoume se podía usar a toalla que lle regalara polo seu aniversario. Díxenlle que si, tomou a toalla e dirixiuse cara á porta. Abriu un pouco, viu que estaba escuro e volveu. Tomou unha lanterna, abriu a porta e entón disparáronlle".

Ilzamar Gadelha, esposa de Chico Mendes, que entón tiña 24 anos, lembrou con estas palabras os últimos momentos do seu marido. Darly e Darcy eran da Unión Democrática Ruralista, latifundistas brasileiros cunha longa lista de asasinatos no seu haber segundo afirmou a viúva de Mendes.

En honra á súa morte, foi composta a canción "Cuando los ángeles lloran", do grupo mexicano Maná.

Repercusión da súa morte[editar | editar a fonte]

O asasinato de Mendes, de non ser pola repercusión que tivo no Brasil e noutros países, quedaría tan impune como os máis de 1000 crimes de dirixentes sindicais, militantes de esquerda, avogados, sacerdotes da teoloxía da liberación e indíxenas rexistrados nos últimos anos na Amazonía brasileira. Trala morte de Mendes os asasinatos seguíronse producindo, aínda que a unha escala menor, pero coa mesma impunidade. O 26 de marzo de 1998, 10 anos despois, foron asasinados 2 líderes do Movemento de Traballadores Rurais Sen Terra (MST) en Parauapebas, en Pará, un dos municipios onde a loita pola terra é máis violenta. En Pará foron asasinados máis de 500 campesiños pobres na última década. Os conflitos pola terra e a destrución do bosque tropical son as dúas caras da política de ocupación da Amazonía.

O 9 de decembro de 1988, 13 días antes de ser asasinado, Chico Mendes nunha entrevista con Edilson Martins, do diario Xornal do Brasil, afirmou que estaba ameazado polos propietarios da fazenda Paraná, Darly Alves e Alvarino Alves. Desde 1973, eses dous terratenentes tiñan orde de prisión en Paraná (no sur do Brasil), pero o delegado da Policía Federal de Acre, Mauro Spósito, retivo esa orde de prisión.

A implicación da UDR[editar | editar a fonte]

O mesmo Mauro Spósito, que chegou a acusar a Chico Mendes de ter relación cunha entidade "comunista", a Fundación Ford dos Estados Unidos, posteriormente ocupou cargos importantes na Policía Federal.

Un mes antes da morte de Chico, o avogado e terratenente Joao Branco, presidente da UDR de Acre, estivo na facenda de Darly Alves discutindo o asasinato de Chico Mendes, segundo Genesio Ferreira de Silva, un raparigo que por entón tiña 14 anos e era empregado de Darly. Para moitos Joao Branco foi o verdadeiro instigador da morte de Chico Mendes e outros líderes sindicais en Acre, e o auténtico dirixente dun escuadrón da morte na rexión, encamiñado a suprimir toda oposición á expropiación e deforestación da selva. Joao Branco declarou como testemuña no xuízo, pero nunca foi xulgado, e tras pasar varios meses fóra, esperando a que acougase a situación, regresou a Acre, dimitindo como presidente da UDR, a entidade asociativa brasileira que reúne os grandes propietarios rurais.

A UDR de Acree, segundo Chico Mendes, "é o núcleo dun auténtico escuadrón da morte, responsable de numerosos asasinatos". Os seus principais integrantes na época en que Mendes foi asasinado eran Joao Branco; Rubem Branquinho, que foi candidato a gobernador do estado; o exalcalde de Río Branco, Adalberto Aragao; o deputado polo partido Fronte liberal, Joao Tezza; os terratenentes Benedito Rosa Gastao Mota; o exalcalde de Xapuri, Vanderlei Viana, e o que era concelleiro de Brasileia, Luís Assém.

