Certeza
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A certeza é un coñecemento seguro, claro e evidente das cousas. Tamén se define como a firme adhesión da mente a algo coñecible, sen temor a errar, a persuasión completa de que se está en posesión da verdade. Se entendemos só o aspecto psicolóxico, referirmonos ao estado ou situación do espírito con relación a un xuízo que se considera verdadeiro e exclúe todo temor a equivocarse. O alcance gnoseolóxico do termo é máis amplo.
A certeza é unha adhesión ou asentimento, que pode proceder do entendemento ou da vontade; aínda que debe responder á obxectividade do xuízo ou á verdade na que se asenta.
Xustificación da certeza
[editar | editar a fonte]É difícil xustificar o termo de certeza debido a que se multiplicaron e diversificaron os campos do saber humano. Por iso hai que aludir a dúas posturas histórias: o escepticismo e o dogmatismo. O escepticismo considera que non hai ningún saber firme, nin se pode encontrar ningunha opinion segura. Mentres que para o dogmatismo a certeza non necesitaría xustificación; xa que as verdades impoñense por si mesmas. Pero o dogmatismo é un realismo inxenuo xa que mantén unha confianza excesiva no poder da razón, así como a admisión dalgunhas verdades indemostrables ou verdades evidentes por si mesmas.
Clases de certeza
[editar | editar a fonte]Pódense facer múltiples clasificación da certeza. Algúns autores distinguen unha certeza subxectiva dunha obxectiva. Podemos diferenciar varias clases de certeza:
- Certeza natural. É a que procede da natureza mesma do home e comprende verdades non só de orde sensible, se non que tamén algunhas pertencentes ao ámbito da metafísica, a moral, a psicoloxía racional etc. A firmeza da adhesión a esas verdades é un feito probado suficientemente. E por enriba desta certeza natural está a reflexa, que se basea nunha reflexión explícita, inmediata ou mediata.
- Certeza de experiencia. O termo experiencia ten o dobre sentido de coñecemento sensible e experimentación científica. Para xustificar a certeza de experiencia déronse moitas solucións, que oscilan entre o materialismo e o idealismo. Sen dúbida, a sensación é un acto do suxeito cognoscente considerado na súa totalidade; de aí que a sensación humana non quede encerrada nos límites do puramente sensible, se non que nela intervén tamén o entendemento.Esta certeza é a base do fundamento da certeza científica e da filosófica.
- Certeza científica. É propia de todas as ciencias, aínda que hai que facer unha nova clasificación:
- Certeza nas ciencias físicas. Como por exemplo as ciencias da natureza, cuxo estudo recae sobre os fenómenos ou aspectos observables e mensurables, é dicir, despois dun complicado proceso de investigación científica xorden as hipóteses, as teorías e as leis. As teorías científicas son esquemas de ordenación e modos de interpretación dos fenómenos; nunca son xerais, e en moitos casos resultan insuficientes para reflectir adecuadamente a realidade. Por iso a súa certeza é só sistemática e hipotética. As leis físicas, non gozan de certeza absoluta porque son limitadas. E en consecuencia, o seu grao de certeza depende do rigor dos procedementos de investigación científica, e especialmente da indución.
- Certeza nas ciencias matemáticas. Nesta ciencia parece máis propio falar de exactitude que de certeza; aínda que o rigor dos procedementos e das operacións matemáticas produce unha grande evidencia, obxectiva. Trátase, dunha certeza puramente formalista, convencional e hipotética.
- Certeza na filosofía. A filosofía, proporciónanos os principios primeiros do ser e do coñecer, que gozan dunha evidencia obxectiva absoluta, polo tanto terán unha certeza tamén absoluta. Esta certeza esixe que se atenda ao seu suxeito. Por iso hai a posibilidade, de innumerables fallos, prexuízos etc. Por iso, debe someterse humildemente aos feitos, estes obrígannos a recoñecer que o repertorio das nosas certezas metafísicas é moi escaso e que incluso nas poucas que posemos, a evidencia obxectiva non é absoluta.
- Certeza histórica. A historia considerase como ciencia no sentido amplo, dada a peculiaridade do seu obxecto. A gran complexidade dos factores que interveñen na elaboración da historia dificultan a súa certeza, aínda que non a imposibilitan.
- Certeza moral. Esténdese en moitos sentidos. É o resultado dunha indución analóxica que nos fai chegar a unha lei de carácter psicolóxico, segundo o cal o suxeito ten unha maneira normal e natural de comportarse. Por conseguinte no sentido estrito prescinde da moralidade da conduta humana. Esta lei psicolóxica a que aludimos é un fundamento suficiente da certeza moral. Neste tipo de certeza debe aplicarse a analoxía, en virtude da cal non se dan propiamente especies de certeza, senón modos esencialmente diversos.
