Ceca de Nicomedia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ceca de Nicomedia

Sólido de Licinio

LICINIVS AVGVSTVS, cabeza laureada cara á dereita. IOVI CONS LICINI AVG, Xúpiter no trono cara á esquerda, con inscrición SIC X/SIC XX na base, cunha Vitoria sobre un orbe na man dereita e un cetro na esquerda, e ao pé unha aguia. No exergo: SMNG.
Ceca de Nicomedia, 3º obradoiro. Ca. 317-318. 5,34 g. [1]

A ceca de Nicomedia foi un obradoiro monetario da Antiga Roma establecido na cidade de Nicomedia (a actual İzmit), na Asia Menor. Estivo activo desde a fin do século III d. de C. ata a segunda metade do século V, e posteriormente, como ceca bizantina, de 498 a 629. As súas marcas de ceca foron NIKOMI, NIKO, NIKM, NIC, NIK, NI e N.[2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Baixo o Imperio Romano, Nicomedia era capital da diocese do Ponto e estaba situada nun cruzamento das principais rutas que articulaban o territorio de Asia Menor, o que lle asegurou á cidade unha prosperidade económica baseada no comercio, aínda que cun carácter subalterno con respecto á súa veciña Constantinopla, capital da parte oriental do Imperio.[4]

Nese contexto, en 294, en tempos de Diocleciano, instalouse na cidade unha ceca onde comezou acuñarse moeda de ouro, de prata e, especialmente, de bronce, para abastecer de circulante a diocese póntica. A ceca dividíase en dous obradoiros para a cuñaxe de moeda de bronce. No entanto, a súa produción non foi moi abundante durante a tetrarquía, en comparación coa das cecas máis próximas. No segundo período tetrártico, a ceca aumentou notablemente a súa produción, ao dividir a cuñaxe en catro obradoiros inicialmente, que chegaron a sete en tempos de Licinio (263-265).[4]

Follis da ceca de Nicomedia a nome de Constantino II (337-340)

Coa reforma monetaria de Xuliano o Apóstata (361-363) o número de obradoiros descendeu a tres e a produción reduciuse. Porén, ao decatárense os emperadores do importante papel de Nicomedia como bastión defensivo de Constantinopla, a presenza militar na cidade aumentou e, con ela, a necesidade de novo circulante, o que levou á apertura dun cuarto obradoiro, que funcionou ata tempos de Arcadio (395-408), cando se reduciu a dous.[4]

Follis de 40 nummi da ceca de Nicomedia, coa marca de ceca NIK

A ceca mantivo a súa actividade nas primeiras épocas do Imperio Bizantino. Logo da reforma monetaria de Anastasio I (491-518), levada a cabo en 498, a ceca pasou a limitar a súa cuñaxe (do mesmo xeito que a súa ceca xemelga de Cízico) ás moedas de bronce.[5] Xunto coa ceca de Cízico, a de Nicomedia xogou un importante papel na seguinte reforma monetaria de 539.[6] Nos séculos VI e VII utilizáronse marcas de ceca de dous obradoiros, indicados como A e B.[7]

Por mor da ocupación persa cesou a súa actividade entre 614 e 615 e despois, novamente, entre 625 e 626.[8] Logo dunha efémera reapertura pechou definitivamente no marco da reorganización das cecas emprendida polo emperador Heraclio I (629), xunto coa ceca de Tesalónica.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. RIC VIII 20 corr.
  2. Grierson, P. (1982). Páxina 22.
  3. "Roman Mints: Nicomedia". En Forum Ancient Coins
  4. 4,0 4,1 4,2 "Knowing the Roman imperial mints: XI-Nicomedia". Aeternitas Numismatics.
  5. Grierson, P. (1982). Páxinas 63 e 47.
  6. Grierson, P. (1982). Páxina 64.
  7. Grierson, P. (1982). Páxina 24.
  8. Hendy, M. H. (2008). Páxinas 416-417.
  9. Grierson, P. (1982). Páxinas 85 e 106.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]