Celestino Poza Cobas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Celestino Poza Cobas
Nacemento 22 de marzo de 1868
  Pontevedra
Falecemento 8 de agosto de 1954
Soterrado Cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra
Nacionalidade España
Ocupación xornalista, mestre e político
Fillos Luis Poza Pastrana
editar datos en Wikidata ]

Celestino Poza Cobas, nado en Pontevedra o 22 de marzo de 1868 e finado na mesma cidade o 8 de agosto de 1954, foi un mestre, médico e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sepulcro no cemiterio de San Amaro de Pontevedra, xunto a súa filla e o seu xenro.

Fillo de Laureano Poza Estévez. Logo de traballar como carpinteiro, estudou bacharelato en Pontevedra, Maxisterio e posteriormente Medicina, por libre, en Compostela, licenciándose en 1892. Colaborou en La Unión Republicana. Embarcouse como médico nun navío. Dende 1893 residiu en Filipinas, asentándose logo en Calapán, capital da illa de Mindoro. Alí adquiriu varias propiedades. En 1898 na guerra, foi ferido nun asalto que os tagalos efectuaron ao lugar onde vivía. Logo de resistiren 40 días, firmaron a capitulación honrosa, quedando Poza e os seus compañeiros en calidade de prisioneiros. En abril de 1899 chegou a Barcelona, no vapor «Alicante», e despois foi recibido na súa cidade natal como un heroe.

De regreso a Pontevedra en 1899, converteuse nun dos homes fortes do republicanismo local, pero a súa personalidade provocou algúns problemas: no semanario El Centinela, dirixido por Emiliano Iglesias, mostrase o malestar de elementos republicanos “disgustados con el autoritarismo que demuestra el nuevo hombre fuerte del movimiento, Celestino Poza Cobas". Tamén colaborou en La Justicia.

En 1902 inaugurou o Sanatorio Poza, que dispuña de salas de operacións, radiodiagnóstico, radioterapia, infravermellos e ultravioleta e sala de masaxes. En 1903 dirixe a Escola Laica, financiada polo Comité Local do Partido Republicano de Pontevedra. En 1904 solicitou praza de médico, sen emolumentos, no Hospital Provincial, sen éxito.

Foi concelleiro en Pontevedra, no período 1906-1909. En 1908 foi proposto pola Corporación para ocupar unha praza de gratuíta cirurxián, Celestino aceptou, pero un conflito co director do Hospital paralizou o ingreso. Aínda que o asunto das incompatibilidade foi resolto favorablemente polo Concello, definitivamente, Celestino Poza decidiu renunciar á praza. Nestes anos xa é un reputado médico-cirurxián.

Foi o encargado de botar a andar o movemento de Solidaridad Gallega na provincia de Pontevedra en 1907; entrevistado por Eugenio López Aydillo, confesaba que case non tiña de quen botar man.

A finais de 1914 solicita ao Concello que o nomee médico honorario gratuíto, ao que accede a Corporación, pero poucos meses despois foi destituído polo alcalde. Mantivo unha estreita amizade co médico Manuel Varela Radío e con Juan Rof Codina.

Foi un dos promotores do Centro Republicano de Pontevedra, e presidiu a súa asemblea constituínte en marzo de 1930. Influíu para que o Centro se definira a prol do radical-socialismo, trunfando as súas teses e dando lugar ao nacemento o Partido Republicano de Pontevedra, do que será presidente en 1931, e o seu delegado na Federación Republicana Galega. Neste mesmo ano 1931, considerando que a FRG non responde ás expectativas, promove que se ingrese no Partido Republicano Radical Socialista, sendo presidente do comité pontevedrés e asistindo como delegado ao seu Congreso galego de 1931, ao nacional de 1932 e de novo ao Congreso galego celebrado en Compostela entre os días 11 e 12 de marzo de 1933. Neste foi elixido presidente do Comité Rexional do Partido. Foi director de La República, órgano do PRR-S, fundado en setembro de 1931. Dende 1935 militou en Unión Republicana, partido do que foi presidente do Comité Local de Pontevedra, resultando elixido deputado nas eleccións de febreiro de 1936 pola candidatura da Fronte Popular[1]. En 1936 era de secretario no consello de La Libertad (do que fora director en 1906).

En 1933 foi, brevemente, Director interino do Gran Hospital pero as diferenzas políticas do momento motivaron o seu cesamento, aínda que seguiu como cirurxián. A súa crítica á creación dunha praza de médico actinólogo para o Sanatorio da Lanzada provocou unha irada reacción dos xestores da Deputación, que o cesaron do seu posto de médico no Hospital. A finais de 1933 foi reintegrado. Unha grave doenza que sofre en 1934 fixo que presentara a renuncia, aínda que seguiu traballando no Sanatorio, que estaba conectado á súa casa por un pasadizo subterráneo secreto[2].

Co triunfo da sublevación militar fascista, foi detido e trasladado ao Instituto, habilitado como prisión. Realizou un longo periplo por outros cárceres da provincia, no que foi sometido a torturas. Xunto co seu fillo Celestino e outros republicanos foi trasladado á illa de San Simón. Como exercía moitas veces os seus labores sanitarios cos presos e mesmo con oficiais da prisión, ofrecéronlles durmir na Oficina, pero rexeitaron a oferta. En novembro recibiron a noticia do fusilamento, na Caeira, do seu fillo Luis. Protagonizou, xunto cun grupo de evanxélicos de Marín, o seu fillo Celestino e Evaristo Mosquera, un plante, negándose a confesar cos cregos da prisión.

Procesado, o consello de guerra celebrouse o 17 de febreiro de 1937, sendo condenado a reclusión perpetua con accesorias de interdición civil e inhabilitación absoluta. Os seus bens foron incautados e o sanatorio saqueado. Foi posto en liberdade en 1941. O pouco que quedou dos seus bens foilles devolto en 1943.

Casou con Consuelo Pastrana, coa que tivo seis fillos: Marina, Celestino, Electra, Luis, Consuelo e Aurora. Faleceu en Pontevedra o 8 de agosto de 1954, e foi soterrado no cemiterio civil.

En abril de 2016, a raíz de se facer pública a existencia do túnel que conectaba a residencia familiar de Celestino Poza Cobas co seu lugar de traballo, sóubose que o corredor subterráneo, construído por unha teima persoal do médico, fixo as veces de refuxio para moitos republicanos perseguidos polas autoridades fascistas durante os anos da Guerra Civil. Segundo o testemuño de algúns familiares, Celestino Poza "axudou a escapar a moitas persoas ata Portugal".[3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]