Castelo de Coca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Coca
ben de interese cultural
ConcelloCoca
ProvinciaSegovia
Comunidade
autónoma
Castela e León
Coordenadas41°12′55″N 4°31′32″O / 41.21527778, -4.52555556Coordenadas: 41°12′55″N 4°31′32″O / 41.21527778, -4.52555556
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalgótico-mudéxar (século XV-XX)
Estilo actualRestaurado
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Coca é unha fortificación da localidade de Coca na provincia de Segovia, Castela e León, España. A fortaleza foi construída no século XV dentro do estilo gótico-mudéxar[1]. Pertence á Casa de Alba, e está cedido ao ministerio de Agricultura de España ata o ano 2054. Está declarado Ben de Interese Cultural.

Situación[editar | editar a fonte]

Está situado nos arredores da vila sobre o meandro do río Voltoya -afluente do Eresma- nunha explanada dunha zona escarpada. É unha das fortalezas de España que non se asenta sobre un outeiro, senón sobre unhas escarpas do terreo. Rodea o edificio un ancho e profundo foso.

Descrición[editar | editar a fonte]

A súa construción, atribuída aos alarifes sevillanos, realizouse no século XV principalmente en ladrillo, utilizado non só como material de obra, senón tamén como elemento decorativo; a pedra calcaria aparece nas seteiras, as columnas do patio de armas e outros elementos decorativos.

O seu sistema defensivo consta de tres partes: o foso e dous recintos amurallados con torres grandes. Ademais, dispón dunha ponte defensiva sobre o foso, que conduce ao primeiro recinto amurallado; tras el, rexístrase unha porta enreixada que leva ao patio de armas.

O recinto inferior é de planta cadrada, e atópase flanqueado nas súas esquinas por catro torres, sendo a de maior tamaño a torre da homenaxe, percorrida no seu interior por unha angosta escaleira de caracol realizada en ladrillo que permite o acceso a diversas plantas destinadas a capela, sala de armas e outras estancias. A sala de armas posúe unha bóveda de nervaduras góticas con mosaicos decorados de motivos xeométricos de varias cores. Dende o alto da torre divísanse os castelos de Cuéllar e de Íscar.

A torre de Pedro Mata segue en tamaño á da homenaxe, seguramente porque xunto a ela protexe a porta de acceso ao patio de armas. As dúas restantes son a torre da Muralla e a dos Peixes. Dentro do recinto poden encontrarse tamén outras salas con decoración de estuco e mural, así como un alxube.

Castelo de Coca

Historia[editar | editar a fonte]

A vila pertenceu á Coroa de Castela ata que en 1439 foi cedida a Íñigo López de Mendoza, marqués de Santillana, quen en 1451 a permutou pola vila de Saldaña con Alonso de Fonseca e Ulloa, bispo de Ávila e arcebispo de Sevilla. En 1453, Alonso de Fonseca e Ulloa obtivo do rei Xoán II de Castela o permiso real para edificar o castelo, aínda que a súa construción non se empezou ata varios anos despois. Pois como tivo que ausentarse de Coca, Alonso de Fonseca e Ulloa cedeu en 1460 os dereitos da vila ao seu irmán Fernando de Fonseca, que os exerceu ata a súa morte en 1463. Alonso faleceu en 1473 sendo arcebispo de Sevilla, e Coca foi herdada polo seu sobriño, Alonso de Fonseca e Abeledo, fillo de Fernando, quen levou a cabo a construción da meirande parte do castelo, ata quedar practicamente rematada en 1493. A partir de entón foi residencia palaciana e escenario de grandes festas, ás cales asistiron notables personalidades.

Nomeou o seu sobriño Alonso de Fonseca e Acevedo coma o seu sucesor, quen mandou construír o castelo en 1473 e converteuno en residencia señorial, onde celebrou grandes festas que eran frecuentadas por diferentes personalidades, entre as que destaca o Cardeal francés Jean Jouffroi, que chegou a Castela coa proposta de matrimonio entre a infanta Isabel (despois raíña) co duque de Berry de Guyena, irmán de Lois XI de Francia. Tamén visitou o castelo Beatriz de Bobadilla, marquesa de Moya.

En 1502, os Reis Católicos aseguráronse de que en caso de morte de Alonso, o castelo pasase ao seu irmán Antonio Fonseca. E no ano seguinte a raíña Isabel decretou que os herdeiros da vila de Coca só poderían ser varóns, dese xeito eliminou a posibilidade de que o castelo fose herdado por unha das dúas únicas fillas do seu dono. Por iso en 1505, Coca paso ao seu irmán Antonio Fonseca, capitán dos Reis Católicos.

En 1504 pasou a ser propiedade de Antonio de Fonseca, que ampliou os elementos defensivos do castelo, que máis tarde tivo que defenderse do infortunado ataque do marqués do Cenete, quen pretendía rescatar a súa prometida, María de Fonseca, que estaba retida polo seu tío. En 1512 traballaron no castelo alarifes sevillanos (mestres de obras), que posiblemente foron os artífices de moitas das súas decoracións. En 1521 foi atacado polas tropas comuneras en represalia polo incendio de Medina del Campo levado a cabo polo propio Antonio de Fonseca; debido a que non puideron conseguir acceder ao castelo, destruíron a fortaleza próxima de Alaejos. En 1645, foi prisión do duque de Medina-Sidonia, Gaspar Pérez de Guzmán, acusado de terse proclamado rei de Andalucía. E máis adiante, por casamentos, o castelo pasou a ser propiedade da Casa de Alba.

En diferentes épocas pasou por importantes reformas: galerías do Patio de Armas no século XVI, das Torres da Homenaxe e de Pedro Mata no século XVII; e outras melloras en 1715. Pero a partir de 1730 o seu arquivo foi trasladado a Madrid, e o castelo caeu no abandono e a rapina. En 1808, durante a Guerra da Independencia, os franceses ocuparon a vila de Coca e as súas tropas instaláronse no castelo causando importantes danos nel. Cando os franceses o abandonaron en 1812 só quedaban del ruínas. E en 1828, un administrador da Casa de Alba sen escrúpulos vendeu materiais do castelo, entre eles columnas de mármore do patio, o que acentuou aínda máis a súa ruína.

En 1926, o castelo foi declarado Monumento Nacional. En 1931 foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1954 foi cedido ao Ministerio de Agricultura por un período de tempo de 100 anos menos 1 día, sendo restaurado entre 1956 e 1958 para acoller a Escola de Capacitación Forestal. En 1994 foi escenario dun dos capítulos do concurso televisivo de TVE titulado La noche de los castillos.

Escola de capacitación forestal[editar | editar a fonte]

Trala súa cesión ao Ministerio de Agricultura en 1954, e a partir da finalización da súa restauración en 1958, partes das salas do castelo pasaron a ser a sede da Escola de Capacitación Forestal, que é moi solicitada por alumnos de toda España. Desde 1958 teñen pasado polas súas aulas 39 promocións de Capataces Forestais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Castillo de Coca, consultado o 31 de xaneiro de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]