Chico Mendes na cultura popular[editar | editar a fonte]

  • O municipio de Rivas-Vaciamadrid, en España, nomeou así a un centro ambiental. "Centro De Recursos Ambientales Chico Mendes" [4]
  • En 1989 é instituído polo Grupo Tortura Nunca Mais en Río de Janeiro a medalla "Chico Mendes da Resistencia", en memoria aos mortos e desaparecidos da ditadura militar brasileira, que á súa vez rende homenaxe a persoas e entidades que se destacan na loita de resistencia pola defensa dos dereitos humanos. No 2009 este galardón foi outorgado aos cinco heroes cubanos presos en cárceres dos Estados Unidos.[Cómpre referencia]
  • En 1994 estreouse unha película para televisión producida por HBO que conta a vida de Chico Mendes, titulada The Burning Season, protagonizada por Raúl Juliá.[Cómpre referencia]
  • En 1996 a canción "Ao Chico" de Tião Natureza, cantautor, músico e compositor acreano, rende a primeira homenaxe ao activista Chico Mendes. Ironicamente, ambos foron asasinados.
  • En 1996 a banda brasileira Sepultura inclúe no seu disco ¨Roots¨, o tema ¨Ambush¨ en honra ao sindicalista.
  • En 2008 a cadea Discovery Channel Latinoamérica estrea o Documental "Chico Mendes: Defensor del Amazonas".
  • O libro de Javier Moro, Senderos de Libertad a través da historia de Chico Mendes, recrea a epopea do maior plan de colonización xamais emprendido polo home.
  • A canción Enciendo una vela da cantante mexicana Marianne dedícalle unha estrofa ao activista.
  • A canción La memoria do cantautor arxentino León Gieco di "La bala a Chico Mendes en Brasil...".
  • A canción How many People de Paul McCartney foi escrita en memoria do activista.
  • A canción La lucha de The Soulbreaker Company fai referencia directa a Chico Mendes.
  • É nomeado na novela Un viejo que leía novelas de amor de Luís Sepúlveda, onde é mencionado nunha nota do autor: "Esta novela xa nunca chegará ás túas mans, Chico Mendes, querido amigo de poucas palabras e moitas accións..."
  • Unha caricatura súa e o seu nome aparecen cada semana na portada do xornal progresista "Diario Uno" en Chile, espazo no que o personaxe realiza acedas reflexións sobre as autoridades e a realidade política e social.
  • Aparece unha imaxe súa ao principio do videoclip da canción Disparos de silencio de Nach.
  • Na cidade de Córdoba (España) concédese anualmente, e desde 1994, o Premio Chico Mendes ao proxecto máis destacado para a promoción, defensa ou conservación dos valores naturais, culturais, sociais ou económicos do medio ambiente
  • Chico Mendes[5] é tamén o nome dunha banda de Heavy Rock Psicodélico e Instrumental que nace a mediados de 2010 na cidade de Clorinda provincia de Formosa, Arxentina, Chico Mendes (banda).
  • A banda boliviana L4, da cidade de Cobija na fronteira co Brasil, próxima a Xapuri, ten unha canción na súa honra chamada Chico rei.

Eponimia[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Chico Mendes xa avisara doutros crimes levados a cabo polos terratenentes.
Referencias
  1. 1,0 1,1 Se cumplen 25 años del asesinato del activista ambientalista Chico Mendes Consultado o 15 de decembro de 2020.
  2. Into the Amazon:Chico Mendes and the Struggle for the Rain Forest, Augusta Dwyer, Key-Porter Books, Toronto, 1990
  3. Kisaka, Tiago Borges. Integridade ecológica em córregos de floresta de galeria do bioma Cerrado. Biblioteca Central da UNB. doi:10.26512/2015.03.d.18596. 
  4. Centro de Recursos Ambientales Chico Mendes
  5. "Chico Mendes Rock del Monte" (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2020. 
  6. "15 New Species of birds discovered in Amazonia". Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2016. Consultado o 10 de novembro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]