- O problema da certeza libre. Aínda que a primeira vista o pareza, non é un pseudoproblema. Xa que o verdadeiro suxeito da certeza é o home. Hai que distinguir entre as verdades evidentes, e as verdades que só son evidentes. Con respecto a estas, parece necesario admitir que a certeza libre, é aquela na que se dan dous caracteres opostos; a evidencia da testemuña e a escuridade do enunciable.
- A certeza da fe. Esta certeza relacionase coa certeza libre. Enténdese por fe a aceptación dunha testemuña. Aquí incide a cuestión da fe sobrenatural, cuxa problemática pertence case totalmente á teoloxía. No plano sobrenatural, a graza considerase como un dos elementos integrantes do suxeito da certeza e a graza de poder mover, e de feito move a vontade para que esta inflúa na adhesión da mente a verdade relevada.
O criterio de certeza
[editar | editar a fonte]O criterio de certeza debe garantirnos que a firmeza subxectiva da nosa adhesión concorda coa evidencia obxectiva da verdade aceptada. A principal dificultade está en depurar o concepto de obxectividade. Este concepto admite uns grados de obxectividade que permite numerosas matizacións que poden dar á evidencia nas distintas escolas ou tendencias gnoseolóxicas.
Definicións particulares
[editar | editar a fonte]Para a filosofía escolástica tradicional, é o estado firme da mente que se pega a unha verdade. Mentres que para a filosofía moderna, especialmente para a racionalista é o firme asentimento fundado na evidencia do obxecto.
Descartes
[editar | editar a fonte]Descartes distingue dous tipos de certeza: A primeira é denominada moral, xa que di que é suficiente para regular as nosas costumes ou tan grande como a daquelas cousas das cales non acostumamos a dubidar, como por exemplo no que concirne a dirección da vida. Esta primeira certeza xorde da convención da vida social e non pode ser obxecto de demostración. O seu campo de aplicación e moi extenso e, ademais, non e fiable se se quere xustificar dunha forma distinta da convención, costume etc.
A outra é polo contrario fiable.
A outra clase de certeza é cando pensamos que non é en absoluto posible que a cousa sexa distinta de como nós a xulgamos. Está baseada nun principio da metafísica seguro, que é o que, sendo Deus soberanamente bo e fonte de toda verdade, xa que é el quen nos creou, é certo que o poder ou a facultade que nos deu para distinguir o que é verdadeiro do que é falso non se equivoca en absoluto, se a usamos ben, e que nos mostra que evidentemente unha cousa é verdadeiraDescartes
O campo de extensión desta segunda clase de certeza é inmenso: esténdese ao "coñecemento dos corpos do mundo", e a todo o que en relación ten que ver con estes corpos, pode ser demostrado, segundo Descartes polas matemáticas.
Kant
[editar | editar a fonte]Kant di que a certeza vai acompañada da conciencia da necesidade.
Hegel
[editar | editar a fonte]Hegel di que a certeza debese a actividade reflexiva do suxeito de saber, e que por iso expresa a posesión subxectiva dun saber, que é o resultado da identidade entre o individuo e o xeral. Tal identidade aparece na "na razón que observa" e a "realización da autoconciencia racional por si mesma". O problema da certeza e da verdade disólvese na afirmación da racionalidade do real e no concepto de espírito, que á súa vez recibe unha transparencia completa no saber absoluto. En resumo, idealmente, "a verdade non só é en si completamente igual a certeza, senón que tamén ten a figura da certeza de si mesma ou é no seu ser-alí, "é dicir, para o espírito que a sabe, na forma do saber de si mesmo".
As análises de Hegel e o materialismo dialéctico insisten sobre a transformación constante, indispensable segundo eles para que a certeza, satisfacción do coñecemento subxectivo, tenda indefinidamente cara á verdade, satisfacción do coñecemento obxectivo.
Lagneau
[editar | editar a fonte]Lagneau di que a certeza é a disposición intelectual de quen se adhire firmemente o que considera verdadeiro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gran Enciclopedia Rialp. Madrid: Ediciones Rialp. 1971.
- Gran Enciclopedia Larousse. Barcelona. ISBN 84-320-2030-3.
- Léxico de Filosofía los Conceptos y los Filósofos en sus citas. Madrid: Ediciones Akal. 1999. p. 56. ISBN 84-460-1189-1.